exipcio -cia
(< lat Aegyptĭu)
-
-
adx
Relativo ou pertencente a Exipto, aos seus habitantes ou á súa lingua.
-
s
Natural ou habitante de Exipto.
-
adx
-
s
m
[GRÁF]
Tipo de letra de pau groso e hasta uniforme; na conxunción de ambas non se produce diferenza de grosor. Está inspirada na forza e na estrutura dos monumentos exipcios e difundiuse a partir do 1820.
-
s
m
[LING]
Lingua falada no Antigo Exipto. Pertence á familia camito-semítica ou afroasiática. Está documentada dende o 3100 a C ao 473 d C, aínda que seguiu a falarse en forma de copto ata o s XVI. As súas orixes son controvertidas: para algúns é unha lingua semítica africanizada, mentres que outros opinan o contrario. Dende un punto de vista gramatical, presenta as seguintes características: na fonética, predominan as consoantes sobre as vocais; na morfoloxía triliteralismo (as palabras adoitan ter tres consoantes), consta de adxectivos nisbats e dun xenitivo indirecto formado por un n, e, ao mesmo tempo, contén unha gran riqueza no campo verbal, dos pronomes, da negación, das partículas e das preposicións; na sintaxe segue unha orde estrita das palabras na oración, aínda que frecuentemente sofre a ausencia de determinados adverbios (‘cando’, ‘aínda’), e de conxuncións (‘se’, ‘e’) que dificultan a súa comprensión. No léxico, está formado por un vocabulario rico, colorista e detallista. É precisamente esta minuciosidade, xunto cun enorme realismo, unha das características principais da lingua exipcia, que adoita aparecer expresada en forma de oracións breves e concisas. No transcorrer da súa longa historia, experimentou unha serie de cambios. De aí a súa división en fases: a primeira é a exipcia antiga (3100 a C-2160 a C). Como toda lingua en formación, presenta carencias no terreo da morfoloxía, do léxico e da fraseoloxía, extremadamente pobre e concisa. Do mesmo xeito, a ortografía resulta un tanto exótica, se se compara coa da fase seguinte. Aparece documentada nas lendas que acompañaban as escenas da vida cotiá atopadas en tumbas e nunha serie de inscricións funerarias, de carácter máxico-relixioso (Textos das Pirámides), autobiográficos e reais (moi escasas). A fase seguinte, o exipcio medio (2160 a C?-1379 a C), encádrase no período clásico da lingua. Mentres para algúns constitúe unha ruptura respecto do exipcio antigo, para outros, é, simplemente, unha evolución lóxica: a ortografía resulta equilibrada, a morfoloxía incorpora un novo pronome importante e algunhas formas verbais, e o vocabulario enriquécese sensiblemente. Á parte dalgúns xéneros documentados na fase anterior -inscricións reais, autobiográficas, literatura funeraria (Libro dos Mortos)-, disponse de textos científicos (papiros: Rhind, Ebers) e de obras puramente literarias (Historia de Sinuhé, Máximas de Ptahhotep). Os cambios son máis ostensibles na fase neoexipcia (1379 a C-715 a C), tanto no referente á ortografía (recargada) como á morfoloxía (uso regular dos artigos determinado e indeterminado, precisión moito maior nos tempos verbais e outros); o vocabulario vese enriquecido con palabras estranxeiras ou provenientes da fala coloquial, e a fraseoloxía enriquécese con novos termos. Aparece documentada en numerosos textos de carácter literario (Himno a Aton, Instrucións de Amenemope), xudicial (papiros sobre o saqueo da necrópole tebana), social, epistolográfico, misceláneo, científico e histórico. Unha prolongación é o demótico (715 a C-473 d C), empregado unicamente nos documentos privados, mentres que os textos monumentais desta época adoitan copiar o exipcio antigo ou o medio. O copto, propio dos cristiáns de Exipto, constitúe un novo desenvolvemento desta lingua, e, polo tanto, a súa quinta e derradeira fase.
