Fernández, Gregorio

Fernández, Gregorio

Escultor. Suponse que foi fillo do entallador Gregorio Fernández quen traballou no retablo de San Martiño de Noia en 1562. A súa formación comezou probablemente nos obradoiros ourensáns da órbita de Juan de Juni, pero a comezos do s XVII trasladouse a Valladolid, onde se formou no obradoiro de Francisco Rincón e está documentado como escultor independente en 1605. En Valladolid recibiu tamén a influencia de Pompeo Leoni e dos escultores clasicistas da corte. Na súa evolución artística distínguense tres etapas: unha de formación ata 1616, caracterizada polo manierismo herdado dos seus mestres; a madurez, ata 1623, baseada no naturalismo; e a derradeira ou da plenitude barroca con actitudes máis dramáticas e dinámicas. As súas obras caracterízanse polo verismo, manifestado no tratamento da anatomía e das encarnacións, que adoitan ser mates, e no emprego de elementos postizos como ollos de cristal. Fronte á plasticidade dos corpos, as vestimentas aparecen acartonadas polo emprego das dobras quebradas que producen fortes contrastes de luces e sombras. As figuras adoitan estar calmadas e con actitudes contidas, expresando unha serena dor ou unha experiencia mística. Interesouse polo vulto redondo e evitou o relevo pictórico e a gradación de planos. Foi o iniciador da imaxinería relixiosa castelá e do paso de Semana Santa que representa os diferentes momentos da Paixón e fixou algunha iconografía. Cómpre destacar o grupo da Piedade (1516-1517) no que empregou a composición en diagonal coa Virxe, con actitude dolorosa, sostendo o Fillo coa man esquerda mentras levanta o brazo dereito. As figuras dos ladróns mostran un estudo anatómico e anímico contraposto: Dimas, o ladrón bo, ten unha actitude serena, mentres Xestas está máis convulso. Na representación do Ecce Homo adoitou a iconografía da Contrarreforma coa columna baixa; destacan o do mosteiro da Encarnación de Madrid (1625?) e o Cristo flaxelado (1630-1636) de Santa Teresa de Ávila. A súa tipoloxía de Cristo xacente é un reflexo do seu interese polo estudo anatómico. Destacan, entre outros, o da igrexa do Pardo en Madrid e o do Museo Nacional de Escultura de Valladolid (1625-1630). Creou tamén un tipo de iconografía da Inmaculada ao presentar a Virxe con rostro de nena en actitude orante e vestida cunha túnica branca e un manto disposto en dous volumes simétricos con dobras contrastadas, como a do convento do Carmen de Arévalo (1625-1630). Realizou tamén imaxes de santos, como San Ignacio (1613?), encargado polos xesuítas de Vergara, e Santa Tereixa (1622?), no convento do Carmen Calzado de Valladolid. Ademais cómpre destacar o relevo de Cristo desencravándose para abrazar a san Bernaldo, realizado para o retablo das Huelgas Reales de Valladolid (1614) e os retablos maior de san Miguel de Vitoria (1623) e da catedral de Plasencia (1629). En Galicia consérvanse o Cristo xacente e a Inmaculada no convento das clarisas de Monforte de Lemos; a Dolorosa na catedral de Ourense; e o Cristo crucificado da capela do Santo Cristo en Santa María de Conxo. Relaciónanse co seu obradoiro as imaxes de San Francisco Xavier, Santo Ignacio e San Francisco de Borja da antiga igrexa dos xesuítas en Santiago de Compostela.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Sarria

  • Deceso

    Lugar : Valladolid