Fernán-Vello, Miguel Anxo
Poeta, dramaturgo e editor. Realizou estudios de música no Conservatorio Superior de Música da Coruña e de psicoloxía e filoloxía hispánica na Universidade de Santiago de Compostela. Colaborador en distintas publicacións e prensa, en 1991 fundou Edicións Espiral Maior, foi secretario xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e membro da xunta directiva do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO). A súa obra, influenciada por Luigi Pirandello, supón unha reflexión permanente sobre a condición humana e sobre a vida, explicada como un xogo de roles onde os planos da realidade e a ficción se mesturan de forma permanente, ata chegar á recreación dunha Galicia máxica, habitada por soños e mortos. Da súa produción como poeta destaca Do desexo en corpo e sombra (1984), Seivas de amor e tránsito (1984), Memorial de brancura (1985), Poemas de lenta nudez (1994), As certezas do clima (1996) e Poemas (1999); como dramaturgo A tertulia das máscaras (1981), A estraña señorita Lou (1982), Cuarteto para unha noite de verao (1989) e A casa dos afogados (1990); como ensaísta A nación incesante. Conversas con Xosé Manuel Beiras (1989) e A Coruña da cultura e a modernidade (1995); e como narrador Anti-memoria dun día (1982). Obtivo o I Premio Concurso Nacional de Poesía O Facho (1981), Premio de Teatro Breve da Escola Dramática Galega (1981, 1983, 1985), Premio Celso Emilio Ferreiro (1983), Premio Esquío (1984), Premio da Crítica Española (1985), Premio Biblioteca do Arlequín (1988, 1990), Premio Xacobeo de Poesía (1992) e Premio Martín Códax (1996).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Cospeito