euro

euro

(

s m [ECON]

Unidade monetaria única da Unión Económica e Monetaria Europea. Adoptouse este nome na reunión do Consello Europeo, celebrada en Madrid en decembro de 1995, e a súa entrada en vigor, que constituía a última fase da Unión Económica e Monetaria contida no Tratado de Maastricht, tivo lugar o 1 de xaneiro de 1999. Para amortecer os efectos negativos derivados de economías desiguais, a Unión Europea fixou uns criterios de converxencia que establecían uns límites en canto á inflación, débeda e déficit público, tipo de interese e estabilidade monetaria, comúns a todos os estados membros e levados a cabo, segundo declarou en 1998 a Comisión Europea, por once dos quince estados (Alemaña, Austria, Bélxica, España, Finlandia, Francia, Holanda, Irlanda, Italia, Luxemburgo e Portugal). Mentres que Grecia incumplía algúns, e houbo de elaborar un novo calendario de ingreso, Dinamarca, o Reino Unido e Suecia decidiron pospoñer a súa incorporación á moeda única. A entrada en vigor do euro comportou a desaparición do termo xenérico ECU. O cambio definitivo da moeda española a partir de xaneiro de 1999 fixouse en 166,386 pesetas por un euro. O 1 de xaneiro de 2002 púxose en circulación, cun período de dous meses de coexistencia coas moedas nacionais, en doce dos quince países da Unión Europea.

Palabras veciñas

euritmia | Euritmia | eurítmico -ca | euro | euro- | Eurobasket | eurobono