Famagusta
Capital do distrito homónimo, Chipre (21.521 h [1990]). Importante porto pesqueiro e comercial. Fundada polo Faraón Ptolomeo II Filadelfio no 285 a C, foi ocupada polos habitantes da antiga cidade de Salamina a partir do s VII. Estivo baixo dominio veneciano durante a Idade Media e foi capital do Reino de Xerusalén trala caída de San Xoán de Acre (1291). Conquistada polos turcos en 1571, converteuse en colonia británica entre 1878 e 1960. Desde 1974 está dentro do sector turco da illa de Chipre. Do seu patrimonio cultural destacan as ruínas da antiga cidade de Salamina, as murallas venecianas (s XVI), o palacio da dinastía Lusignan, a torre de Otelo (s XIV), as igrexas ortodoxas gregas de San Xurxo e do Arcanxo Miguel, a igrexa católica de san Xurxo (s XIII), a catedral católica de San Nicolao (ss XIII-XIV), e as mesquitas de Lala Mustafa Pasha e de Sinan Pasha.