Fernández Argüelles, Xulio Antón
Pintor e escultor. Comezou a pintar en León, onde realizou a súa primeira exposición individual na Deputación. En 1940 trasladouse a Madrid, onde estudiou naútica, ao tempo que asistía, por libre, á Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, ao Círculo de Bellas Artes e, entre outros, ao taller de D. Vázquez Díaz. En 1944 trasladouse a Barcelona, onde coñeceu o informalismo. Compaxinou o seu labor artístico coa profesión de mariño mercante. En 1950 trasladouse á Coruña, onde foi profesor de debuxo (1963). Foi catedrático de Dereito Marítimo (1966) na Escola Superior da Mariña Civil, da que tamén foi director (1968). Traballou o gran formato, a pintura de cabalete e o linóleo, e cultivou o retrato, o bodegón e a paisaxe, mais os seus temas predominantes foron o mar e a muller. As súas obras de temática relixosa amosan un carácter místico que, co emprego dos canons alongados, evocan a El Greco; as paisaxes e bodegóns mostran o coñecemento das vangardas e neles destaca a ambientación esceanográfica co emprego das gamas frías nas figuras e dun foco de luz externo. Realizou tamén esculturas de carácter monumental. Destacan, entre outras, a serie Veinte retratos imaginados. Das súas últimas obras cómpre salientar a fachada da igrexa de Santa Xema da Coruña. Dende 1971 pertenceu á Real Academia de Bellas Artes Nuestra Señora del Rosario, da que foi presidente dende 1988. Baixo a súa presidencia puxo en marcha o Salón de Outono, o Archivo Musical de Galicia e promoveu a declaración da muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade e a candidatura da torre de Hércules. Foi membro correspondente das academias de Málaga, València e Zaragoza. A súa obra amósase, por exemplo, no Museo de Belas Artes da Coruña, no Museo de Arte Contemporáneo de Madrid, no Palacio Gaudí de Astorga e nas coleccións da Xunta de Galicia e Caixanova.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Astorga -
Deceso
Lugar : A Coruña