Fernández Armesto, Felipe

Fernández Armesto, Felipe

Escritor e xornalista. Coñecido como Augusto Assía, pseudónimo extraído dun personaxe viaxeiro dunha obra de Tolstoi. Comezou estudiando filosofía e letras na Universidade de Santiago de Compostela, onde dirixiu a “Página Universitaria” de El Pueblo Gallego. Posteriormente, trasladouse a París e logo a Berlín, onde foi nomeado lector de literatura española da Universidade Humboldt, e foi correspondente do xornal La Vanguardia. Expulsado de Alemaña en 1933, tralo ascenso de Hitler ao poder e logo de escribir unha crónica sobre uns sacerdotes asasinados, La Vanguardia enviouno como correspondente a Londres, onde permaneceu ata o comezo da Guerra Civil española, momento no que se incorporou voluntariamente ás tropas sublevadas de Franco. Ao remate da guerra volveu a La Vanguardia como correspondente en Londres, onde realizou unha das súas entrevistas máis destacadas a Winston Churchill, tamén alí puido relatar directamente a Batalla de Inglaterra, e, posteriormente, en Nova York, Washington e Bonn. Publicou algúns relatos literarios en Nós e El Pueblo Gallego e colaborou nos xornais Informaciones, La Voz de Galicia, ABC e El Sol, e na revista Nueva España. Da súa produción destaca Xelo, o salvaxe (1925), incluído no nº23 da colección Lar, Los ingleses en su isla (1943), Vidas inglesas (1944), as súas crónicas da Segunda Guerra Mundial en Cuando yunque, yunque y cuando martillo, martillo (1947), Mi vuelta al mundo (1950), Los yankis (1950) e La traición como arte, en que describiu a infiltración comunista nos xornais norteamericanos. Foi condecorado como Cabaleiro da Orde do Imperio Británico e en 1989 recibiu a Medalla Castelao.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : A Mezquita

  • Deceso

    Lugar : Xanceda, Mesía