-
arte exipcia
[ARTE]
Arte desenvolvida en Exipto. As manifestacións artísticas do Antigo Exipto caracterizáronse pola influencia da relixión e do centralismo político, e a importancia do máis alá. Os artistas eran anónimos e non asinaban as obras, aínda que tiñan un recoñecemento social. Foron manifestacións realizadas cunha intencionalidade utilitaria e non artística que non se modificaron ao longo dos séculos e que non recibiron influencias externas, pois estaban ao servizo do faraón. Os seus principios básicos foron a representación bidimensional, a frontalidade, a falta de perspectiva e a horizontalidade. A arquitectura definiuse polo colosalismo, o emprego dos perpiaños de pedra e o descoñecemento do arco e da bóveda, feito que provocou que fose arquitrabada. A columna tivo unha función estrutural e tamén decorativa. As primeiras foron troncos de árbore, aínda que co emprego da pedra os fustes se decoraron con estrías que reproducían as marcas dos troncos orixinais, e os capiteis acadaron diversas formas de follas: lotiformes (loto), palmiformes (palma), papiriformes (papiro), e campaniformes (forma de papiro pechado); a este tipo cómpre engadir a columna hatórica, que como capitel tiña a cabeza da deusa Hator. As tumbas construíronse con materiais resistentes na montaña e non no val do Nilo, anegado cada ano, feito que permitiu recuperar numerosas necrópoles e estudar a evolución da tumba exipcia. A mastaba, que apareceu na I e II dinastías (Sakkara e Abidos), constituíu a sepultura real por excelencia ata a III dinastía, cando comezaron a erixirse as pirámides. Foi a tumba privada ata finais do Imperio Medio. A pirámide constituíu a apoteose da arquitectura funeraria. Propia da IV e V dinastías, época coñecida como a idade das pirámides, empregouse tamén, aínda que dun xeito máis restrinxido, durante a XII (pirámides de Lišt, Dahšūr, Hawāra e Ilahun), XIII e XVII dinastías. As tumbas privadas evolucionaron cara ao final da VI dinastía e a nobreza provincial deixou de ser soterrada en mastabas a carón da pirámide real e pasou a ser soterrada en hipoxeos, na capital do seu nomós. Destacan, entre outras, as necrópoles de ‘Aswān, Asyūṭ, Mair e Banī-Ḥassan, datadas entre o final da dinastía VI e a dinastía XII. A partir do Imperio Novo, o hipoxeo foi a tumba máis usual, real e privada; entre outras, destacan as dos vales dos Reis, das Raíñas e dos Nobres en Tebas. Os templos funerarios consagrábanse ao culto funerario dos faraóns. Das dinastías III e IV consérvase o templo da pirámide de chanzos de Sakkara e os templos das tres pirámides de Al Gīza (Kheops, Kefren e Micerinos). Non se conserva ningún resto do Primeiro Período Intermedio, pero si da dinastía XI, o de Mentuhotep II, en Dayr al-Baḥri. Non se conserva nada da dinastía XII nin do Segundo Período Intermedio, fronte ao Imperio Novo, período ao que pertencen, entre outros, os templos de Hatšepsut, en Dayr al-Baḥri, o Ramesseum e o de Madīnat Habu, de Ramsés III. Os templos conmemorativos estaban destinados a perpetuar o culto dun faraón en Abidos, territorio de Osiris, entre os que destaca o de Sethi I. Ademais, cómpre destacar a construción de capelas, quioscos, santuarios e outros templos consagrados a unha ou a máis divindades. Do Imperio Novo destacan os templos de Karnak e Luxor, modelos do prototipo de templo exipcio que seguía un esquema predeterminado. Precedíao unha avenida de esfinxes que chegaba ata os pilonos, muros trapezoidais decorados con relevos que enmarcan a porta que daba paso ao recinto sagrado; a continuación situábase a sala hípetra, patio aberto, rodeado de columnas que precedía á sala hipóstila, formada por un bosque de columnas con cuberta arquitrabada; o chan elevábase e o teito descendía para entrar no santuario, formado por varias salas que contiñan os obxectos rituais e onde se situaba a capela ou a sala da barca en que se sacaba en procesión o deus; e ao fondo estaba a estatua do deus iluminada só por un raio cenital. O templo de Aton, en Al-Amārna, presenta unha serie de características diferentes ao templo clásico por mor da doutrina solar de Akhenaton e presenta unha serie de patios e pasadizos abertos que conducían ao santuario, iluminado polo sol. Este mesmo concepto de iluminación presidira, once séculos antes, a construción dos templos solares da dinastía V, que consistían nun enorme patio descuberto en que se alzaba un grande obelisco. Outra variante do templo relixioso é o speos, escavado nunha rocha, maioritariamente do Imperio Novo. En Exipto destaca o speos Artemidos de Hatšepsut, pero localízanse principalmente en Nubia, entre os que destaca o de Abu Simbel, de Ramsés II. A arquitectura civil está peor representada, xa que mentres as tumbas e os templos adoitaban ser