Eume
Río do NO da Comunidade Autónoma de Galicia. Nace na vertente sudoriental da serra do Xistral, na parroquia de Montouto (concello de Abadín). O seu curso adopta unha dirección SO coa que abandona o concello de Abadín para servir de límite ao de Vilalba (parroquias de San Simón da Costa e Vilapedre) e Muras (parroquias da Balsa, O Viveiró e Irixoa) e despois, xa con dirección NO, ás parroquias do Burgo e Muras, do concello homónimo. Ao chegar ao límite entre o concello de Muras e o das Pontes de García Rodríguez, na parroquia de Somede, vira cara ao S ata chegar ao das Pontes de García Rodríguez. Despois dun curso zigzagueante entre as dúas parroquias, no encoro da Ribeira adopta unha dirección SO coa que chega ao límite co concello de Xermade e despois co concello de Monfero. Neste treito, o do encoro do Eume, vira cara ao O. Todo o límite entre os concellos de Monfero e As Pontes de García Rodríguez está ocupado polo encoro do Eume. Augas abaixo da presa, o curso do río aprovéitase como fronteira municipal entre Monfero e A Capela, Monfero e Cabanas e, finalmente, Cabanas e Pontedeume. Desemboca na ría de Ares, entre as parroquias de Pontedeume e Cabanas, despois de percorrer 80 km e drenar unha conca de 470 km2. Na súa desembocadura achega un caudal de 19,1 m3/s.