farmacia
(< lat pharmacĭa < gr ϕαρμακία)
-
s
f
Ciencia e arte de coñecer as substancias con acción medicamentosa e a maneira de combinalas para obter os medicamentos. Orixinariamente, a farmacia non foi unha ciencia independente, senón que formaba parte dos coñecementos médicos porque era o médico quen preparaba os medicamentos. Os descubrimentos no campo da química e da botánica influíron na evolución da farmacia. Os primeiros textos que se coñeceron foron os exipcios, que se limitaban a dar a forma de obter certos preparados con poder curativo; posteriormente, foron os gregos os que escribiron obras sobre o tema. Na época medieval o mundo islámico deu un novo pulo á ciencia farmacéutica, que se separou gradualmente do campo dos médicos, e así xurdiu a profesión de boticario. No s XVI apareceron as primeiras farmacopeas; a necesidade das mesmas aumentou dende o momento que o médico deixou de preparar el mesmo os medicamentos para encargárllelos a outra persoa, que co tempo se converteu en farmacéutico. Así apareceron tratados escritos por especialistas que reciben diferentes nomes, como antidotarios, receptarios, códices, etc. En 1498 publicouse en Florencia a primeira farmacopea mundial, que foi o Nuovo Receptario, e en 1511 editouse en Barcelona a primeira hispana, a Concordie Apothecariorum Barchinonensium. Aínda así, a verdadeira ciencia farmacéutica naceu a finais do s XVIII, e a partir do s XIX pódese enfocar xa dende un punto de vista científico. No s XX a farmacia experimentou un gran pulo que deu lugar ao establecemento dunha importante industria farmacéutica. O ensino da farmacia estableceuse de acordo co desenvolvemento da ciencia farmacéutica. No Estado español realizouse a primeira vez en 1801, mediante as Ordenanzas de Farmacia. En 1804 creouse en Madrid o Real Colegio de Farmacia, en 1815 o de Santa Vic22toria, en Barcelona, e dous anos máis tarde, en Santiago de Compostela e Salamanca.
-
s
f
Profesión do farmacéutico.
-
s
f
Establecemento onde se preparan ou venden medicamentos.
Sinónimos: botica.