Faraday, Michael

Faraday, Michael

Físico e químico inglés. Fillo dun ferreiro, aprendeu o oficio de encadernador, ao mesmo tempo que se dedicou ás lecturas científicas e filosóficas. Asistiu ás conferencias de Humphry Davy (1812); este nomeouno (1813) o seu axudante no Royal Institute, do que chegou a ser superintendente (1821) e director (1825). Foi membro da Royal Society (1824) e da Académie Française des Sciences, e profesor de química (1833). En 1821 comezou o estudo da electricidade e do magnetismo; descubriu a produción dunha forza electromotriz nun condutor sometido a un campo magnético (lei de Faraday), introduciu o concepto de liña de forza, enunciou as leis cuantitativas da electrólise (leis de Faraday) e descubriu a rotación do plano de polarización da luz mediante campos magnéticos (1845). Licuou diferentes gases e descubriu dous cloruros de carbono e o benceno. Sen os traballos de Faraday sería imposible toda a técnica actual de produción e distribución de correntes eléctricas, gran parte da electroquímica e a teoría de Maxwell. En 1903 fundouse na súa honra a Faraday Society.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Newington Butts

  • Deceso

    Lugar : Hampton Court