Francelos, San Xes de
Capela situada en Francelos (Ribadavia). Está documentada a súa existencia no s X e puido ser mosteiro beneditino, baixo a advocación de santa María (s XI). Trátase dunha pequena construción que puido ter, en orixe (ss IX-X), tres naves. Combínanse os elementos visgodos cos asturianos. A parte máis antiga que se conserva é a fachada, aínda que o pórtico é posterior. A porta principal é de arco de ferradura visigodo cun lintel abovedado; o arco apóiase en dúas semicolumnas pegadas ás xambas, erixidas sobre un pedestal rematado e bases formadas por dúas molduras, os fustes decóranse con formas vexetais e os capiteis con follas sinxelas. Ás beiras dos capiteis atópanse dous relevos figurados que se identificaron coa Entrada en Xerusalén, o da dereita, e, coa Fuxida a Exipto, Balaán detido polo anxo ou de novo a Entrada en Xerusalén, o da esquerda. Á dereita da porta consérvase unha celosía pétrea enmarcada por unha soga que, agás na parte inferior, se combina cun talo ondulante con acios pendurados que, na parte semicircular, se complementan con dúas parellas de aves que os depenican. A parte central está formada por dúas rosáceas de oito follas, cos espacios comprendidos ao seu redor tamén furados. Sobre a flor superior abríronse tres pequenos arcos de ferradura. A súa decoración vincúlase coa arte asturiana. Nos muros do interior consérvanse outros elementos da primitiva igrexa entre o que destaca un piar empregado como perpiaño no muro N. Declarárona Ben de Interese Cultural en 1951.