galaico-lusitano
(
Fala celta do grupo continental que non todos os estudiosos aceptan e distinguen. O lusitano é a lingua de tres inscricións documentadas no occidente peninsular, en tres puntos que caen no territorio da provincia romana Lusitania. Estes textos presentan elementos celtas (Caeilobrigoi, epíteto teonímico en dativo singular temático da inscrición de Lamas de Moledo), elementos singulares que o diferencian do celtibero (conxunción copulativa indi) e elementos non celtas (porcom ‘porco’ en acusativo singular temárico co p- conservado). As inscricións sitúanse nunha área lingüística maior, constatable a partir dos datos onomásticos (teónimos Bandue, Reve, Nabiae; dativo plural en -bo; sufixo -aiko- en adxectivos derivados toponímicos), que abrangue tanto a Lusitania como a Callaecia (Gallaecia) con límites orientais imprecisos cara ao celtibero. Polo tanto, a denominación máis axustada é a de galaico-lusitano ou tamén hispano occidental. Pero non hai unanimidade nos investigadores e, diante dos elementos que se atopan nas inscricións lusitanas, xurdiron tres posturas: a) aqueles que negan a celticidade do lusitano (A. Tovar) pola presenza do p-, tendo en conta que se lle pode restar toda importancia a Caeilobrigoi polo feito de que, sendo un derivado toponímico, como topónimo pode ter unha orixe lingüística distinta da lingua do texto na que se documenta. Por outra parte, interpretan taurom ifadem[...] como ‘touro semental’ na inscrición do Cabeço das Fráguas a partir da raíz *jebh- ‘copular’, considerando f como resultado regular de IDE *bh, feito estraño ás linguas celtas; b) os que admiten esa celticidade (J. Urgemann e C. Búa) a pesar da mantenza do p-, debido a que na abundante onomástica occidental abundan os topónimos en -bri(g)-/-brig(a)- e falta calquera argumento fiable da caída de p-, de xeito que este contexto parece indicar que a lingua occidental era unha lingua marxinal do grupo, que mantivo o arcaísmo do p-. O f de ifadem[...] amosa a presenza dunha fricativa (que talvez proveña de *bh, aínda que a etimoloxía proposta presenta inconvenientes como para non ser considerada segura: morfoloxía ad hoc), pero as fricativas xa son coñecidas noutros exemplos como froito do betacismo (a presenza do f podería entenderse como alófono, con articulación labiodental motivada pola presenza do i, da fricativa do betacismo que en contextos non condicionados sería bilabial); e c) e outros que consideran que segue a ser unha cuestión aberta.