Extremadura
Comunidade autónoma de España, no SO da Península Ibérica (41.602 km2; 1.069.420 h [2001]). Situada entre o Sistema Central ao N e Sierra Morena ao S, limita ao O con Portugal, ao N con Castela e León, ao L con Castela-A Mancha e ao S con Andalucía. Integrada polas provincias de Cáceres e Badajoz, a súa capital é Mérida.
Xeografía física
Relevo, climatoloxía e hidrografía
As principais unidades do relevo son o Sistema Central ao N, a prolongación dos montes de Toledo no centro, Sierra Morena ao S e unha ampla chaira que ocupa toda a zona central da comunidade, e onde se desenvolve un hábitat peculiar, a devesa. Serra de Gata e o sector occidental de serra de Gredos son as unidades do Sistema Central que están na parte máis setentrional de Extremadura, con altitudes superiores aos 2.000 m e formadas sobre todo por rochas cristalinas paleozoicas. Ao L da extensa chaira levántase o macizo máis elevado dos montes de Toledo, Las Villuercas, formado principalmente por cuarcitas que alcanzan os 1.300 m de altitude. O clima é mediterráneo, con trazos continentais, pero suavizado pola influencia oceánica. Os veráns son moi calorosos e secos, con temperaturas que superan os 25°C e con invernos suaves, con temperaturas medias de 6°C no mes de xaneiro. As precipitacións oscilan entre os 400 mm e os 600 mm anuais. As abundantes precipitacións en inverno e os veráns secos orixinan que os réximes dos ríos presenten fortes contrastes, pasando de ter leitos secos a provocar inundacións. Os principais ríos son o Tajo en Cáceres e o Guadiana en Badajoz, que están regulados por unha gran cantidade de encoros e pantanos.
Xeografía económica
Economía e sectores de actividade
A principal fonte económica é a agricultura, caracterizada pola concentración da propiedade en grandes explotacións, e pola abundancia de agricultura extensiva pouco mecanizada. O predominio da gran propiedade e os numerosos xornaleiros son as características principais do campo estremeño. En 1953 promoveuse un plan para a extensión do regadío, mediante a construción de numerosas presas e encoros. Nas zonas de montaña predomina o minifundio e cultívanse principalmente oliveiras, viña, tabaco e froiteiras. Tamén hai grandes extensións dedicadas a pastos e explotacións forestais. A maior parte dos cultivos son de secaño (oliveiras, cereais), xa que o regadío (hortalizas, tabaco) ocupa menos do 14% das terras cultivadas. Os pastos son moi importantes para a cría de gando ovino e bovino, mentres que na devesa se cría un porcino de gran calidade (o ibérico). A minería é escasa; existen pequenos xacementos de chumbo, magnetita e estaño. Tampouco tivo un desenvolvemento industrial, e os principais sectores son o alimentario e o téxtil. En Cáceres, os principais núcleos industriais son Cáceres e Plasencia, mentres que en Badajoz destacan Almendralejo, Mérida e Villafranca de los Barros. Os principais núcleos comerciais son Badajoz, Mérida e Plasencia.
Transportes e comunicacións
As vías de comunicación seguen na súa maioría o trazado de antigos camiños e calzadas. A estrada nacional N-630, que atravesa a comunidade en sentido meridiano, coincide coa Ruta da Prata, que unía o N e S peninsular. A estrada nacional N-V permite a conexión con Madrid e Lisboa e pasa por Mérida e Badajoz. A rede de estradas principais condicionou o desenvolvemento económico da rexión, pois todas as cidades que concentran as principais industrias e servicios están no seu trazado, deseñado segundo intereses superiores aos rexionais. O insuficiente investimento en infraestruturas, nin tan sequera a partir da década de 1980, cando a rexión accedeu ao autogoberno, dificultou o desenvolvemento industrial e comercial.
