Eurofor

Eurofor
Nome científico: [Euroforza Operativa Rápida]

Forza multinacional constituída durante o Consello de Ministros da Unión Europea celebrado en Lisboa en maio de 1995. Os titulares dos ministerios de Defensa e Asuntos Exteriores de Francia, Italia, España e Portugal acordaron a creación dunha forza terrestre, lixeira e facilmente despregable, para dar resposta ás novas misións definidas na Declaración de Petersberg. Pode actuar de forma independente ou conxunta en misións humanitarias, de evacuación, de mantemento ou imposición da paz e na xestión de crises. En outubro de 1995 conformouse o Estado Maior da Eurofor e estableceuse o seu cuartel xeral en Florencia. En outubro de 1996 nomeouse como primeiro comandante da Eurofor o xeneral de división español Juan Ortuño Such, que foi substituído en 1998 polo xeneral italiano Ciro Cocozza. Desde febreiro de 2001 diríxea o xeneral francés Michel Barro. Membros da Eurofor participaron, entre outras misións, en Bosnia-Herzegovina e Albania.