Fraguas Fraguas, Antonio
Historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo. En 1918 evitou marchar coa súa familia a Brasil ao ingresar nunha escola establecida en Famelga na parroquia de Aguasantas. O seu mestre convenceu aos pais para que continuase cos seus estudios e en 1919 aprobou por libre o ingreso no Instituto Xeral e Técnico de Pontevedra, onde realizou o bacharelato e onde tivo como mestres, entre outros, a Ramón Sobrino Buhigas, Antón Losada Diéguez e Castelao. En 1923 fundou xunto con outros compañeiros de estudios, entre os que se atopaba Sebastián González García-Paz, a Sociedade da Lingua, que tiña como principais obxectivos a defensa do galego e a elaboración dun dicionario. Ese mesmo ano interveu por primeira vez nun mitín no que defendeu a Manuel Portela Valladares. En 1924 trasladouse a Santiago de Compostela para estudar Filosofía e Letras. Axiña comezou a colaborar no Seminario de Estudos Galegos e, a proposta de Ramón Martínez López, ingresou nas Irmandades da Fala. En 1926 escribiu o seu primeiro artigo xornalístico en El Pueblo Gallego, dedicado a unha escultura de Uxío Souto exposta no Seminario de Estudos Galegos. Despois de licenciarse (1928), acadou o posto de profesor auxiliar de Xeografía e Historia, cargo no que permaneceu ata 1933. No mesmo 1928 ingresou como membro numerario do Seminario nas seccións de Xeografía e Etnografía e Folclore, e colaborou tamén coas seccións de Historia, de Prehistoria, de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas e con Xaquín Lorenzo Fernández na recolleita de materiais e montaxe do Museo Etnográfico do Seminario. Xunto con Sebastián González, e pensionados pola Junta de Ampliación de Estudios, traballou en varias campañas de catalogación arqueolóxica. En 1929 colaborou na recollida de datos e no traballo de campo do libro Terra de Melide, publicado en 1936, e continuou co traballo de catalogación castrexa. Nesta época comezou a colaborar en A Nosa Terra e en Nós e en 1932 en Radio Galicia. En 1933 acadou a cátedra de Xeografía e Historia e incorporouse ao instituto da Estrada. Participou nas campañas a favor do Estatuto de 1936 e co comezo da Guerra Civil foi suspendido de emprego e soldo e separado da cátedra. Dedicouse entón ao ensino privado e xunto co crego Ramón Davila García creou a Academia Menéndez Pelayo en Santiago. Ingresou no Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento como membro da sección de Etnografía e Folclore e exerceu como bibliotecario e secretario. Nestes anos os seus traballos publicounos en castelán. Na década dos corenta opostou varias veces pero foi excluído por motivos políticos, ata que en 1950 gañou de novo a cátedra e se trasladou ao instituto de Lugo, ademais doutorouse na Universidad de Madrid cunha tese publicada posteriormente en dous volumes Historia del Colegio de Fonseca (1956) e Los colegiales de Fonseca (1958). En 1951 elixírono académico de número da Real Academia Galega co discurso “Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán”. En 1959 regresou a Santiago, onde exerceu a docencia no instituto Rosalía de Castro ata a súa xubilación (1975). Continuou co seu labor no Padre Sarmiento e no arquivo e biblioteca da Sociedade Económica de Amigos del País e en 1963 nomeárono director do Museo Municipal de Santiago, instalado en San Domingos de Bonaval. Foi membro fundador e primeiro director do Museo do Pobo Galego (1976) e converteuse no presidente do seu padroado trala morte de Xaquín Lorenzo en 1989. Coa creación do Consello da Cultura Galega (1983), foi un dos membros elixidos pola súa traxectoria cultural e coordinou a sección de Antropoloxía Cultural. O 23 de xaneiro de 1992 o consello da Xunta de Galicia acordou nomealo Cronista Xeral de Galicia pola súa destacada actividade no campo da historia de Galicia. En 1994 legou a súa biblioteca persoal, iniciada en 1919 en Pontevedra e formada por case 20.000 volumes, ao Museo do Pobo Galego. Os seus estudios versaron sobre cultura popular, xeografía, arqueoloxía, historia, arte e outros temas. Colaborou asiduamente, entre outras publicacións, en Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, Revista de Guimarães, El Museo de Pontevedra, Cuadernos de Estudios Gallegos, Zephyrus, Boletín de la Real Academia Gallega, Compostellanum, Revista de Etnografia da Universidade do Porto, Boletín Auriense, Gallaecia e Arquivo do Seminario de Estudos Galegos. Foi autor de numerosos libros, entre os que destacan, Geografía de Galicia (1953), Galicia insólita. Tradiciones gallegas (1973), Lugo (1974), Murguía, o patriarca (1979), Literatura oral en Galicia (1980), El traje gallego (1985), Aportación ao cancioneiro de Cotobade (1985), Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. Primera época, 1784-1813-1821 (1987), Romarías e Santuarios (1988), Celso Emilio Ferreiro (1989), La Puerta Santa de la catedral de Santiago (1993) e Do entroido (1994). Foi membro da Real Academia Galega (1951), e o seu presidente en funcións en 1997, da Associação de Arqueólogos de Portugal, da Sociedade Portuguesa de Etnologia e Arqueologia e membro correspondente da Real Academia de la Historia. Entre os galardóns que recibiu ao longo da súa vida destacan o de Pontevedrés do Ano e colexiado distinguido do Colexio de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias do Distrito Universitario de Santiago (1973); a Medalla Castelao da Xunta de Galicia, o Pedrón de Ouro, a Insignia de Ouro do Museo do Pobo Galego, o título de Fillo Adoptivo do concello de Santiago de Compostela e o de Fillo Predilecto de Cotobade (1984); o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (1985); a medalla de prata da cidade de Santiago de Compostela, o Premio de Investigación da Xunta de Galicia (1988); o Premio Otero Pedrayo das catro deputacións galegas (1992); a Medalla de Ouro e Brillantes da Asociación de Empresarios de Artes Gráficas (1994); a Medalla de Ouro da Asociación do Traxe Galego de Santiago, a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela e o Premio das Artes e das Letras de Galicia (1995); e o título de Patriarca da Galeguidade da Enxebre Orde da Vieira e Galego do Ano (1998). A Deputación da Coruña organiza un certame de artesanía co seu nome.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Loureiro, Cotobade -
Deceso
Lugar : Santiago de Compostela