de pedra, as casas eran de adobe. Esta característica e o feito de que se situasen no val do Nilo, explica que a maioría dos núcleos de poboación desaparecesen. A súa información provén das chamadas casas de almas (dinastías VI-XII), nos restos arqueolóxicos dalgúns palacios reais, como o de Ramsés III en Tebas, e, sobre todo, nos tres únicos poboados que se conservan: Ilahum, poboado de obreiros e artesáns do reinado de Sesostris II, Al-Amārna e Dayr al-Madīna, estes últimos do Imperio Novo. Mentres as casas da xente común eran sinxelas, en ocasións constaban de catro cuartos, un soto e unha terraza, as dos máis poderosos podían ter decenas de cuartos, incluso algúns con columnas. A arquitectura militar aparece documentada polas fortalezas da dinastía XII en Nubia como Buhen, Mirgissa e Semna. Destruídas durante o Segundo Período Intermedio, foron reconstruídas e ampliadas pola dinastía XVIII. O seu plano variaba segundo a topografía do xacemento e perdéronse trala inundación da Baixa Nubia polo lago Nasser, pero as construcións defensivas adoitaban ser semellantes, un foso artificial e un espacio pechado amurallado con baluartes. No interior estaban os cuartos e o templo ou templos. As fortalezas exipcias só se coñecen polas súas fontes; entre elas destacan as Murallas do Príncipe. Malia as teorías que falan do inmobilismo da arte exipcia, a escultura faraónica amosa unha gran diversidade dentro dunha relativa unidade. As súas tendencias principais son a idealización dos personaxes (Imperio Antigo, Imperio Novo) e o realismo (dinastías XI e XII, época de Al-Amārna e dinastía XXVI). Empregouse a madeira, o metal e, sobre todo, a pedra. A estatuaria das dinastías I e II é moi pobre, ao contrario da do Imperio Antigo; neste período aparecen documentados tres tipos de esculturas: individual (O escriba sentado), grupos familiares (Rahotep e Nofret) e pseudogrupos, en que o personaxe aparece en diferentes fases da súa vida. A idealización constitúe a regra, pero algunhas esculturas destacan polo seu realismo, como o Šayh al-Balad. O costume de pintar as estatuas aparece documentado xa nesta época. O Primeiro Período Intermedio significou un retroceso no campo da técnica. A partir da dinastía XI, sen embargo, iniciouse unha recuperación que culminou na XII, considerada unha das etapas máis frutíferas da arte exipcia. A estatuaria real é moi superior á privada e reflicte as dúas tendencias: a idealización dos personaxes, manifestada na escola de Memfis e, entre outras obras, nas estatuas de Sesostris I, en Lišt, e o realismo, obtido mediante unha gran técnica, como a escola de Tebas e as esculturas de Ammenemes III. A diferenza da dinastía XII, a estatuaria privada do Segundo Período Intermedio, época de decadencia artística, é superior á real. A partir da dinastía XVII, houbo unha recuperación que desembocou na arte fortemente desenvolvida da XVIII. A estatuaria coñeceu a partir deste momento dúas fases ben diferenciadas: dende Amosis ata Tuthmosis V predominou a estilización e a elegancia dos modelos e, a partir de Amenofis III, a arte dos escultores pasou a ser máis espiritual e, ao mesmo tempo, máis realista, características que triunfaron plenamente na época de Al-Amārna, da que destaca a cabeza de Nefertiti. As tradicións amarnianas mantivéronse ata a fin da dinastía, aínda que dun xeito máis atenuado. Durante o período ramésida (dinastías XIX-XX), a escultura entrou en decadencia, xa que se preferiu o colosalismo á expresividade. Mentres as dinastías XXI-XXIV seguiron o modelo ramésida, entre outras na estatua en bronce da Raíña Karomanna, a XXV inspirouse nas tradicións da XII e no reinado de Amenofis III, como na cabeza colosal de Taharqa. A dinastía XXVI fixo súas as convencións do Reino Antigo e favoreceu o arcaísmo, aínda que tinguido dun forte realismo. Os escultores dos Reino Antigo e Medio e os da dinastía XVIII foron uns mestres do relevo, que era pintado, como as esculturas. Durante as dinastías I-II empregouse nas estelas, entre outras na do Rei Serp, e nas paletas. Non obstante , a partir do Reino Antigo entrou nas mastabas. Durante a dinastía V, ampliouse o número de escenas da vida cotiá e o relevo adquiriu unha finura e unha seguridade destacables. O Primeiro Período Intermedio foi unha época de retroceso técnico e, ao mesmo tempo, do xurdimento de novas correntes, que acadaron a súa madurez durante a dinastía XI e, sobre todo, na XII, da que destaca a denominada capela Branca de Sesostris I. Durante a dinastía XVIII documéntanse catro tendencias; destas, as máis significativas pertenceron ao reinado de Amenofis III e acadaron a perfección técnica, patente non só nas grandes obras, como no templo de Luxor e nas tumbas de Ramose e Kheruef, senón tamén nas