etoloxía
(
Rama da bioloxía que estudia o comportamento dos animais, baixo as condicións do hábitat natural, e os mecanismos que o determinan. A etoloxía, desenvolvida sobre todo no s XX, fundaméntase sobre outras ramas da bioloxía, como a bioquímica, a xenética, a ecoloxía ou a zooloxía. Dende os gregos había diversas observacións e descricións de tipo anecdótico da vida dos animais e dos seus costumes, pero foron as consecuencias das teorías evolucionistas de Ch. R. Darwin as que posibilitaron o nacemento dunha etioloxía con rigor científico, que tivo como máximos representantes a K. Lorenz, K. von Frisch e N. Tinbergen. A etioloxía moderna explica o comportamento como a serie de accións que modifican en cada momento preciso a relación existente entre un organismo e o medio que o envolve. É, xa que logo, un concepto dinámico que inclúe a facultade de adaptación ao medio externo. A modificación adaptativa do animal como un todo ten lugar a través dunha pauta de conduta. Ao clasificar o comportamento dos animais, establécese unha primeira división entre os animais que teñen un comportamento estereotipado e os que teñen un comportamento con intervención da aprendizaxe individual. O comportamento estereotipado caracterízase por patróns ríxidos de conduta, case idénticos en todos os individuos que compoñen a especie, que poden ser evocados facilmente por estímulos precisos simples e que, unha vez desencadeados, se cumpren fatalmente ata ao final. O comportamento con intervención da aprendizaxe individual é moito máis flexible e caracterízase porque as experiencias pasadas deixan unha pegada ou memoria, que permite modelar ou modificar as condutas futuras. Os dous tipos de comportamento son adaptativos e pódense establecer subxerarquías ou gradacións cualitativas da capacidade de comportamento. Deste xeito, no comportamento estereotipado hai, de menos a máis, tropismos, taxes, reflexos simples e comportamentos complexos instintivos. A aprendizaxe pode ter lugar, tamén de menos a máis, por habituación, por imitación, por ensaio e erro, por conceptualización ou por razoamento complexo con simbolismos, entre outros. No estudo dos patróns de comportamento xorden dous métodos de investigación que desembocan en escolas diferentes; por un lado están os estudios de campo, representados sobre todo pola escola europea ou escola etiolóxica, que acentúan a descrición dos patróns de conduta do animal no seu hábitat natural; e por outra, a escola americana, formada polos psicólogos experimentais, que estudia a natureza da aprendizaxe mediante o coñecemento das estruturas nerviosas, endócrinas, etc, que se vinculan máis estreitamente coa determinación do comportamento, integradas dentro da totalidade do animal. Ao falar de comportamento e ao clasificalo inténtase non explicar o comportamento animal en termos de capacidades humanas, isto é, non antropomorfizar os animais nin explicar o complexo comportamento humano mediante esquemas moito máis simples.