Fernando I de Aragón
Rei de Aragón (1412-1416), duque de Peñafiel e conde de Mayorga, fillo de Xoán I de Castela e de Leonor de Aragón. Foi o primeiro monarca aragonés da dinastía castelá dos Trastámara. En 1406, trala morte do seu irmán Enrique III, asumiu a rexencia de Castela durante a minoría de idade do seu sobriño Xoán II, xunto con Catarina de Lancaster. Retomou as guerras iniciadas por Enrique III de Trastámara contra o Reino de Granada e tomou as cidades de Zahara (1.10.1406) e Antequera (24.9. 1410), polo que comezou a ser coñecido como Fernando de Antequera. Á morte do seu tío, Martiño I de Aragón (1410), presentou a súa candidatura para a sucesión e enfrontouse a Jaume II d’Urgell. Apoiado polos Urrea de Aragón, os Centelles de València e polo Papa Benedicto XIII, foi recoñecido como monarca tralo compromiso de Caspe (1412). Unha vez sufocada a revolta de Jaume II d’Urgell (1412-1413) e tralas concesións ao patriciado urbano catalán nas cortes de Barcelona (1413-1414), centrou os seus esforzos no Mediterráneo, onde pacificou Sicilia, adquiriu os dereitos sobre Sardeña, pactou unha tregua con Xénova (1413) e asinou tratados de amizade co sultán de Exipto e co rei de Fes (1414). Apoiou a Benedicto XIII ata que lle retirou a súa obediencia en 1416.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Medina del Campo -
Deceso
Lugar : Igualada