feminismo

feminismo

(< lat femĭna ‘muller’ + -ismo)

Movemento que ten como finalidade conseguir a igualdade política, social e económica da muller respecto do home, concretado a partir da segunda metade do s XIX no ámbito da sociedade industrial. A base ideolóxica foi proporcionada pola vaga revolucionaria de finais do s XVIII, e as declaracións a prol da igualdade de todos os cidadáns. Coetaneamente, apareceron os primeiros textos: Déclaration des droits de la femme et de la citoyenne (Declaración dos dereitos da muller e da cidadá, 1791), de Olympe de Gouges, e Vindication of the Rights of the Women (Vindicación dos dereitos das mulleres, 1792), de Mary Wollstonecraft.
A loita sufraxista
As primeiras loitas polos dereitos legais tiveron como protagonistas as mulleres estadounidenses, que participaran na emancipación do seu país e na causa antiescravista. En 1848 celebrouse en Nova York a primeira convención sobre dereitos da muller, na que se aprobou a Declaración de Séneca Falls, un dos textos básicos do sufraxismo americano, no que se demandaba o sufraxio e a igualdade de dereitos sociais e laborais. As eleccións presidenciais de 1920 foron as primeiras que contaron con participación feminina. En Europa a loita comezou a principios do s XX. En Inglaterra creouse en 1903 a National Union of Women Suffrage, liderada por Emmeline Pankhurst, como organización específica feminina no interior do Partido Laborista. En 1917 aprobouse a lei de sufraxio feminino. En España, o feminismo como movemento social tivo menor envergadura e estivo máis centrado en cuestións de tipo social ca en reivindicacións políticas. En 1920 existían diversas asociacións feministas, entre as que cómpre salientar a Asociación Nacional de Mujeres Españolas, presidida por María Espinosa, e a Unión de Mujeres Españolas, presidida pola marquesa de Ter, que tiñan como principais obxectivos a educación, a reforma da lexislación e o dereito ao voto. A Constitución de 1931 concedeu o sufraxio ás mulleres, así como o dereito ao divorcio e estableceu o matrimonio baseado na igualdade dos cónxuxes. A etapa franquista foi un período involucionista para a situación social e os dereitos da muller. Co estoupido da Primeira Guerra Mundial, o feminismo escindiuse en dous sectores: o reformista, que apoiaba o dereito de voto para as mulleres alfabetizadas; e o socialista, que incluía a loita feminista dentro do seu marco global de loita social. Malia o triunfo dos ideais revolucionarios na Unión Soviética, non foi ata a extensión dos ideais democráticos e sobre todo, a extensión da escolaridade e o acceso das mulleres á cultura cando tivo lugar unha segunda vaga de feminismo que loitou por cambiar o papel asignado á muller pola sociedade. O caso galego parte dun enclave marcadamente rural, afectado por un alto grao de emigración e un baixo nivel educativo-cultural, dominado polo catolicismo, polo que se pode falar máis dunha cuestión feminina que feminista. Así, a maioría das organizacións de mulleres foron de carácter benéfico ou seccións femininas dos diferentes partidos ou colectivos, como as Agrupacións de Mulleres Antifascistas (Vigo, Ferrol e A Coruña), auspiciadas polo Partido Comunista; ou as seccións femininas do nacionalismo no período republicano, que se limitaban a reclamar o compromiso galeguista das mulleres (Irmandades Femininas da Coruña, Mocidades Femininas Ourensás).
O Feminismo da Liberación da Muller
