Ferro Requeijo, Gregorio
Pintor. En 1749 ingresou como alumno na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, onde foi discípulo de Filipe de Castro, Corrado Guiaquinto e Antón Rafael Mengs. Durante a súa estancia académica recibiu numerosos galardóns: en 1760 o segundo premio de terceira clase, en 1763 o primeiro premio de segunda clase, e en 1766 o terceiro premio de primeira clase. Comezou tamén o seu enfrontamento con Francisco de Goya que culminou en 1804 cando obtivo o posto de director xeral da Academia. Previamente, foi nomeado académico de mérito (1781) e tenente director de pintura (1788) e pintor de cámara. Cultivou a temática relixiosa e o retrato. A súa obra evolucionou dende os postulados rococós aos neoclásicos, derivados das ensinanzas de Mengs e que introduciu na pintura galega, aínda que a maioría das súas obras as produciu na Corte. En Galicia consérvanse A declaración de guerra a Inglaterra, a copia do Cristo de San Plácido de Velázquez; os retratos de Frei Mauro Villaroel, Frei Benito Marín e San Rosendo e a súa familia para o mosteiro de Celanova; o debuxo A Batalla do Clavijo, para o tímpano do pazo de Raxoi que realizaron X. Gambino e X. Ferreiro; e para a catedral compostelá Xesús perdoa a muller adúltera, San Xurxo e o dragón, A Anunciación, A Visitación e O sono de Xosé. Realizou tamén o Retrato de Filipe de Castro para a Universidade de Santiago, protipo do retrato neoclásico no que se reflicte o carácter e a personalidade do retratado que aparece situado no centro do lenzo sobre un fondo que reproduce o seu obradoiro. Nesta obra amosou as ensinanzas aprendidas de Mengs: a precisión naturalista dos detalles, a corrección do debuxo e a perfección artesanal. Ilustrou a edición de El Quijote que en 1780 publicou a Academia, as obras de Ponz, O Poema da Música de Tomás de Iriarte (1799) e fixo o Retrato de Cervantes na colección de Varóns Ilustres (1799).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Santa María de Lamas, Boqueixón -
Deceso
Lugar : Madrid