menos ambiciosas, como as da época de Al-Amārna. Agás no reinado de Sethi I, que enlaza co de Amenofis III, o relevo entrou en decadencia a partir do período ramésida, aínda que se conservan algunhas obras de valor, como a Batalla de Ḳadeš en Abu Simbel e a vitoria de Ramsés III sobre os Pobos do Mar en Madīna Habu, decadencia que se conseguiu atenuar, por pouco tempo, na dinastía XXVI. A pintura, de carácter funerario na maioría dos casos, non menosprezou os temas profanos. As cores, pouco variadas pero cálidas e brillantes, aplicábanse sobre unha capa de xeso coa que se recubriran previamente as paredes das tumbas. Entre outras características, cómpre destacar as representacións de perfil de persoas e animais, a falta de perspectiva e as diferencias de tamaño entre os individuos e os obxectos, baseada na regra de canto máis grande máis importante. Das dinastías I-II non se conserva practicamente nada e da dinastía IV consérvase os Gansos de Meidum. A partir da dinastía VI, os hipoxeos comezaron a decorarse con pinturas sobre estuco. Durante o Primeiro Período Intermedio mantívose esta tendencia, como na tumba do gobernador Ankhtify en Mu’alla, que tamén fixo súa a dinastía XI e que se acentuou aínda máis na XII con escenas de caza, pesca, deportes, xogos, nas tumbas das necrópoles provinciais. Esta tendencia triunfou no Reino Novo, época da pintura exipcia por excelencia. Dende este momento, o relevo empregouse case exclusivamente nos templos e a pintura nas tumbas, como as de Menna, Nakht, Huy, da dinastía XVIII. O período de Al-Amārna introduciu algunhas modificacións no repertorio tradicional, do mesmo xeito que o elemento profano e o gusto pola natureza adquiriron unha grande importancia. Morto Akhenaton, retomouse o repertorio tradicional. Aínda que aparecen produtos un tanto marxinais, son tamén interesantes os debuxos e as pinturas que decoran o Libro dos Mortos e unha serie de óstraka. Mentres a temática dos primeiros é estritamente funeraria, a dos segundos é variada e, sobre todo, profana. Nas artes menores, os artesáns das dinastías I-II acadaron un bo nivel, como nas aras funerarias de Hemaka, en Sakkara, aínda que os obxectos descubertos na tumba de Hethepheresm, nai de Kheops, un rico mobiliario e obxectos de beleza, demostran que no terreo técnico, o Reino Antigo foi moi superior á fase precedente. Se o Primeiro Período Intermedio e a dinastía XI non conservaron pezas significativas, a ourivería da XII é, pola contra, dunha grande imaxinación; realizáronse, entre outras pezas, perlas piriformes decoradas con motivos florais. O gran desenvolvemento das artes menores produciuse no Reino Novo, período en que as riquezas acumuladas polos exipcios nas súas conquistas asiáticas fomentaron un desmesurado afán polo luxo entre as clases altas. Foi tamén nese momento cando se fixo sentir a influencia asiática no terreo da cerámica e a vestimenta. Os mobles, por outra banda, presentaron unha variedade de formas moi superior á da dinastía XII, como o trono e a arqueta de Tutankamon, mentres que a ourivería é inferior á desta dinastía. Destacan tamén os obxectos de toucador, en que sobresaíron os artesáns do Reino Novo, autores de culleres de perfume, do tipo da nadadora. A arte exipcia posterior á conquista de Alexandre foi un híbrido entre as formas tradicionais exipcias e helenísticas, e logo da conquista romana adaptáronse as formas de arte deste pobo. Froito destas adaptacións foi a aparición da arte copta, xa na época cristiá. A invasión musulmá achegou novas tendencias artísticas e as influencias clásicas foron substituídas pola influencia artística do gran centro musulmán do momento, Samārrā. Os mellores momentos da arte musulmana exipcia aconteceron nos ss IX e XII; a unha primeira época pertence a mesquita de ibn Ṭūlūn e á segunda, as tumbas reais dos mamelucos, que constaban dunha sala sepulcral cadrada cunha cúpula e tamén as mesquitas-tumba, monumentos característicos do s XII, que se prolongaron ata o s XIV. As artes decorativas continuaron as tradicións islámicas máis importantes. Polo que respecta ao Exipto moderno, a figura do espertar artístico exipcio, producido no s XIX, foi o escultor Muhtar, que enlazou a estatuaria faraónica coa moderna esquematización dos volumes. Entre os pintores, ademais de Georges Sabba g , integrado na escola de París, destacan o postimpresionista Muḥammad Naḡi (1888-1956) e Mahmud Sa’īd. Nas artes menores destacou o ceramista Ḥassan Ḥašmat, que sintetizou as técnicas europeas cunha temática autóctona. A obra das modernas escolas artísticas exipcias está ben representada no Museo de Arte Moderna do Cairo, fundado no 1928. Na arquitectura cómpre destacar a construción da nova Biblioteca de Alexandría, inaugurada en 2002.
