Eutrigla
Xénero de peixes mariños, da familia dos tríglidos, que poden acadar os 50 cm de lonxitude -aínda que normalmente non sobrepasan os 30 cm-. O seu corpo é alongado, coa cabeza máis curta ca alta e fociño alongado, co perfil superior oblicuo e un pouco cóncavo. Está cuberto de escamas moi pequenas e cunha liña lateral formada tamén de escamas estreitas e alongadas. É de cor variable, xeralmente gris ou castaña clara no lombo, salteada con moitos puntos brancos. Os ollos son bastante grandes e limitan un espazo interorbitario aplanado ou un pouco cóncavo. O bordo anteroposterior da órbita é denticulado e as placas dérmicas soborbitarias teñen saíntes e estrías radiantes. Presentan unha crista escamosa na liña lateral formada por escamas con moitas puntas. As aletas pectorais son curtas e non chegan á orixe da aleta anal. A primeira aleta dorsal é triangular, a aleta anal un pouco máis curta ca a segunda dorsal e a caudal ampla. Amosan unha marca negra sobre o 3-5 raio da primeira aleta dorsal. O opérculo caracterízase por dúas espiñas curtas e pouco robustas. En Galicia está presente a especie E. gurnardus, que recibe a denominación popular de roibo, propia do Océano Atlántico, dende Marrocos ata Noruega e o Mediterráneo. Vive en fondos de lama de area ou de area con pedra, sempre por baixo dos 200 m de profundidade e tende a formar grupos que se reproducen de xaneiro a xuño entre os 25 e os 50 m de profundidade. Acadan a madurez sexual aos 3 ou 4 anos e aliméntanse de crustáceos e peixes.