Foz, Santiago de

Foz, Santiago de

Igrexa parroquial situada en Foz. Construída no s XVIII, as remodelacións que sufriu modificaron a planta de tres naves con cruceiro. A nave principal ten tres tramos e as laterais dous; a capela maior ten cuberta de madeira decorada con pinturas do s XIX. No interior destacan o retablo maior, construído en estilo rococó a finais do s XVIII con imaxes e escenas referidas á vida do Apóstolo Santiago, e a mesa do altar, feita en granito coa representación de Cristo cos apóstolos nunha barca vestidos con traxes mariñeiros. Na fachada destaca o pórtico, formado por tres arcadas e cuberto cunha bóveda de aresta, sobre o que se erixiu a torre, composta por tres corpos: o inferior é macizo e acolle o reloxo, o central ten unha balaustrada e acolle as campás e o superior adopta a forma dunha pequena cúpula.