Xeografía humana
Demografía e poboamento
Escasamente poboada, Extremadura ten unha densidade moi inferior ao resto do Estado (25,72 h/km2). A caída da taxa de natalidade provocou que a poboación estremeña non experimentase apenas variacións significativas nos últimos anos, cun crecemento no período 1985-1996 de só o 0,2%. A evolución demográfica estremeña no s XX presenta dúas etapas claramente diferenciadas: entre 1900 e 1950 a poboación creceu a un ritmo superior ao resto do Estado, pero a partir de 1950 sufriu un proceso de despoboamento que se acelerou desde os anos sesenta e setenta, e que finalmente diminuíu na derradeira década do s XX. Os emigrantes dirixíanse principalmente a Barcelona, Euskadi, Francia e Alemaña. Tamén son importantes as diferencias no interior da comunidade, xa que as zonas de montaña sofren procesos de despoboamento, mentres que os núcleos urbanos e as áreas agrícolas de regadío tenden a ter unha poboación estable. Os principais núcleos de poboación son Badajoz (122.510 h [1996]), Mérida (51.830 h [1996]), Cáceres (77.768 h [1996]), Plasencia (37.299 h [1996]), Don Benito (31.022 h [1996]) e Almendralejo (27.209 h [1996]).
Historia
Os primeiros testemuños de poboamento humano na cova de Maltravieso (Cáceres) remóntanse ao Paleolítico Inferior. No Paleolítico Superior o territorio estremeño vinculouse á área cultural alentexana, mentres que durante o Neolítico se desenvolveu unha cultura propia caracterizada pola cerámica decorada e a arte rupestre esquemática con representacións de carros, armas, placas e ídolos, como os de Boquique (Plasencia), Zújar (Peñalsordo) e El Matachel (Peñalsordo). Desde finais do Neolítico ata a Idade do Bronce desenvolveuse a cultura megalítica representada polo dolmen de Garrovillas e os tholoi da Granja de Toniñuelo (Jerez de los Caballeros), declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1931, o da Granja de Céspedes e o grupo de Valencia de Alcántara, BIC desde 1982. Entre os ss VII a C e VI a C producíronse os primeiros contactos entre a cultura tartésica do S da rexión e fenicios e gregos, como evidencian a cerámica grega aparecida na necrópole de Medellín e a ourivería con influencias orientalizantes dos tesouros de La Aliseda e Serradilla. As primeiras noticias históricas proceden de Estrabón, Plinio o Vello e Ptolomeo, que sitúan no S de Extremadura os lusitanos e na franxa N os vetóns. Na área vetona desenvolveuse na Idade do Ferro a cultura dos verróns, caracterizada por figuras como a de Madrilejos, e os poboados de altura, como o de Castillejo de Tamuja (Botija). A importancia do control sobre a Vía da Prata levou os romanos a internarse no territorio de vetóns e lusitanos (154 a C-133 a C). Os enfrontamentos prolongáronse décadas, ata que os romanos conseguiron eliminar o caudillo lusitano Viriato. A definitiva pacificación do territorio non se produciu ata as Guerras Sertorianas cando Q. Cecilio Metelo, tras vencer a Sertorio, estableceu unha serie de gornicións, entre outras, Metellinum (Medellín) e Castra Caecilia (Cáceres). No s I a C, a maior parte do territorio estremeño integrouse na provincia Ulterior Lusitania, mentres que o S se integrou na Citerior Bética. A difusión da romanización propiciou a fundación de numerosas cidades, entre outras, Contosalia (Magacela), Perciana (Villafranca de los Barros), Nertobriga (Fregenal de la Sierra), Castro Colubri (Alange) e Lapicea (Santa Amalia). A cidade máis importante foi Emerita Augusta (Mérida), capital da Lusitania, fundada no 25 a C cos soldados licenciados das guerras cos cántabros e astures, e onde se cuñou moeda en época augusta e se construíron numerosos edificios públicos. No 409 os alanos conquistaron Emerita; pouco despois conquistárona os suevos, e no 468 incorporouse ao reino visigodo. A principios do s VIII caeu baixo dominio musulmán e pasou a depender do califato de Córdoba. A capital pasou a Badajoz e o arcebispado emeritense trasladouse a Santiago de Compostela. Trala caída do califato de Córdoba fundouse en Badajoz (1022) a taifa dos aftásidas, que se mantivo ata a ocupación almorábide (1094). Posteriormente, fundouse en Cáceres unha nova taifa. Os primeiros intentos de reconquista producíronse en 1086, pero Afonso VI de Castela foi derrotado polos almorábides na Batalla de Sagrajas. En 1169 o monarca portugués Afonso I Henriques conquistou Badajoz, aínda que pouco despois volveu ao control almorábide. Entre 1198 e 1230 conquistouse a maior parte do territorio de Extremadura: Plasencia (1198), Cáceres (1229), Mérida (1229), Badajoz (1249), Trujillo (1250) e