Importantes textos teóricos acompañaron este movemento: Le deuxième sexe (O segundo sexo, 1949) de Simone de Beauvoir, ou The Feminine Mystique (A mística da feminidade, 1963) de Betty Friedan, que defendían a diferenza dentro da igualdade entre suxeitos libres. As mulleres cuestionaron por vez primeira o seu papel social, rexeitaron o seu “destino natural”. Entre as múltiples tendencias pódense distinguir: a reformista, que defendía a loita pola igualdade da muller en todos os campos da actividade social; o feminismo radical, que consideraba o patriarcado como fundamento da opresión da muller; e o feminismo da diferencia, que avogaba por identificar e defender a identidade propia da muller e marcar ben os seus sinais diferenciais. O movemento estendeuse mundialmente e foi obxecto de atención dos organismos internacionais. Así, o Decenio Internacional das Nacións Unidas para a Muller, iniciado en 1975, puxo en práctica unha serie de programas orientados á diminución da discriminación da muller, analizados e avaliados nas conferencias internacionais de Copenhaguen (1980) e Nairobi (1985). En España, o período desarrollista supuxo unha maior necesidade de incorporación da muller ao mundo laboral e como consecuencia as Cortes franquistas aprobaron a Lei dos Dereitos Políticos, pola que se eliminaban a maioría das discriminacións impostas no mundo laboral. Tras un período de actividade clandestina, celebráronse en 1975 as primeiras Jornadas de Liberación de la Mujer, en Madrid, e ao ano seguinte, as Primeres Jornades Catalanes de la Dona. En ambas ocasións quedaron establecidas as dúas tendencias que existían entre os incipientes grupos feministas: a que avogaba pola dobre militancia, simultaneando a acción feminista e a política; e a que consideraba o feminismo como unha alternativa global a unha sociedade dominada polo home. Dentro do primeiro sector xurdiron numerosos grupos apoiados polos diversos partidos (Movemento Democrático da Muller, dentro do PCE, ou a Asociación Democrática da Muller, integrado por militantes do PTE e da ORT), e entre os que rexeitaban a colaboración co mundo da política organizada, destacan os colectivos feministas que xurdiron en diferentes capitais españolas. Outro colectivo importante, arredor da figura de Lidia Falcón, propugnaba a creación por parte das mulleres de organizacións políticas propias, cos seus programas específicos e as súas estratexias particulares. Esta variedade de colectivos non estaba exenta de reivindicacións comúns, que quedaron plasmadas na Constitución de 1978 (non discriminación legal, laboral e matrimonial por razón de sexo), e nunha serie de reformas legais que despenalizaban os anticonceptivos, e eliminaban os delitos de adulterio e amancebamento. Desde os organismos públicos ocupáronse das cuestións relativas á muller coa creación de departamentos ministeriais como o Instituto da Muller, creado en 1983 a partir da Subdirección da Condición Feminina, establecida polo primeiro goberno democrático de 1978. O feminismo galego deste novo período caracterizouse polo seu atraso con respecto ao resto do Estado e pola súa dependencia respecto da política xeral. Nos anos oitenta xurdiron as primeiras organizacións vinculadas ao nacionalismo e aos movementos de esquerda. Mulleres Nacionalistas Galegas constituíuse en 1986, nun principio integrada no BNG, que en 1988 se converteu nunha organización independentista e autónoma, aínda que integrada ideoloxicamente no movemento de liberación nacional. Desde o socialismo xurdiron os colectivos de Mulleres Progresistas, especialmente consolidados en Vigo e Santiago de Compostela. Da confluencia do Movemento Comunista Galego, o LCR e outros grupos de esquerda, constituíuse en 1976 a Asociación Galega da Muller (AGM), que editou desde 1982 a revista Andaina. Tamén as organizacións sindicais crearon secretariados e comisións da muller, e desde o anarquismo configurouse o Colectivo de Mulleres Livres, que funcionou desde mediados dos oitenta con centro en Santiago de Compostela. Desde as institucións xurdiron a finais dos oitenta as primeiras iniciativas parlamentarias e en 1993 o concello de Vigo creou o primeiro Consello Municipal da Muller, no que estaban representadas as asociacións de mulleres e as vocalías e secretarías da muller dos sindicatos. En 1991 a Xunta creou o Servicio Galego para a Promoción da Igualdade do Home e da Muller, adscrito á Consellería de Familia, Muller e Xuventude. A finais do s XX o feminismo loita pola consecución de dereitos nos países subdesenvolvidos, así como polo afianzamento social dos logros acadados pola muller nas sociedades occidentais.