Evreinov, Nikolaj

Evreinov, Nikolaj

Investigador, dramaturgo e director de escena ruso. Participou activamente na longa xeira de experiencias renovadoras e transformadoras que se desenvolveron en San Petersburgo e Moscova, e que procuraban novas formas de teatralidade alleas ao realismo e ao naturalismo do momento. Creou a compañía do Teatro Antigo coa que explorou as posibilidades da commedia dell’arte italiana, da literatura dramática medieval francesa e da escrita do Século de Ouro español. Desenvolveu un especial gusto polas formas teatrais populares en que as caretas italianas se mesturaban cunha visión paródica e grotesca da existencia. Dirixiu (1910-1917) o Teatro do Espello Torcido, onde desenvolveu o seu proxecto do teatro das pequenas formas. Escribiu máis de cen monodramas e creou parodias literarias, arlequinadas, pantomimas e outros xogos e divertimentos onde se mesturaba a lectura crítica coa experimentación vangardista. Foi un dos primeiros impulsores do movemento do Outubro Teatral e participou na escenificación de O asalto ao palacio de inverno (1920) en San Petersburgo. En 1925 emigrou a París, onde continuou coa escrita de textos teóricos e históricos sobre a arte teatral, como Introdución ao monodrama (1909), O teatro como tal (1912), O teatro na Rusia soviética (1945) e Historia do teatro ruso (1947).

Cronología

  • Nacemento