Fraiz Andón, Vicente
Profesor. En 1881 entrou na Escola Normal de Lugo, onde formou parte do grupo de galegos que acudiu ao Congreso Nacional Pedagógico (1882). En 1890, foi nomeado profesor numerario en propiedade da Escuela Normal de Maestros de Cuba e presidiu, durante sete anos, a Sección de Instrución do Centro Gallego de La Habana. Foi redactor xefe do semanario El Profesorado, dedicado á defensa do maxisterio e do ensino, e director de Criterio Escolar, órgano do Centro del Magisterio de Cuba. Repatriado a España (1898), foi nomeado profesor da Escola Normal Superior de Santiago de Compostela (1899-1919), centro que dirixiu en 1901 e a partir de 1905. Tamén foi catedrático auxiliar interino da facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago de Compostela. Implicado na vida social e cultural compostelá, foi vicesecretario da Sociedad Económica de Amigos del País e impulsou iniciativas congresuais, como o Certamen Pedagógico de Santiago de Compostela (1906) ou o Congreso de Primera Enseñanza, convocado con motivo da Exposición Regional (1909). Cómpre destacar as súas obras El arte como factor de civilización, Mapa estadístico de la Instrución popular de la Isla de Cuba (1895), recomendada nos centros oficiais de ensino, Compendio de psicología (1900), texto para as escolas normais, Memoria sobre las enseñanzas preferentes en las escuelas rurales e incompletas (primeiro premio no Concurso Rexional Pedagóxico de Ourense, 1903), Labor pedagógica del Certamen de Santiago (1906) e Mapa en relieve de la región gallega (Gran Premio da Exposición Rexional de Santiago de Compostela, 1909). Recibiu a Cruz de Mérito Militar, a Cruz de Alfonso XII e a Medalla de Alfonso XIII.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Silleda -
Deceso
Lugar : Santiago de Compostela