farmacéutico -ca
(< lat pharmaceutĭcus < gr ϕαρμακευτικός)
-
adx
Relativo ou pertencente á farmacia.
-
s
Persoa que exerce a farmacia como profesión, ben como titular dun establecemento para a preparación de fórmulas maxistrais e dispensación de produtos farmacéuticos, ben como preparador dentro da industria farmacéutica, ben como realizador de análises clínicas. No Estado español os modernos colexios de farmacéuticos apareceron no s XIX e chegaron a colexios oficiais en 1934, federados na Unión Farmacéutica Nacional. Dende o período 1938-1941, os colexios do Estado español dependen do Consejo General de Colegios Oficiales de Farmacéuticos de España. O ensino público de farmacia ligouse á evolución da profesión antiga de boticario cara á moderna de farmacéutico.
-
industria farmacéutica
Sector industrial que se encarga da fabricación de produtos farmacéuticos. Esta industria, moi complexa, pódese incluír dentro da industria química, aínda que coas súas características particulares. As diversas actividades da industria farmacéutica pódense esquematizar en tres grupos principais. En primeiro lugar a preparación por extracción e purificación dos medicamentos que existen na natureza. En segundo lugar os produtos creados sinteticamente polo home. E en terceiro lugar o estudo e a preparación das especialidades farmacéuticas. A especialidade farmacéutica xorde, en calquera parte do mundo, da primitiva farmacia. Se a especialidade tiña éxito diante do médico ou o público, a produción aumentaba, ata que naceu, pouco a pouco, o laboratorio anexo á farmacia. Algúns chegaron a independizarse, ata crear industrias máis ou menos complexas e, nalgúns casos, ata grandes grupos industriais. Os avances na investigación e o encarecemento das materias primas agudizaron cos anos a tendencia á concentración sectorial. Dende o ano 1964 e ata 1976 a industria farmacéutica realizou unha escalada económica espectacular que se fundamentou na concertación coa Seguridade Social. O primeiro acordo asinouse en 1967 e tivo unha duración de cinco anos. Este pacto incluíu toda clase de medicamentos nas prestacións da Seguridade Social. A partir de 1976 iniciouse a racionalización desta oferta. A diminución dos ingresos, unida ao incremento dos costes de produción e ao encarecemento das materias primas -das que no ano 1974 o Estado español importou o 34% do total necesario- conformaron un estado de minicrise que axudou a forzar a tendencia cara á concentración. Mentres que en 1961 existían 756 empresas farmacéuticas que operaban en todo o Estado, en dez anos reducíronse a 615 e en vinte a 415.