Fefiñáns, San Bieito de

Fefiñáns, San Bieito de

Igrexa parroquial situada no núcleo urbano de Cambados. Fundouna san Rosendo. A primitiva igrexa románica derrubouse no s XV cando se erixiu o cruceiro e a capela maior; no s XVII realizouse a bóveda do cruceiro e reformáronse as capelas do transepto. Ten planta de cruz latina. No interior destaca a bóveda da nave principal dividida por arcos de medio punto e a bóveda de crucería estrelada do transepto, que conserva un escudo coas armas dos Sarmiento, Valladares e Figueroa; nos lados do transepto sitúanse dúas capelas oxivais coas estatuas xacentes de Gonzalo de Valladares e Sarmiento, e a súa dona María Ozores e Silva (1618). En 1784 o mestre Manuel Ferreira Fuentes construíu a fachada principal coas dúas torres churriguerescas baixo o mecenado do marqués de Figueroa. Na fachada que mira á praza destaca o brasón de Fernando de Valladares (1634), sobre o que se sitúa unha imaxe da Virxe coa coroa real, e un reloxo de sol.