existencialismo

existencialismo

(

  1. s m [FILOS]

    Doutrina filosófica que privilexia a existencia do home na súa realidade concreta e do individuo comprometido coa sociedade, antes que unha suposta esencia humana ideal. Afirma que o home existe antes que é e a existencia precede á esencia, e que o feito de existir é absurdo, carente de significación, polo que o home ten que encher a súa vida de sentido a través do compromiso, elixindo valores e condutas, para saír da nada e da angustia metafísica. Sitúase así nunha liberdade absoluta que non pode ser rexeitada ao estar o home condenado a ser libre. Naceu como reacción ao idealismo e ao racionalismo alemán e fundouno o danés S. A. Kierkegaard. Posteriormente, foi seguido por Jean-Paul Sartre, M. Heidegger, K. Jaspers, G. Marcel, Albert Camus e M. Merleau-Ponty, entre outros. O termo foi creado por M. Heidegger en Sein und Zeit (O ser e o tempo, 1927), e foi retomado despois por K. Jaspers en Existenzphilosophie (Filosofía da existencia, 1938). Desde un punto de vista relixioso distínguense o existencialismo cristián de K. Jaspers e G. Marcel, e o existencialismo ateo de J. P. Sartre e A. Camus. Desde o punto de vista metafísico distínguese entre a filosofía existencial, dedicada a comprender a vida concreta do home no mundo e na historia, representada por K. Jaspers e M. Merlau-Ponty, e a filosofía existencialista, preocupada por comprender o ser do home, representada por M. Heidegger e J. P. Sartre. Este último en L’existentialisme est un humanisme (1948) explicou que a liberdade permite a elección que posibilita a realización plena do individuo ao escoller sen condicionamentos a súa moral; que a conciencia é libre, espontánea, transparente e non determinada, e liberdade e conciencia son termos sinónimos; que a liberdade permite o establecemento dos valores desde un punto de vista ateo, pois Deus non existe e non hai natureza humana predeterminada, polo que o existencialismo é tamén un humanismo; que a vida non consiste na realización dun proxecto divino nin na aspiración á salvación despois da vida; e que o home é plenamente responsable das súas eleccións e das súas paixóns, polo que o primeiro deber será comprometerse coa realidade e o momento histórico e o resto dos seres humanos. J. P. Sartre cualifica o existencialismo de doutrina optimista baseada na universalidade dos diferentes proxectos individuais, pois o home co seu compromiso compromete tamén a toda a humanidade, e non só debe desexar a súa liberdade, senón tamén a liberdade dos outros. Na literatura toma como eixes temáticos a vida cotiá, as relacións entre as persoas e a influencia dos outros. Cómpre destacar a J. P. Sartre (1905-1980), Simone de Beauvoir (1908-1986) e A. Camus (1913-1960). Sartre escribiu moitos dramas e novelas na liña existencialista, seguindo a súa propia filosofía. Concedíalle á literatura un papel esencial á hora de comprender a existencia humana tal e como recoñece no ensaio autobiográfico Les mots. Cómpre destacar a novela filosófica La nausée (1938), en que aparecen todas as obsesións de Sartre, así como as fórmulas esenciais do existencialismo, en especial a preocupación pola mifada dos outros. En obras dramáticas, como Les mouches, analizou o problema da liberdade. Simone de Beauvoir escribiu moitos textos, tanto filosóficos coma literarios, centrados na figura da muller e o seu papel na historia, así como nas posibilidades de elección das mesmas nun mundo dominado polos homes, como se reflicte no texto esencial da literatura feminista, Le deuxième sexe (1949), ou no primeiro volume da súa autobiografía, Mémoires d’une jeune fille rangée (1958), obra en que amosa claramente a angustia existencial xerada pola conciencia de que a vida debe ser doutra maneira diferente á predeterminada polos outros. Noutra liña existencialista de corte máis pesimista está a obra de A. Camus, en especial as novelas L’ étranger (1942) e La peste (1947), obras en que defende a ultranza a liberdade do individuo fronte ao sistema opresivo social. Algúns estudiosos da literatura falan tamén de autores como Mario Benedetti (1920), en obras como La borra del café, pola súa defensa e compromiso co ser humano, como exemplos dun existencialismo revolucionario. No apartado da literatura dramática e do teatro, este movemento literario, filosófico e artístico deixou unha fonda pegada, fundamentalmente na obra de Jean Anouilh, autor de Euridice (1942) e Antigone (1943), ou A. Camus, con textos tan significativos como Le malentendu (1944) ou Calígula (1945). O existencialismo tamén agromaba nalgunha das obras dramáticas de autores galegos como Jenaro Mariñas del Valle, Tomás Barros ou Ricardo Carballo Calero, aínda que esa pegada non tivo transcendencia na realización escénica.

  2. s m [FILOS]

    Actitude filosófica que prima a existencia sobre a esencia e que subliña que o aspecto existencial complementa o aspecto esencial. OBS: A grafía <x> representa o son [ks].

Palabras veciñas

exirina | existencia | existencial | existencialismo | existencialista | existente | existir