expedición do Pacífico, A

expedición do Pacífico, A
[LIT]

Novela de aventuras publicada en 1994, coa que Marilar Aleixandre acadou o Premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil 1994 e o Premio da Crítica Galicia de Creación Literaria 1995, sendo a primeira vez que unha obra de literatura infantil e xuvenil levou este galardón. A acción sitúase no s XIX e nela cóntanse en primeira persoa as aventuras da narradora-protagonista, unha rapaza de doce anos chamada Emilia Goianes que escapa da casa e se agocha como polisón na goleta Resolución, para formar parte dunha expedición científica que ten como obxectivo realizar unha viaxe para explorar as terras do Pacífico e recoller mostras de plantas, animais e minerais. Cando o irmán de Emilia a descobre oculta no seu camarote, ambos deciden ocultar a súa identidade de muller baixo o disfrace dun rapaz ao que bautizan co nome de Marcos Goianes. Acompañan a protagonista da aventura un grupo de científicos, ademais do seu irmán, membro tamén da expedición. Intégranse na trama temas como as ideas feministas, a polémica entre o darwinismo e o creacionismo e a paixón polo coñecemento, así como elementos do xénero clásico da novela de aventuras tales como a navegación mariña, os países exóticos, a visión dunha flora e fauna descoñecida, os perigos, a intriga e o xogo amoroso. Ademais, a protagonista sofre un proceso de maduración tanto exterior como interiormente. A obra péchase co epílogo “A verdadeira expedición do Pacífico”, no que unha voz narrativa dá conta dos feitos históricos que serviron de punto de partida para a creación da novela, a verdadeira singradura de tres barcos españois entre 1862 e 1866. A novela conta con traducións ao castelán e ao portugués.