etíope
(< lat Aethĭope < gr A)
-
adx
Relativo ou pertencente a Etiopia, aos seus habitantes ou á súa lingua.
-
s
Natural ou habitante de Etiopia.
-
alfabeto etíope
[ESCR]
Alfabeto propio das linguas etíopes. Creada polos gueez (ou ge’ez), esta escritura foi adoptada despois polo amhárico. Pode ser datada do s III en diante, e deriva da escritura sabea (do S de Arabia). Escríbese de esquerda a dereita e consta de vinte e seis consoantes (vinte e catro son préstamos da escritura sabea e dúas de creación propia), cada unha delas toma formas diferentes ao unirse a cada un dos sete sons vocálicos.
-
arte etíope
[ARTE]
Arte desenvolvida en Etiopia. O carácter híbrido dalgunha das súas manifestacións non permite distinguir se son obra de artistas foráneos influídos polas tradicións locais ou nativas que seguen os modelos estranxeiros. Os restos máis antigos son representacións rupestres, humanas e zoomórficas, conservadas na zona de Eritrea. As invasións dos pobos subarábigos reflectíronse no denominado período paleoetíope, do que se conservan restos na cidade de Axum. Os templos, os palacios e as tumbas mostran un tipo de edificios alzados sobre un podio de chanzos, cun muro ao redor do seu perímetro e cunha escalinata de acceso. Dende o s V a C, destacan as construcións con máis de 30 m de altura con relevos simbólicos que puideron ser monumentos funerarios ou conmemorativos. Cómpre destacar, entre outras, a igrexa do convento de Däbrä Dammò (ss VI-X). O período medieval, especificamente cristiá, foi máis rico no eido artístico. As formas arquitectónicas características son as igrexas monolíticas escavadas na rocha, de tipo hipoxeo, moi numerosas na rexión de Lasta. Xeralmente de planta circular, presentan unha ou varias plantas, segundo as dimensións do edificio, e case sempre cunha cela no centro; entre outras destacan as de Lalibela (s XII). Aínda que nalgunha destas igrexas se poden observar baixorrelevos, a maioría delas presentan os muros cubertos de pinturas máis rudas que as que iluminan os manuscritos, caracterizadas polas formas lineais e esquemáticas, as cores planas e frías e polo realismo das escenas nun estilo influenciado pola arte copta. No s XIV floreceu a miniatura, a maioría dos libros miniados conservados presentan características sirio-armenias. Moitas destas igrexas foron destruídas durante as invasións musulmanas do s XVI. As construcións posteriores realizáronse baixo a influencia europea, especialmente a portuguesa. As máis representativas localízanse na rexión de Gondar, importante centro de pintura mural. Son edificios de planta cadrada, con torres defensivas ou tamén de dúas ou tres plantas cunha cuberta plana ou apuntada. A posterior evolución da arquitectura foi máis lenta. No s XX cómpre destacar as achegas de artistas e enxeñeiros italianos ao plano de Addis Abeba (1936), onde destacan as igrexas de planta octogonal, feitas de pedra, madeira e ferro e decoradas nun estilo moi simple.
-
linguas etíopes
[LING]
Grupo de linguas que pertencen á rama setentrional das linguas semíticas occidentais. Fálanse nunha parte do Estado de Etiopia. Ten orixe en diversos dialectos do S de Arabia, traídos por colonos procedentes daquela zona ao territorio etíope, onde, en contacto coas linguas cuxitas, evolucionaron paralelamente. Das linguas etíopes, a máis antiga é o gueez, o etíope antigo, o tigriña, falado na zona Axum, e o tigre, non escrito, lingua única dalgunhas tribos musulmanas da rexión costeira de Mesewa, das illas Dahlak e de Sawãkin (Sudán). Outras linguas etíopes son o amhárico, lingua oficial de Etiopia, o gafat, falado no SL de Gojjam, na ribeira dereita do Abbai, aínda que case extinguido, o argobba, o harari, lingua dos musulmáns da cidade de Harar, e o gurage, que comprende un conxunto de dialectos falados na rexión do mesmo nome. Destas linguas teñen literatura propiamente dita o gueez e o amhárico.
-
música etíope
[MÚS]
Conxunto de tradicións e textos musicais do culto litúrxico cristián etíope. O canto etíope recibe a influencia do copto e, entre outros, do sirio. O sistema musical ten esencialmente tres modos: o gueez ou modo primitivo, que orixina cantos moi sinxelos; o ezel, de rexistro grave, empregado nas melodías fúnebres; e o aray, de rexistro agudo e moi ornamental. O canto comunitario acompáñase por instrumentos de vento, corda e de percusión (tambores, timbais e sistros) e por movementos rítmicos de pés e mans.