Fraga Penedo, Isaac
Produtor e empresario cinematográfico. Cursou estudios como seminarista antes de emigrar a Bos Aires e foi alí onde coñeceu uns dos novos inventos do momento, o cinematógrafo. Regresou a Galicia para presentar o novidoso espectáculo. Deste xeito, converteuse nun dos primeiros exhibidores cinematográficos ambulantes que percorreron a xeografía galega. No ano 1908, Fraga estreouse como exhibidor cinematográfico na cidade de Santiago de Compostela, cun pavillón situado no Paseo da Ferradura que simultaneou con outro instalado na Alameda da cidade, que funcionou baixo o nome de Gran Cine Fraga. En Santiago arrendou tamén os locais do Recreo Artístico e o Salón Apolo no decurso dese mesmo ano. No novo complexo empresarial, Camilo Díaz Baliño dirixiu o Taller de Arte e Propaganda da Empresa Fraga. Nese tempo, Fraga consolidárase como o máis importante empresario do sector en Galicia. Entre 1914 e 1919 fíxose coa xestión dos principais locais vigueses, coruñeses, ourensáns, lugueses, pontevedreses e monfortinos. Na década dos 20, xa instalado en Madrid, contaba con locais en Xixón, Castro Urdiales, Santander, Baracaldo, Bilbao, Salamanca, Burgos ou Valladolid. Fraga tamén levou a representación comercial de aparatos cinematográficos e maquinaria das marcas máis prestixiosas do momento, como Pathé, Gaumont, AEG ou Ertel-Werke-Munich. En 1921 debutou como produtor e presentou a serie documental España en África, tres entregas filmadas polo operador Enrique Franco sobre guións de A. Pérez Lugín. Nesta faceta como produtor, I. Fraga mostrou interese polo cine bélico, como demostran os documentais Operaciones en Ras-Medua, Regimientos heroicos, Los novios de la muerte ou Las baterías gallegas. Debido a estes documentais coñeceu a Millán-Astray ou Francisco Franco e tivo contacto con importantes membros dos círculos africanistas, o que explica o seu posterior posicionamento cando se efectuou o alzamento militar de 1936. Neste período creou Films Patria e impulsou a realización da serie Arriba España! La Reconquista de la Patria (1936-1938). Froito da súa posición dominante, a Empresa Fraga era a mellor preparada para abordar a primeira gran transformación do cine como espectáculo: a chegada do cine sonoro. O 14 de marzo de 1930 presentou no cine Tamberlick vigués The Singing Fool (O tolo cantor, 1928), o primeiro filme sonoro de ficción proxectado en territorio galego. Con posterioridade, a Empresa Fraga saíu moi potenciada, e desde os anos 40 da posguerra, o cine coñeceu unha época moi boa como negocio. En 1940 decidiu construír un local que fose o emblema da empresa. Así, o 27 de marzo de 1948, inaugurouse oficialmente o Teatro-Cine Fraga na cidade de Vigo. Despois duns anos de recesión chegou a época dourada dos anos 70. A partir de entón, a Empresa Fraga iniciou un declive progresivo que culminou coa morte do empresario e fundador nos primeiros anos da década dos 80.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : San Xoán de Arcos, O Carballiño -
Deceso
Lugar : Vigo