Ezcaray

Ezcaray

Municipio da Comunidad Autónoma de La Rioja, na marxe dereita do río Oja, nos contrafortes setentrionais da serra da Demanda (1.812 h [1996]). A súa economía baséase principalmente na industria madeireira e no turismo, especialmente no relacionado coas actividades deportivas que xera a súa estación de montaña, con pistas de esquí. Repoboada por Sancho Garcés I con vascóns, recibiu o nome de Ez Garai (pena alta). En 974 os monarcas doárona ao mosteiro de San Andrés de Cirueña e en 1074 pasou a formar parte do Reino de Castela. En abril de 1312, Fernando IV concedeulles a todas as vilas do val do Oja o foro polo que todos os seus habitantes quedaban libres de todo tributo ou empréstito. Do seu patrimonio cultural destacan a igrexa de Santa María Mayor de Ezcaray (s XVI), a ermida barroca de Nuestra Señora de Allende (1710) e o centro histórico.