Facal Ponte, Manuel
Gravador e pintor. Comezou a pintar e a debuxar baixo a influencia surrealista e nos anos sesenta realizou traballos de ilustración, deseño e estampaxe téxtil. En 1970 estudiou gravado no Morley Collage (Londres) e coa gravadora arxentina Carmen Gracia. Ampliou estudios no Atelier Nord-Oslo en Noruega (1973). Traballou como estampador para Joan Miró (1974) e en 1975 trasladouse a Puerto Rico, onde estudiou pedagoxía ata 1979. Ao seu regreso a Galicia a comezos dos anos oitenta creou talleres gráficos para nenos. Interesouse polas técnicas do ocogravado, a augaforte en relevo e o gravado en seco. As súas primeiras estampas achegáronse ao informalismo e, trala súa primeira viaxe a Puerto Rico (1972), baseáronse no desenvolvemento da cor. Destaca a serie dos Gramas Ópticos, a serie de augafortes Retratos de Rosalía, os cartafoles Cantigas I-IV, sobre textos de Álvaro Cunqueiro, e As cinzas do amor, sobre textos de poetas españois; e, en colaboración con Xavier Seoane, os cartafoles As catro estacións (1982) e Irispaxaros (1983). Colaborou co grupo Atlántica na exposición de Baiona (1980). A súa obra pictórica caracterízase polo estudo da materia e do traballo artesanal para o que realizou colaxes. Foi colaborador de Luzes de Galicia e A Nosa Terra.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Carballo