Europa Press

Europa Press
Nome científico: [ep]
[COMUN]

Axencia de comunicación fundada en 1957 por Torcuato Luca de Tena, Rafael Calvo Serer, Antonio Fontán, Gonzalo Fernández de la Mora, Ángel Benito e Andrés Rueda. Dedicada inicialmente á distribución de libros e servicios de documentación, a partir de 1959, coa incorporación de Carlos Soria, variou a súa orientación cara ás reportaxes gráficas. En 1964 conseguiu a autorización para difundir noticias e asinou un contrato con Associated Press para distribuír un servizo gráfico mundial. En 1966, coa nova Lei de Prensa, comezou a transmitir o seu servizo de noticias, que constaba de seis informacións diarias. En 1982 comezou a edición do boletín Report from Spain en inglés, que se envía a empresas estranxeiras e embaixadas interesadas na realidade española. En 1988 informatizou todos os servicios informativos e dende 1995 modificou as súas transmisións a través do sistema Datacast. No mesmo ano comezou a distribuír información financeira a través do Ibertex e Tele 5, e promoveu Canal Guía TV, que facilita datos sobre programación televisiva. Dende xaneiro de 1997 conta cun Servicio Internacional de noticias e cunha rede propia de correspondentes, que se ampliou no ano 2001 coa creación do Servicio Latinoamericano. Conta con máis de 500 profesionais divididos entre correspondentes, columnistas e colaboradores, tanto en España (15 redaccións) como no resto do mundo. Posúe dúas delegacións en Bruxelas e Miami e unha ampla rede de máis de 20 correspondentes. Á parte, traballa con dezaseis correspondentes só en Hispanoamérica. O grupo de comunicación está integrado por sete sociedades con cinco áreas de negocios: Europa Press, Europa Press Comunicación, Europa Press Internet, Europa Press Reportajes e Europa Press Televisión. Conta con máis de 1.500 clientes entre medios e axencias de comunicación, empresas privadas, administracións públicas e entidades financeiras. Edita máis de 3.000 noticias diarias e posúe un Servicio Nacional, 15 servicios autonómicos, un Servicio Internacional, un Servicio de Deportes e un Servicio OTR. En Galicia abriu a súa delegación en Santiago de Compostela en 1995 e conta con correspondentes nas principais vilas de Galicia.