Ferrol, San Xulián de

Ferrol, San Xulián de

Igrexa parroquial situada no barrio da Magdalena en Ferrol. Dende 1959 ten o rango de concatedral. Substituíu a antiga igrexa situada en Ferrol Vello e construíuse segundo os planos de Julián Sánchez Bort. Ten planta de nave única, separada por pilastras xónicas das capelas laterais, cubertas con bóvedas de canón e bóvedas esvaídas, que lle conceden o aspecto de cruciforme; sobre o cruceiro eríxese unha cúpula nervada apoiada en catro piares. A fachada está dividida en dous corpos: o inferior consta de dúas ás laterais e un corpo central con tres arcadas de medio punto que dan acceso ao pórtico; na central destacan dúas columnas xónicas que sosteñen un entaboamento sobre o que se sitúa un frontón curvo; no segundo corpo destaca un ovo pétreo flanqueado por dúas ventás sobre o que se sitúa un frontón triangular. As torres están recuadas respecto á fachada. Na parte superior ábrense catro vans de arco de medio punto que acollen as campás; o remate é cupulado.