Ferro Couselo, Xesús
Antropólogo, arqueólogo, arquiveiro, historiador e profesor. Ingresou no Seminario Conciliar de Santiago de Compostela en 1918, onde se doutorou en 1930, e licenciouse en 1931 en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. No inicio da década dos trinta, exerceu a docencia nos colexios vigueses Apóstol Santiago e Lábor, e no Instituto de Ensino Medio de Tui, onde fundou a revista TVDE. En 1930 ingresou no Seminario de Estudos Galegos, cun traballo sobre a Batalla de Cabo Sicié e en 1931 no Partido Galeguista, polo que participou como presidente da primeira mesa na terceira Asemblea das Mocidades Galeguistas. Durante a Guerra Civil (1936-1939) integrouse nas Milicias Populares Galegas e no Sindicato Único de la Enseñanza, adscrito á CNT, converténdose desde 1938 no secretario da delegación de Instrución Pública de Madrid e a zona S. Sometido a expediente de depuración entre 1939 e 1940, ingresou en xuño de 1941 no Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos e foi destinado a Ourense como director do Arquivo de Facenda. Nesta cidade fíxose tamén cargo da Biblioteca Provincial e do Museo Arqueolóxico Provincial, desde onde promoveu a creación do grupo de colaboradores do museo Marcelo Macías. Entre 1942 e 1945 foi nomeado secretario do Padroado Provincial de Arquivos, Bibliotecas e Museos, preparou a saída do primeiro volume do Boletín do Museo Arqueolóxico Provincial de Orense e deixou o seu cargo no museo. Desde 1942 recuperou o seu labor docente ao exercer como profesor de filosofía no Instituto de Ensino Medio e no colexio das Carmelitas de Ourense. En 1948, trala fundación do Patronato Rosalía de Castro, foi elixido secretario deste e dous anos máis tarde participou como membro fundador e vogal do consello da editorial Galaxia. No inicio da década dos cincuenta foi nomeado inspector arqueolóxico provincial, cargo desde o que iniciou unha serie de programas de inventario e escavación dos xacementos da provincia. Nestes anos centrou os seus estudios na historia medieval galaico-portuguesa polo que visitou en varias ocasións os arquivos de Lisboa e Braga e participou en varios congresos, entre outros, o Congreso Histórico Portugal Medioevo e o Coloquio Bracarense de Estudos Suévicos. Na década dos sesenta iniciou as escavacións dos castros de Santa Águeda e Castromao, organizou unha serie de exposicións sobre a riqueza monumental de Ourense e fundou a Agrupación Cultural Auriense, da que foi director. En 1963 subscribiu a moción para a creación do día das Letras Galegas e en 1965 o escrito dirixido ao ministerio de Educación e Ciencia solicitando que a lingua galega puidese ser ensinada nas escolas. A lingua foi centro da súa atención en varios artigos. Son traballos sobre inscricións existentes en Galicia, etimoloxía e onomástica. Cómpre destacar entre eles “Vemposta” (Logos, 1932), “Los romances y los libros de caballerías en la onomástica personal gallega de los siglos XV y XVI” (Posío. Arte y Letras, 1953-1954), “Cómo e por qué os escribanos deixaron de empregar o galego”, de carácter sociolingüístico (Homenaxe a Ramón Otero Pedrayo, 1958), “Os topónimos Grou, Grove e Grova, Tomba e Teriñuelo” (Actas do Congresso Internacional de Etnografia de Lisboa, 1965), “Hidrónimos galaicos” (Boletín Auriense, 1973) e “El topónimo Bousés” (Boletín Auriense, 1974). En 1971 foi nomeado conselleiro provincial de Belas Artes de Ourense e un ano máis tarde, trala aplicación da norma de incompatibilidade, abandonou o seu labor docente no instituto ourensán. Xunto con Vicente Risco, Otero Pedrayo e Xaquín Lorenzo sacou á luz a revista Posío. Arte y Letras, da que foi director, e participou noutras moitas, entre as que destacan, Orientaciones, Logos, Grial, Compostellanum, Boletín de la Comisión de Monumentos de Orense e Boletín Auriense. Destacan as súas obras Los petroglifos de término y las insculturas rupestres en Galicia (1952), Del Orense perdurable (1961), Del Orense monumental (1964), A vida e a fala dos devanceiros. Escolma de documentos en galego dos séculos XIII ao XVI, en que se recolle parte da documentación medieval, de valor filolóxico, do concello de Ourense (1967), Guía sumarísima do Museo Arqueológico Provincial de Orense (1975), Las obras del convento e iglesia de Montederramo en los siglos XVI y XVII (1993) e O Tumbo de Fiaes (1995). Foi membro da Real Academia Galega desde 1951, académico correspondente da Real Academia de la Historia desde 1960 e desde 1961 da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, e recibiu en 1951 a Cruz da Orde Civil de Afonso X o Sabio. En 1996 adicóuselle o Día das Letras Galegas.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Louro, Valga -
Deceso