Montánchez (1250). Durante os ss XII e XIII desenvolveuse a colonización con cristiáns procedentes do N. Creáronse numerosas cidades de reguengo, entre outras, Plasencia (1189), e entregáronselles grandes extensións de terra ás ordes militares, á nobreza e á Igrexa, feito que favoreceu a creación de grandes dominios feudais. Así, a orde de Santiago tivo baixo a súa órbita Almendralejo, Fuente de Cantos, Fregenal de la Sierra, Jerez de los Caballeros, Llerena, Mérida e Zafra. No s XIII as ordes militares enfrontáronse ás cidades. A orde de Santiago posuía as cidades de Trujillo, Montánchez, Mérida e Badajoz, mentres que Cáceres se converteu en cidade de reguengo. En 1289 estalou a pugna entre as dúas faccións repoboadoras en Badajoz: bexaranos e portugaleses. Impuxéronse os bexaranos, que despois foron sometidos por Sancho IV. No Tratado de Alcañices (1297) fixáronse as fronteiras con Portugal, aínda que houbo varios intentos de conquista de Badajoz, como o fracaso de 1334 e a conquista de 1339. Na Guerra Civil entre Xoana a Beltranexa e Isabel, os estremeños dividíronse en dous bandos; enfrontados na Batalla de Albuera (1479), a vitoria foi dos partidarios de Isabel sobre as tropas de Xoana, lideradas polo derradeiro administrador da orde de Santiago, Alfonso de Cárdenas. O control imposto polos Reis Católicos sobre as ordes militares non acabou co problema da concentración da propiedade rústica, que se viu agravado polos sucesivos privilexios concedidos ao Honrado Concejo de la Mesta. Ademais, produciuse un importante movemento migratorio cara a América, no que participaron moitos exploradores (Pizarro, Orellana, Hernán Cortés, Núñez de Balboa, Valdivia, etc). En 1640 Extremadura foi escenario da Guerra de Independencia de Portugal, na que os lusos tomaron Badajoz. Durante a Guerra de Sucesión (1700-1715) os portugueses reclamaron Badajoz, Alburquerque e Valencia de Alcántara, que sitiaron xunto con Jerez de los Caballeros. A derrota en Almansa (1709) e os tratados de Utrecht e Rasttat (1714-1715) obrigaron a Portugal a devolver os territorios conquistados. Nos reinados de Carlos III e Carlos IV iniciáronse os primeiros proxectos de repoboación e repartición de terras. Proxectouse a repoboación das terras entre Trujillo e Plasencia e o conde de Campomanes elaborou unha serie de disposicións destinadas á repartición dos terreos baldíos e dos concellos (1766), e a autorizar o peche dos campos (1788), feito que significou a fin dun dos privilexios máis importantes da Mesta. En 1790 creouse a Real Audiencia de Extremadura con sede en Cáceres. Durante a Guerra de Independencia as loitas concentráronse na área de Badajoz. En 1833 o territorio dividiuse en dúas provincias: Cáceres e Badajoz. No s XIX a emigración acentuouse por mor do problema agrario e a escasa industria, limitada aos curtidos de Zafra e Cáceres, á fariñeira de Castuera e á fundición de ferro de Villanueva de la Serena. Non obstante , existía un importante comercio de cortiza que se exportaba a Catalunya e Andalucía. Trala visita do Rei Afonso XIII a Las Hurdes (1922) deseñáronse unha serie de proxectos de desenvolvemento que se frearon polo inicio da Guerra Civil (1936-1939). Badajoz e Cáceres quedaron dende os primeiros momentos da contenda baixo o control dos sublevados. Na década de 1950 desenvolveuse o plan Badajoz, que pretendía lograr un maior desenvolvemento grazas ao aproveitamento das augas do Guadiana, coa creación de regadíos e a repoboación forestal. Non obstante , continuou a emigración, dirixida ás áreas máis industrializadas de España (Madrid, Barcelona e Bizkaia). En 1973 creouse a Universidad de Extremadura. En xuño de 1978, restablecida a democracia, Extremadura acadou un réxime preautonómico, e a primeira reunión de parlamentarios celebrouse en Trujillo e elixiu como presidente da Junta preautonómica 0 senador centrista Luis Jacinto Ramallo. Tralas eleccións xerais de 1979 foi substituído polo tamén centrista Manuel Bermejo, que dimitiu en novembro de 1982. O 20 de decembro de 1982, o socialista Juan Carlos Rodríguez Ibarra foi designado presidente. En febreiro de 1983 aprobouse o Estatuto de Autonomía e o 8 de maio de 1983 celebráronse as primeiras eleccións á Asamblea de Extremadura, que estableceu a súa sede en Mérida. A vitoria do PSOE permitiu que J. C. Rodríguez Ibarra se convertese no primeiro presidente autonómico. Nas sucesivas eleccións autonómicas (1987, 1991, 1995 e 1999) o PSOE revalidou a maioría absoluta con J. C. Rodríguez Ibarra como presidente, mentres o PP se consolidaba como principal partido da oposición.
