Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive

Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive
Nome científico: [EGPGC]

Organización revolucionaria nacionalista que defendía unha Galicia libre da explotación dos seus recursos por parte de monopolios e multinacionais, con especial énfase na defensa dos recursos ecolóxicos (augas, montes) e que utilizou a loita armada para a consecución dos seus fins. Integrada por persoas próximas a organizacións independentistas galegas, como Galiza Ceibe, UPG, PCLN e APU, protagonizou diferentes atentados ata que foi desarticulado pola policía a finais de 1990. O EGPGC, que tivo como precedentes aos grupos Loita Armada Revolucionaria (LAR) e Liga Armada Galega (LAG) e ao que se lle atribuíron conexións con outros grupos extremistas non galegos, iniciou a súa actividade en febreiro de 1986. Dende entón cometeu unha serie de actos violentos, como roubos e atentados contra entidades bancarias, delegacións do goberno central, empresas privadas e bens particulares ao longo de toda a xeografía galega, entre os que cómpre destacar os realizados en Pontevedra (CELULOSAS, ELNOSA), Santiago (FINSA), Ferrol (contra a estatua de Franco), Perbes (voadura da residencia de verán do presidente da Xunta, Manuel Fraga) e Betanzos (voadura do chalé dun directivo de SEGASA). O 2 de febreiro de 1989, cinco dos seus membros tendéronlle unha emboscada a unha patrulla da Garda Civil no concello de Monfero,   co resultado da morte dun dos gardas, mentres o outro quedaba ferido. En outubro de 1990 tivo lugar o segundo e derradeiro dos seus atentados mortais. Nesta ocasión, membros dun comando do EGPGC tiñan previsto a colocación dunha serie de artefactos explosivos en diferentes localidades galegas co obxectivo de atentar contra lugares onde presumiblemente actuaban traficantes de droga. O primeiro foi instalado en Pontevedra; o segundo en Santiago, na discoteca Clangor. Non chegou a haber un terceiro posto que, cando estaban a colocar a bomba tralos equipos acústicos do local santiagués, esta estoupou causando a morte de tres persoas (unha rapaza viguesa e as dúas que estaban a colocar o explosivo), e máis de corenta resultaron feridas de diversa consideración. A policía, dende mediados de 1988 e ao longo da existencia do EGPGC, detivo numerosas persoas acusadas de pertencer ou cooperar con esta organización, aos que lles impuxeron diferentes penas. Considéranse como os seus principais líderes Manuel Chao Dobarro e Antón Arias Curto.

Palabras veciñas

exercitar | exército | Exército Federal de Galicia | Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive | Exército Vermello | exérese | exergo