Fernando II de Aragón o Católico
Rei de Aragón (1479-1516), de Castela (Fernando V; 1474-1504), de Sicilia (Fernando II; 1468-1516) e de Nápoles (Fernando III; 1504-1516), fillo de Xoán II de Aragón e de Xoana Enríquez. Formado na corrente humanista, recibiu en 1458 os títulos de duque de Montblanch e conde de Ribagorza; trala morte do seu irmán Carlos de Viana (1461), os de príncipe de Girona e herdeiro á Coroa de Aragón; o de lugartenente de Catalunya en 1462; e en 1464 o de Sicilia. En outubro de 1466 tomou posesión do cargo de gobernador xeral de Aragón e Catalunya e desde 1468 foi correxente, xunto co seu pai, de Sicilia. Casado desde 1469 con Isabel de Castela, irmá de Enrique IV, apoiou a súa esposa na guerra civil contra Xoana a Beltranexa que se produciu trala proclamación en 1474 de Isabel como raíña de Castela. Recoñecido coas mesmas atribucións que a súa muller como rei de Castela na Concordia de Segovia (1475), converteuse en rei de Aragón trala morte do seu pai (1479), o que significou a unión dinástica da Coroa de Aragón coa de Castela pero non a unión real dos dous reinos. Como rei de Aragón asinou con Carlos VIII de Francia o Tratado de Barcelona (1493), polo que se restituíu o Roselló e Cerdanya a cambio da non intervención nos plans do soberano francés no Reino de Nápoles. En 1495 promoveu a formación da Liga Santa (1495) contra o monarca francés e en 1504, tralas campañas militares de G. Fernández de Córdoba, conquistou o reino napolitano. No plano político-económico, introduciu unha serie de reformas, entre outras, a insaculación de cargos e medidas proteccionistas no comercio e a industria. En Castela, aínda que é dificil determinar a verdadeira intervención na política castelá, tivo un papel primordial na conquista de Granada (1492) e das Illas Canarias (1484-1496). En materia relixiosa, as medidas tomadas por ambos monarcas, entre outras, a creación do Tribunal da Inquisición (1478) e a expulsión dos xudeus (1492), outorgáronlle en 1496 o título pontificio de Católico. Trala morte de Isabel (1504) e ante a oposición dunha parte importante da nobreza castelá, cedeu o seu título de gobernador de Castela a Filipe o Fermoso, casado coa súa filla Xoana. Á morte prematura deste en 1506 foi recoñecido novamente como rexente e iniciou unha serie de accións militares e diplomáticas que levaron á incorporación ao Reino de Aragón dos territorios dos condes de Foix (1512), e ao de Castela dos territorios do Reino de Navarra (1515). Casado por segunda vez en 1505 con Xermana de Foix, nomeou herdeira á súa filla Xoana, raíña de Castela, e gobernador ao seu neto Carlos. Exemplo de príncipe do Renacemento, foi considerado por N. Maquiavelo como un dos seus modelos.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Sos -
Deceso
Lugar : Madrigalejo