-
cine exipcio
[IMAX]
Arte cinematográfica realizada en Exipto. Nos seus comezos destacaron os irmáns libaneses Ibrahim e Badr Lāmā, con Qublah fi-l-ṣahrā’ (Un bico no deserto, 1926). En 1931 realizouse a primeira película falada, Awlādal-dawāt (Fillos de papá), do produtor, actor e director Yūsuf Wahbī. En 1934 Tawfik Miṣrāhī fundou os primeiros estudios, que funcionaron dun xeito regular, e no 1936 filmouse Widad (Desexo), de Fritz Kramp, que deu a coñecer o cantante Umm Kultum. Posteriormente, a produción cinematográfica aumentou, pero a calidade non mellorou. O triunfo da revolución do 1952 posibilitou que a liña social, iniciada por Kamāl Salīm con Al-’Aimah (A vontade, 1949) e abortada polo réxime de Fārūq, continuase con películas como Min ‘araq ǧabīnī (Coa suor da miña fronte, 1952) de Gianni Vernucio, e Sahra fī-l-wādī (Velada no río, 1954), de Yūsuf Šāhin, quen descubriu o famoso Omar Sharif. Posteriormente, na década dos anos cincuenta e sesenta, hai que destacar as figuras de Ṣalāḥ Abū Sayf, Nitazī Muṣṭafà, Šadi ‘Abd-al-Salam e Husayn Kamal.
-
cruz exipcia
[HERÁLD]
cruz exipcia.
-
escritura exipcia
[ESCR]
Sistema gráfico empregado no Exipto Antigo, documentado dende o 3100 a C (paleta de Narmer ou Menes) ata o 473 d C (derradeiro texto demótico). Dunha certa complexidade (inferior, sen embargo, á do sistema sumerio-acadio), estivo influída, quizais por este no tocante aos principios que a rexen. Trátase dunha escritura pitórica, en que a palabra e a imaxe están estreitamente relacionadas. De aí a importancia dos ideogramas, ou signos-palabra, que reproducen fielmente aquilo que se quere designar (unha casa, un home). Outros elementos son os fonogramas, que poden ser triliterais (tres consoantes), biliterais e uniliterais, ou signos alfabéticos (24 en total); os determinantes de idea, que, a diferencia dos do sistema sumerio-acadio, van sempre despois da palabra e aclaran ou determinan o sentido desta, e os determinantes fonéticos, que precisan o son dun ou máis signos. Unha palabra exipcia pode ser escrita, polo tanto, con fonogramas ou cun ou dous determinantes de idea ou cun ideograma e fonogramas uniliterais (os complementos fonéticos), aínda que existen palabras escritas só de xeito ideográfico ou alfabético. Unha das carencias da escritura exipcia é que só anotaba as consoantes (as palabras eran, polo tanto, impronunciables); este defecto tentábase paliar no caso da onomástica estranxeira por medio da mal chamada escritura silábica (usada dende a dinastía XII). Este sistema gráfico, moi conservador nos seus comezos, amosouse bastante flexible, polo que se adoptaron tres formas principais de escritura e dúas secundarias: a xeroglífica (3100 a C?-394 d C), empregada basicamente aínda que non de xeito exclusivo nos monumentos; a hierática (2686 a C?-394 d C), cursiva da anterior, documentada sobre todo nos papiros e nos ostraka; e a demótica (716 a C-473 d C), utilizada dende a dinastía XXV nos documentos administrativos e privados. Formas secundarias (variantes da xeroglífica) son as denominadas xeroglífica lineal con que eran inscritos, ás veces, os sartegos e o Libro dos Mortos; e a escritura criptográfica (usada na dinastía XI), destinada a ocultar segredos. O seu soporte material é variado: pedra (escritura xeroglífica, esculpida con cicel e martelo), aínda que tamén existen graffitis hieráticos e demóticos pintados ou gravados, papiro e óstraka (escritura xeroglífica, pero especialmente a hierática e a demótica, escritas mediante o cálamo e tinta negra e vermella) e madeira e arxila (nos tres tipos de escritura). No tocante á súa representación, pode ser, no caso da xeroglífica, de dereita a esquerda ou en sentido contrario, mentres que na hierática e na demótica é sempre de dereita a esquerda. Dúas variantes pouco frecuentes son as chamadas escritura retrógrada, en que os signos están orientados en dirección contraria a aquela en que deben lerse, e a escritura bustrofédica (‘como aran os bois’), ou sexa de dereita a esquerda e despois de esquerda a dereita, o habitual no caso da escritura xeroglífica hitita. Por outra banda, a distribución do texto no soporte pode ser en columnas, ou vertical, e en liñas, ou horizontal, ou en ambas as dúas formas á vez, evitando sempre os espacios baleiros entre signos ou palabras, xa que os exipcios se caracterizaban polo horror vacui. Aínda que, polo xeral, carecía de signos de puntuación, a escritura exipcia realizou un primeiro paso nesta dirección nas obras literarias, escritas sobre papiro con esticos separados frecuentemente por puntos voados en vermello. A diferenza do sistema sumerio-acadio, influíu sobre un número moi limitado de escrituras antigas: a copta, a meroítica (na súa dobre vertente xeroglífica, ou monumental, e cursiva), a chamada protosinaítica e, quizais, a xeroglífica hitita.
