euxénese

euxénese

(< eu- + xénese)

s f

Teoría política e biolóxica creada por Francis Galton, curmán de Charles Darwin, e exposta en Inquiries into human faculty (Preguntas ao redor da facultade humana, 1907), onde se explicaba a necesidade de que só se reproduciran as persoas xeneticamente sas para erradicar as enfermidades de natureza hereditaria. Esta teoría apareceu cando, como consecuencia da revolución industrial dos ss XVIII e XIX, a acumulación de persoas nas cidades e a fame, favoreceron a aparición de enfermidades que se crían de natureza hereditaria, ou que afectaban aos caracteres hereditarios, como a tuberculose, a sífilis ou o alcoholismo. Aínda que errónea -debido ao descoñecemento absoluto da xenética das poboacións que existía naquel momento e da imposibilidade real de erradicar dun grupo humano calquera tipo de característica xenética- a teoría púxose en práctica en diversos estados europeos e americanos. Xa nos EE UU se seleccionaban os escravos que se reproducían nas granxas, coa intención de obter traballadores máis fortes e submisos; logo establéceronse, para toda a poboación, leis de esterilización en diversos estados (dende 1907 en Indiana), e a selección dos inmigrantes aos que se lles permitía o acceso ao país. En Europa destacou, ademais dos programas de esterilización postos en práctica nalgúns países como os escandinavos, as medidas emprendidas polo Terceiro Reich alemán que abarcaron dende exterminios ata experimentos de crianza con soldados alemáns. A lei euxenética fundamental da lexislación nacionalsocialista alemá foi a Lei para a prevención da descendencia hereditariamente enferma de 1933. Esta lei contemplaba a esterilización das persoas que padecían o que se consideraban enfermidades xenéticas - caso da síndrome de Down, esquizofrenia, epilepsia, cegueira, xordeira, malformacións ou alcoholismo-, e prohibía o casamento a persoas con enfermidades que se consideraban contaxiosas ou xenéticas, mesmo unións de alemáns de raza europea con xudeus. Na actualidade, a euxenesia está limitada á selección de embrións para implantar na reprodución artificial e, posiblemente, na clonación.