Ferro Caaveiro, Lucas Antonio
Arquitecto. Formouse con Fernando de Casas, a quen substituíu como mestre de obras da catedral en 1749. Traballou co seu mestre na capela de Nosa Señora dos Ollos Grandes na catedral de Lugo (1727), onde tamén fixo a capela de San Roque (1730), que reedificou en 1734. En Lugo realizou a casa dos Sangro (1730) e a casa do concello (1735), na que destaca a fachada cun corpo de soportais ao xeito das loxas e con dúas torres nas esquinas. A primeira obra que trazou en Santiago de Compostela foi o colexio de Exercitantes (sede do Instituto de Ciencias de Educación). Nos anos seguintes encargouse da ponte Ulla en Vedra (1741) e reedificou o arco de ingreso á capela do colexio de Fonseca (1744). En San Paio de Antealtares traballou na galería situada sobre a Porta dos Carros (1749). Na catedral compostelá traballou na reconstrución da á occidental do claustro tralo incendio de 1751 e en 1757 deu as trazas á fachada da Acibechería que comezou a construírse en 1759 coa colaboración de Clemente Fernández Sarela. Non obstante , as obras interrompéronse en 1763 cando o cabido solicitou que a obra fose vista por outro mestre de arquitectura e en 1765, tralo informe de Ventura Rodríguez, modificouse a súa estrutura; finalizouna Domingos Lois Monteagudo en estilo neoclásico. En Santiago deu as trazas e construíu a capela das Antigas (convertida en parroquia de San Froitoso), de planta de cruz grega inscrita nun rectángulo e cun coro alto aos pés (1754); traballou na parte posterior do Hospital Real (1766), e atribúeselle o remate da igrexa de San Lourenzo de Trasouto.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : A Capela -
Deceso
Lugar : Santiago de Compostela