-
literatura exipcia
[LIT]
Literatura do Exipto faraónico e do período grecorromano conservada en escritura xeroglífica, hierática e demótica. Os seus límites cronolóxicos abarcan dende o terceiro milenio a C ao s IV d C. Polo que se refire aos temas, existe un corpus de documentos estritamente literarios. Quedan fóra unha serie de fontes escritas (relixiosas, xurídicas, científicas) utilizadas ás veces no seu estudio. Entre os problemas que presenta, os máis complexos son a escaseza de materiais, a mala conservación dos textos, a transmisión defectuosa de determinadas pezas e a dificultade extrema dalgúns dos escritos. É unha literatura imaxinativa e directa en que representan un importante papel a relixión e a monarquía. Así mesmo, caracterízase pola fragmentación do material, que aparece tamén en textos non literarios; pola vertente histórica dalgunhas das pezas e pola relación existente entre literatura e arte, propicia, en parte, o carácter decorativo da escritura xeroglífica, feito que levaba a complementar as representacións con lendas ou textos. As etapas da literatura exipcia coinciden coas fases históricas. O Reino Antigo deixounos algúns textos autobiográficos e Máximas ou Instrucións. A situación mellorou a partir do Primeiro Período Intermedio, en que apareceu unha literatura pesimista e contística. No Reino Medio, á parte de cultivar os xéneros anteriores, incorporáronse outros novos, como a literatura xurídica. No Reino Novo hai que establecer unha diferenciación entre a dinastía XVIII, forza improdutiva, e o período ramésida (dinastías XIX-XX), o máis rico da historia faraónica dende o punto de vista literario. A achega da Baixa Época e do período grecorromano foi feble. De entre os xéneros coñecidos, un dos máis apreciados foi a literatura sapiencial ou didáctica, importante tamén no Oriente antigo. En Exipto, as súas producións, que reciben o nome de sboyet (‘instrución, ensino’), adoitan conter normas de conduta social que lles dá un pai aos seus fillos. Os primeiros exemplos remóntanse ao Reino Antigo: Ensino en Kagemni, Máximas de Ptahhotep. O Primeiro Período Intermedio deixounos a Instrución para Merikare, e a dinastía XII, entre outras, a Instrución de Ammenemes I, mentres que do Reino Novo datan O ensino de Ani, as Máximas de Amenemope. Da época ptolemaica, consérvanse tres ensaios en demótico: Papir Insinger, Ankh-Sešonki e Papir Louvre 2414. O xénero contístico tivo unha grande aceptación en Exipto; agás algunhas pezas concibidas en círculos cultos, as súas producións teñen unha orixe popular. Da dinastía XII destaca o Conto de Sinuhé ou o Conto do náufrago. O período ramésida deixou a maioría de contos existentes, como o Conto dos dous irmáns, as Aventuras de Horus e Seth e o Conto ou Informe de Wenamon. Da Baixa Época e do período grecorromano consérvanse, en demótico e con claras influencias gregas, dous ciclos de contos, o de Setna ou Khaemwese, de temática máxica, o do Rei Petubastis, e a historia mitolóxica, O mito do ollo do Sol. O xénero histórico está representado por unha dobre vertente de textos de carácter real e privado. No referente aos primeiros, sobreasen a Estela de Semna, de Sesostris III; a Toma de Megiddo, de Tuthmosis III; a Batalla de Ḳadeš, de Ramsés II; e a Estela de Israel, de Merenpthat. Un artificio literario empregado ás veces nas inscricións reais é o da Königsnovelle, onde o faraón lles presenta unha cuestión aos membros do seu consello, escoita a súa opinión e decide levar a cabo o seu plan orixinal. O exemplo máis antigo é o texto de Sesostris I sobre a fundación do templo de Heliópolis. Polo que respecta aos textos históricos privados, hai que distinguir entre os autobiográficos (como as inscricións tumbais de Uni e Khufhor, da dinastía VI, e a de Ahmés, fillo de Ibana, da dinastía XVIII) e os que narran algún acontecemento concreto, inscritas maiormente nas canteiras e nas minas (como o Milagre da gacela de Wādī Hammamat). A poesía, que emprega o quiasmo, a paronomasia, a aliteración e o retrouso, ten na literatura laudatoria unha das súas máximas expresións. Abundan os himnos, loanzas e oracións. Os primeiros poden estar dedicados aos deuses (Grande himno a Ammón e Grandes e pequenos himnos a Aton, da dinastía XVIII), aos reis (O rei vitorioso ou Estela poética de Tuthmosis III) ou a cidades (a maioría