fénix

fénix

(< lat phoenix < gr ϕοῐνιξ)

  1. s m
    1. [MIT]

      Figura mitológica orixinaria de Etiopia, que os gregos e romanos consideraban imaxe da vida eterna. A súa lenda está relacionada en Exipto co culto ao Sol. Vivía alí, segundo as diversas lendas, uns 500, 1461 ou 12.954 anos. O feitío desta ave fabulosa é o dunha aguia grande cunha bela e rechamante plumaxe: vermello de lume, azul celeste, púrpura e ouro. Cando se sente morrer, constrúe un niño con herbas e esencias perfumadas. Segundo as tradicións, préndelle lume o niño e xorde das cinzas un novo fénix ou fica aniñado ata que morre e enchoupa todo co seu seme, do que nacerá o novo fénix; este recolle o cadáver de seu pai e méteo nun tronco de mirra baleiro, que logo levará ao altar do Sol, en Heliópolis, para ser incinerado polos sacerdotes de Deus. Rematada a cerimonia solemne, o novo fénix voa cara a Etiopia, onde se alimenta de pingas de incenso.

    2. Persoa ou cousa rara e única no seu xénero.

  2. s m [HERÁLD]

    Figura imaxinaria representada como unha ave, sempre de fronte, coa cabeza de perfil e ás estendidas, sobre unha fogueira, denominada inmortalidade.