Éufrates

Éufrates

Río de Asia que rega a parte oriental de Turquía, Siria e Iraq. Nace no altiplano de Armenia e está formado pola unión de dous ríos, o Karasu (Éufrates Occidental), que nace a carón de Elaziğ, e o Murat (Éufrates Oriental), que nace ao lado do lago Van Golu. O longo leito do Éufrates no seu percorrido por Iraq discorre sempre paralelo ao Tigris e nunca están separados por máis de 160 km. Ao SO de Iraq, os dous ríos únense formando o Shatt al-Arab, que máis tarde se divide en dous brazos que desembocan, despois dun percorrido de 2.735 km, nun pequeno entrante do Golfo Pérsico. O Éufrates desempeñou unha importante función de regadío na antiga Mesopotamia, pero actualmente a súa importancia neste ámbito é inferior. Moitas das chairas polas que pasa foron fértiles e ricas no pasado, pero na actualidade son terreos baldíos. O río forma nas proximidades da súa desembocadura unha gran marisma cuberta de vexetación. Gran parte dos afluentes son navegables e polo curso principal circulan barcos de gran tonelaxe. Aínda que o nivel de auga auméntase por medio de esclusas e canais, a profundidade pode descender ata os 60 cm na estación seca. A construción de presas en Turquía provocou enfrontamentos entre este país e Iraq. Xunto co Tigris delimita a rexión de Mesopotamia, onde segundo V. Gordon Childe se practicou por primeira vez a agricultura. A partir do III milenio a C foron fundadas ao longo das súas beiras numerosas cidades, entre outras, Sumer, Akkad, Ur, Eridu, Uruk, Kiš e Babilonia. No s XIV a C os hititas cruzárono en varias ocasións para dirixirse á Baixa Mesopotamia. A partir do s VI a C, baixo o reinado de Nabucodunosor, o Éufrates converteuse no centro do Imperio Babilonio e durante a época helenística, na fronteira entre a civilización helénica e o mundo bárbaro. Posteriormente, foi a liña divisoria de romanos e persas, bizantinos e persas e persas e mongois.