Galápagos
Galápagos
[nome oficial: Archipiélago de Colón] Arquipélago e provincia de Ecuador, no Pacífico, a 1.000 km do país (8.010 km2; 14.713 h [estim 1997]). A capital é Puerto Baquerizo Moreno (3.023 h [1990]). Consta de trece illas, a principal é Isabela, e dezasete illotes, de orixe volcánica e clima temperado a causa da corrente de Humboldt, con escasa vexetación. A fauna, pobre en especies, presenta formas primitivas de tartarugas e iguanas. A poboación agrúpase na capital, na illa de San Cristóbal. O recurso económico principal é a pesca. Os conquistadores españois déronlle o nome de illas Encantadas. Non foron colonizadas ata 1832. Son Parque Nacional dende 1952.