Fernández Paz, Agustín

Fernández Paz, Agustín

Pedagogo e escritor. Perito industrial mecánico, mestre de ensino primario e licenciado en Ciencias da Educación, exerceu a docencia e formou parte de numerosos proxectos de normalización lingüística no ensino e de didáctica da lingua. Ligado aos movementos de renovación pedagóxica dos anos setenta, foi membro fundador dos colectivos Nova Escola Galega e Avantar. Entre 1988 e 1990 foi membro do Gabinete de Estudios para a Reforma Educativa da consellería de Educación e Ordenación Universitaria e formou parte do equipo de lingua que preparou os deseños curriculares para as etapas de primaria e secundaria. De 1990 a 1995, traballou como coordinador docente de galego. Colaborador en distintas publicacións de ensino, publicou as series didácticas O noso galego, Labia e Canles (Premio Nacional Emilia Pardo Bazán), e os textos teóricos Os libros infantís galegos (1989), Para lermos cómics (1989), 28 libros da literatura infantil e xuvenil galega (1989), Animación á lectura (1991), Facermos cómics (1991), Os cómics nas aulas (1992), A maxia das palabras (1998) e A literatura infantil e xuvenil en galego (1999). Da súa produción como creador literario destaca A cidade dos desexos (1989), As flores radiactivas (Premio Merlín de Literatura 1989), Contos por palabras (Premio Lazarillo 1990 e Lista de Honor do IBBY), Lonxe do mar (1991), O tesouro do dragón Smaug (1992), Rapazas (1993), Unha lúa na fiestra (1994), Trece anos de Branca (Premio Edebé de Literatura Xuvenil 1994), Amor dos quince anos, Marilyn (1995), Cartas de inverno (Premio Rañolas de Literatura Infantil e Xuvenil 1995), Avenida do parque, 17 (1996), O centro do labirinto (1997), A néboa escura (1998), Cos pés no aire (Premio de Literatura Infantil Raíña Lupa 1999), As fadas verdes (1999), A nube de cores (1999), O soño do merlo branco (2000), Aire negro (Lista de Honra do IBBY e Premi de Literatura Protagonista Jove 2001), No corazón do bosque (2001), Un tren cargado de misterios (2001) e Noite de voraces sombras (2002). Membro da Ponencia de Lingua do Consello da Cultura Galega, da Comisión Técnica de Creación e Estudios Literarios e do Consello da Cultura, recibiu o Premio Ourense de Banda Deseñada (1992) e en 2001 dedicáronlle o Día das Letras Chairegas.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Vilalba