Eurobasket
Campionato europeo de seleccións nacionais de baloncesto, que se celebra nos anos impares. Comezouse a disputar en 1935. A cuarta edición celebrouse en 1946, trala paréntese obrigada pola Segunda Guerra Mundial. Ao ano seguinte (1947) xogouse a quinta edición, para recuperar a secuencia normal de dous anos en 1949. Os equipos bálticos gañaron as primeiras edicións (Letonia, en 1935 e Lituania, en 1937 e 1939). A Unión Soviética encabeza o palmarés deste torneo, con catorce títulos, aos que lles hai que engadir tres subcampionatos e catro medallas de bronce. O dominio dos soviéticos, que monopolizaron a medalla de ouro entre 1957 e 1971, cesou antes da disolución da URSS en 1991, pois conseguiron o último triunfo en 1985; dende aquela os seus herdeiros, Rusia e Lituania, só conseguiron senllos subcampionatos (1993 e 1995, respectivamente), ademais do obtido polo equipo soviético en 1987, para desaparecer do podio tralo bronce ruso en 1997. Iugoslavia, segunda no medalleiro con oito triunfos, cinco medallas de prata e catro de bronce, non se viu tan afectada pola súa disgregación, tamén a partir de 1991, e aos cinco campionatos gañados antes daquela data sumou tres novos títulos (os da Iugoslavia serbia e montenegrina) e tres medallas de bronce, dúas delas do equipo croata. Completan a relación de campións, Italia (con dous títulos), Checoslovaquia, Exipto, Hungría, Grecia e Alemaña. España, que organizou a fase final do torneo en 1973 e 1997, gañou catro medallas de prata (1935, 1973, 1983 e 1999) e dúas de bronce (1991 e 2001).