Exeter

Exeter

Capital do condado de Devon, Reino Unido, á beira do río Exe (104.500 h [1994]). Destaca como centro comercial e de comunicacións. A súa industria lixeira está especializada na produción de papel, coiro, artigos de metal e produtos alimentarios. Sede en época romana da II Lexión Augusta, recibiu o nome de Isca Dumnoniorum. Entrou en decadencia no s IV ata que na Idade Media se volveu desenvolver como centro comercial. Alcanzou unha enorme actividade durante a Idade Moderna. Trala Segunda Guerra Mundial, moitos dos seus edificios tiveron que reconstruírse. Do seu patrimonio cultural destacan as murallas (180-200), o castelo de Rougemont (1068), o Guildhall (1330) e a catedral gótica de San Pedro (ss XIII-XIV), co coro (s XIII) e o cruceiro (1279-1292), construídos baixo as torres da anterior igrexa normanda (1112-1166).