Falla Matheu, Manuel de
Compositor. Estudiou con Alejandro Odero e Enric Broca, e posteriormente ampliou os estudios de piano con J. Tragó e os de composición con F. Pedrell en Madrid. De 1907 a 1914 residiu en París, onde entrou en contacto con C. Debussy, I. Albéniz, P. Dukas e M. Ravel, que influíron no seu estilo. De regreso, estableceuse en Granada ata que a finais de 1939 embarcou para Arxentina. Colaborador en revistas musicais de ámbito europeo, fundou a Orquesta Bética de Cámara e creou unha música baseada no popular e no folclórico, asimilou as correntes europeas e combinou a tradición española coa modernidade contemporánea. Da súa produción, nun primeiro momento adscrita ao nacionalismo musical e próxima ao impresionismo francés no campo harmónico e na instrumentación, destaca Los amores de la Inés (1902), a ópera La vida breve (1913), Siete canciones populares españolas (1915), o ballet El amor brujo (1915), Noche en los jardines de España (1916), a farsa mímica El corregidor y la molinera (1917), a ópera cómica Fuego fatuo (1918), o ballet El sombrero de tres picos (1919), El retablo de Maese Pedro (1923) e musicou o poema de G. J. Aubry Psyché (1925). Así mesmo, compuxo Allegro de concierto (1905), Fantasía Bética para piano (1919), Concerto para clavicémbalo y cinco instrumentos (1926) e a inconclusa cantata escénica Atlántida, sobre un poema de J. Verdaguer. Membro da Sociedad Internacional de Música Contemporánea (SIMC), recibiu o Premio de Piano Ortiz y Cussó (1905) e Francia concedeulle a Lexión de Honor (1928).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Cádiz -
Deceso
Lugar : Alta Gracia, Córdoba, Arxentina