datan do período ramésida e adoitan cantar a Memfis, a Tebas e á residencia real no delta). As loanzas adoitan formar parte da tradición escolar da época ramésida (o alumno entoa un acendido panexírico do seu mestre). Das oracións, as máis interesantes son as da dinastía XIX e amosan un fiel humillado ante a divindade e de aí que algunhas se cualifiquen como salmos penitenciais. Na poesía popular, únense a arte e a literatura; nalgunhas escenas de traballo ou ocio que decoran determinadas tumbas existen unha serie de pequenos poemas: Canto dos pastores, Canto dos pescadores, do Reino Antigo; Canto dos que baten o gran, do Novo; e Canto dos banquetes, do Medio. Propiamente exipcia é a chamada literatura pesimista. As duras condicións políticas e económicas durante o Primeiro Período Intermedio ensombrecen o optimismo proverbial dos exipcios e promoven un número de obras en que predomina o pesimismo, como Admonicións dun sabio exipcio, Diálogo dun desesperado coa súa alma, un dos Cantos de Arpista e As lamentacións de Khakheperre-sonbe (esta pertencente á dinastía XII). Tamén as condicións políticas do país determinaron a aparición da literatura leal. Por mor do carácter usurpador da dinastía XII, os seus membros decidiron fomentar a fidelidade á institución monárquica. O xénero documéntase na contística (Conto de Sinuhé), na literatura sapiencial (A instrución leal e A instrución dun home ao seu fillo), nas autobiografías e nos textos de canteiras e minas. Poucas son as obras sobre viaxes e aventuras; hai restos deste xénero en textos históricos e semihistóricos e nas obras de fición. Pertencen aos primeiros algunhas inscricións reais e diversas autobiografías. Entre os segundos, sobresae a Carta satírica de Hori (reinado de Sethi II), que dá unha completa descrición do N de Siria, Fenicia e Palestina, e o Conto ou Informe de Wenamon (reinado de Ramsés XI). Nas obras de fición destacan o Conto de Sinuhé, enmarcada en Palestina, e o Conto do náufrago, no Mar Vermello, ambas as dúas da dinastía XII. Malia o amor dos exipcios pola natureza e o esforzo físico, o xénero deportivo foi pouco cultivado. Dúas das pezas que se conservan, Os praceres da caza e da pesca e O rei deportivo son da dinastía XVIII. As escenas deste tipo son frecuentes nas mastabas do Reino Antigo, nos hipoxeos do Reino Medio e Novo ou nos templos funerarios. A literatura satírica tampouco é moi habitual e aparece reflectida sobre todo na arte (escenas cotiás en mastabas e hipoxeos). Polo que respecta á literatura, destacan dúas: a Sátira dos Oficios ou Instrución de Dua-Khety, do Reino Medio, e a Carta Satírica, do período ramésida. A diferenza dos gregos e dos mesopotámicos, os exipcios non sempre se sentiron atraídos polas fábulas. Da época faraónica só se conserva a Disputa entre o estómago e a cabeza; do período grecorromano, pola contra, hai unha serie no conto mitolóxico, o Mito do ollo do Sol. A literatura erótica está representada, sobre todo, por Cantos de amor, serie de cincuenta e nove poemas repartidos entre catro papiros da época ramésida. Coma noutros xéneros, existen fragmentos eróticos en obras que non presentan esta temática, como no Conto dos dous irmáns ou nas Aventuras de Horus e Seth. Un famoso papiro de Turín, con pinturas e anotacións cualificadas de obscenas, sitúase a medio camiño entre a literatura e a arte. O teatro exipcio, o mesmo ca o grego nos seus comezos e o medieval, era fundamentalmente relixioso. Posiblemente date do Reino Antigo, aínda que as súas obras máis representativas se conservan en copias datadas posteriormente: Drama da coroación, do Reino Medio, Drama da Creación (dinastía XXV) e Mito de Horus en Idfū, do período ptolemaico. A existencia do xénero dramático está demostrada tamén pola representación de misterios relixiosos en certos festivais. O tema da interrelación das literaturas do Oriente Antigo resulta complexo. Non obstante , resulta evidente que, como a mesopotámica, a literatura exipcia influíu no Antigo Testamento. Exemplos claros son as Máximas de Amenemope no tocante aos proverbios 22,17-23,14, o Himno a Aton, no Salmo 104, e os Cantos de Amor no Cantar dos Cantares. A partir do s II a C e durante a Alta Idade Media desenvolveuse a literatura en lingua copta e, posteriormente, a literatura exipcia desenvolveuse no ámbito da cultura arábiga.
