Evans, Arthur John
Arqueólogo, etnógrafo e xornalista inglés, fillo de sir John Evans. Formouse en Harrow, Oxford e Göttingen e foi correspondente do Manchester Guardian en Dubrovnik, antes de ser nomeado director do Ashmolean Museum de Oxford (1884). Formou parte da comisión do comité balcánico londinense que visitou Macedonia trala Gran Insurrección (1903). Realizou escavacións en Escandinavia, Dalmacia e os Balcáns antes de trasladarse a Creta en 1894, coa intención de iniciar as escavacións no outeiro de Kefala, pero a situación política da illa fíxoo desistir ata 1899. Entre 1899 e 1935, axudado polo arqueólogo escocés Duncan Mackenzie, escavou o palacio de Knossos e cuñou o termo minoico para referirse á cultura que se desenvolveu na illa de Creta durante a Idade do Bronce. Entre 1921 e 1936 realizou unha discutida restauración e reconstrución do palacio de Knossos. Entre as súas obras destacan The Slavs and European civilisation (Os eslavos e a civilización europea, 1878), Primitive pictographs and a prae-Phoenician script, from Crete and the Peloponnese (Primitivos pictogramas e escritura pre-fenicia de Creta e do Peloponeso, 1894), The Mycenaean tree and pillar cult and its Mediteranean relations, with illustr. from recent Cretan finds (A árbore micénica e o pilar da cultura e as súas relacións mediterráneas con ilustracións dos recentes achados en Creta, 1901), Scripta Minoa (Escritura minoica, 1909) e The Palace of Minos (O palacio de Minos, 1921-1935). Foi distinguido co título de sir.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Nash Mills, Hertford -
Deceso
Lugar : Boar’s Hill, Oxfordshire