Fernando/Fernanda
Antropónimo galego que procede do xermánico *Frithunanths, composto do godo *frithu- ‘paz’ e o adxectivo *nanths ‘valente, ousado’. Ten a variante Fernán (forma apocopada moi usada na Idade Media, sobre todo ante patronímicos) e os hipocorísticos Nando, Nano e Nan. Como nome persoal xa se documenta no s X en latín hispánico: Fredenandus, Frenandus e Fernandus. Este nome deu lugar ao apelido Fernández, un dos máis frecuentes da Península. Entre os santos que levan este nome destaca Fernando III o Santo (1199-1252), rei de Castela e de Galicia e León, celebrado o 30 de maio, e un abade de Antealtares en Compostela, celebrado o 6 de decembro. Na tradición oral recóllense ditos como: “San Fernando trae as moscas, san Eneón trae o moscón”, “Ir no coche de san Fernando: un pouquiño a pé e outro pouquiño andando”, “Se chove por san Fernando, o mozo ri e chora o amo”, “San Fernando, trinta de maio, folga o mozo, inda que lle pese ao amo (ou a carón do amo)”.