Expedición de Familias, A

Expedición de Familias, A

Colonización e repoboación das terras da Patagonia e da banda oriental da Plata establecida por Carlos III. Tratábase dunha emigración controlada e dirixida polo goberno español que tivo como finalidade a colonización da Patagonia mediante o traslado de familias enteiras con membros aptos para os traballos agrícolas e artesanais. Os emigrantes procedían de Galicia, Asturias e León, e a súa selección (entre 400 e 500 persoas por expedición) correspondeu á Comisión de Expedición de Familias. A Facenda Real corría cos gastos previos ao embarque das familias. A primeira expedición partiu do porto da Coruña e a pretensión de crear dous establecementos en Bahía Sin Fondo e San Julián chocou coa oposición do vicerrei Vértiz. A derradeira expedición partiu en 1784.