Fente, San Martiño de
Igrexa parroquial situada en Monterroso. De estilo románico (s XII), trátase dunha construción dunha nave e ábsida rectangular. Nunha reforma posterior elevouse a nave e a ábsida e engadíuselle unha sancristía. O arco triunfal é de dúas voltas apoiadas sobre columnas de bases tóricas e capiteis decorados con aves, cabezas humanas e follas. Ten cuberta de madeira a dúas augas, igual que a tribuna que está enriba da entrada principal. No interior destacan o retablo maior, de estilo neoclásico (s XIX) con imaxes, entre outras as de san Martiño de Tours e santo Antonio de Padua, e o outro do s XVIII dividido en tres rúas e cun frontón partido, acolle as imaxes de santa María e san Pedro Nolasco. Na fachada destaca a espadana dun só van e o tímpano, que está apoiado sobre machetas xeométricas con lóbulos e que conserva o relevo dunha cruz de brazos iguais.