Arte
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, de época romana destacan os restos de Emerita Augusta, BIC desde 1912 e declarados pola UNESCO Patrimonio da Humanidade (1993): o templo de Diana; os acuedutos de Los Milagros e San Lázaro; o encoro de Proserpina; o arco de Traxano; e o teatro, o circo, e o anfiteatro. Destacan ademais, a ponte de Alcántara, BIC desde 1924; o arco de Caparra (Oliva de Plasencia), BIC desde 1931; as termas de Alange, BIC desde 1931, e dos Baños de Montemayor, BIC desde 1995; e o teatro de Casas Reina. Do estilo paleocristián destacan a basílica de Santa Eulalia (Mérida), BIC desde 1912, a piscina bautismal da vila de La Cocosa, e a igrexa de Cañaveral. A presenza visigoda reflectiuse, entre outros, na igrexa de Ibahernando, na ermida de Santa Lucía del Trampal (Alcuéscar) e na basílica de Burguillos del Cerro, declarada BIC, xunto co conxunto histórico da vila, en 1988. A presenza musulmá constátase, entre outros, nas fortificacións de Mérida, BIC desde 1912, e de Reina, BIC desde 1931, o alcázar e a Torre de Espantaperros en Badajoz, declarado BIC en 1931, e o alxibe da casa de Las Veletas en Cáceres. Do románico destacan a portada da igrexa de Hoyos, a portada da Catedral Vieja de Plasencia e a portada occidental de Santa María de Almocóbar (Alcántara). Da arte múdexar destacan o mosteiro de Guadalupe, declarado Patrimonio da Humanidade en 1993; a ábsida da igrexa de Galisteo, BIC desde 1991; e o claustro da catedral de Santa María de Plasencia. Do gótico hai que salientar a catedral da Asunción de Coria, BIC desde 1931, o barrio gótico de Valencia de Alcántara, BIC desde 1997, o claustro da catedral de Plasencia, e un dos patios do mosteiro de San Jerónimo en Cuacos de Yuste, BIC desde 1931. Do gótico-múdexar, destacan a portada da igrexa, o claustro e o templete do claustro do mosteiro de Guadalupe, a portada do hospital de Santiago en Zafra, a torre da parroquia de Granja de Torrehermosa e a portada da igrexa parroquial de Alange. O plateresco está representado no eido relixioso nas igrexas de San Benito (Alcántara), de Santiago en Cáceres e de Nuestra Señora de los Ángeles (Los Santos de Maimona), BIC desde 1990, mentres que no eido civil sobresaen a casa dos Golfines en Cáceres (s XVI), que forma parte do conxunto antigo de Cáceres, declarado Patrimonio da Humanidade en 1986; o conxunto antigo de Trujillo, BIC desde 1962; e o palacio do marqués de Mirabel en Plasencia. Do Barroco destacan as igrexas de San Mateo (Alburquerque) e de San Bartolomé (Jerez de los Caballeros), BIC desde 1983; a fachada e a torre da igrexa de Nuestra Señora de la Granada (Llerena), BIC desde 1983; a ermida de La Salud (Plasencia); a capela-camarín da Virxe no mosteiro de Guadalupe, e o palacio do marqués de Monsalud (Almendralejo). Do neoclasicismo pódense salientar a Casa Consistorial de Zafra e o Colexio da Compañía de Cáceres. Entre as institucións culturais destacan en Mérida o Museo Nacional de Arte Romano, obra de Moneo, e o Museo de Arte Visigodo; en Badajoz o Museo Arqueológico Provincial e o Museo de Bellas Artes, ambos declarados BIC en 1962; e en Cáceres o Museo Provincial de Bellas Artes, BIC desde 1962.