-
música exipcia
[MÚS]
Nun principio, os exipcios empregaban a música en diversas actividades cotiás, pero foi nos templos e no conxunto das cerimonias relixiosas onde se desenvolveu máis intensamente. Non se coñece con exactitude cómo era a música exipcia porque non se escribía, senón que se transmitía oralmente; non obstante, consérvanse textos empregados nalgunhas cerimonias que permiten supoñer que dous sacerdotes alternaban no canto, acompañados polas sacerdotisas. Hai documentación gráfico-xeroglífica que testemuña o emprego e a forma dos instrumentos e a súa importancia no culto relixioso. Agás o sistro, os instrumentos empregados proveñen de Siria, Mesopotamia ou Babilonia. No Imperio Novo apareceron as arpas angulares, de caixa harmónica alta, e durante a ocupación grega asimiláronse elementos musicais helenos. A relación dos exipcios con Mesopotamia contribuíu ao desenvolvemento e asimilación dunha música de carácter fundamentalmente profano e á incorporación de instrumentos asiáticos, como o óboe dobre. O máximo esplendor parece ter coincidido co Baixo Imperio e coa etapa helenística. Ao principio da era cristiá, Alexandría foi un centro notable da música litúrxica. A dominación árabe retornou a música exipcia á órbita oriental, ata que decaeu coa invasión turca. No s XIX, a corte introduciu a música europea: no 1870 inaugurouse a Ópera do Cairo e ao ano seguinte estreouse Aida, de G. Verdi; paralelamente, produciuse un renacer da música autóctona.
-
relixión exipcia
[RELIX]
Relixión propia do Exipto faraónico. Propiamente non existe unha soa relixión, senón un conxunto de teoloxías. As máis importantes foron a heliopolitana, en Heliopolis, arredor de Ra e do culto solar; a hermopolitana, propia de Hermópolis e con Thot como principal divindade; a memfita, orixinaria de Memfis, que chegou a ser moi importante durante un gran período do Reino Antigo (Ptah era o deus principal); e a tebana, localizada en Tebas, que sustentaba a primacía de Ammón. Durante o reinado de Akhenaton, xurdiu a de Al-Amārna ou atoniana, xa que Aton era a única divindade. Fronte a esta diversidade teolóxica, o culto, presidido polo faraón ou polos gobernadores da provincia cando o poder central se amosaba feble (como no Primeiro Período Intermedio), conferíalles a todos a unidade necesaria. Esta diversidade de crenzas e a unidade de culto constitúe unha das características principais da relixión exipcia. O feito de que a maioría dos deuses fosen dun territorio indicaba que, cando unha determinada cidade se convertía na abandeirada das outras (como Tebas a partir da XVIII dinastía), o seu deus adquiría categoría de divindade nacional. Dubídase se os exipcios pasaron do politeísmo ao monoteísmo ou á inversa. De feito, sempre existiu unha forte corrente monoteísta (reflectida na literatura sapiencial, na contística ou noutras), aínda que limitada a círculos intelectuais. A maioría das poboacións adoraban múltiples deuses, como Hathor, deusa da música e da alegría, Min Montu, deus da guerra, e Thot, deus da escritura e da sabedoría. Non obstante , a partir do Reino Novo, determinados deuses estranxeiros ingresaron no panteón exipcio (Baal, Astarté, Anal), mentres que o culto aos animais, tan preponderante na Baixa Época, data de tempos moi antigos (coma o de Apis). Pero a divindade máis adorada ao longo de toda a historia exipcia foi, sen dúbida, Osiris, asasinado polo seu irmán Seth, que presidía o destino e o xuízo dos humanos na outra vida. Esta existencia no máis alá foi sempre unha obsesión para os exipcios, segundo quen, o home se compuña de corpo e alma (ba), ademais dun “dobre” (ka). A unidade entre eles era tan forte que, se o home non chegaba á conservación do corpo (de aí o embalsamento) e ao seu mantemento (de aí veñen as ofrendas funerarias), o individuo morría por segunda e definitiva vez.