francés -sa
(< topónimo Francia)
-
adx
Relativo ou pertencente a Francia, aos seus habitantes ou á súa lingua.
-
s
Natural ou habitante de Francia.
- s m [LING]
-
filosofía francesa
[FILOS]
Arte desenvolvida en Francia. As primeiras manifestacións artísticas corresponden aos restos líticos e das vivendas atopados nos xacementos acheulenses. No Paleolítico Superior desenvolveuse a pintura rupestre, especialmente na rexión de Aquitania. Destacan, entre outras, a cova de Lascaux en Montignac (Dordogne). No eido da escultura pódense salientar as venus, entre as que destacan a Venus de Lespugue atopada na Grotte des Rideaux (Alto Garona), e o relevo da Venus de Laussel realizado nunha cova próxima a Marquay (Dordogne). Na rexión de Bretaña consérvanse monumentos megalíticos, entre os que sobresaen os aliñamentos de menhires de Carnac. A arte grega, que chegou ao arco mediterráneo e remontou o Ródano, xunto con outras influencias do S, foi unha arte colonial de gran valor, aínda que importada. Tamén é de importación a arte romana que se impuxo primeiro na Narbonesa e chegou despois ata o Rin, e que deixou un gran número de monumentos, entre os que destacan os conservados en Arles, Nimes e Aurenja. Da época do reino franco dos merovinxios destacan o baptisterio de Saint-Jean de Poitiers e os sarcófagos de Chareton-du-Cher. A arte do período carolinxio desenvolveuse no N do Loira. No eido da miniatura destacaron as biblias de Orléans e as escolas de Metz, Reims, Saint-Denis e Tours. A construción do mosteiro de Cluny na Borgoña contribuíu á formación da arte románica que se desenvolveu (ss XI-XIII) en diversas tipoloxías rexionais. A adopción do deambulatorio e a eliminación da tribuna sobre as naves laterais mantívose en Sainte-Madeleine de Vézelay (Borgoña); en Aquitania a influencia bizantina manifestouse no emprego de cúpulas sobre pendentes, entre outras, en Notre-Dame de Poitiers e Saint-Front de Perigueux; en Provenza as igrexas caracterizáronse pola ausencia do deambulatorio e da tribuna, por exemplo en Saint-Trophime de Arles e Saint-Gilles du Gard; e en Auvernia xeneralizánse as igrexas de peregrinación, entre as que sobresaen Sainte-Foy de Conques e Saint-Sernin de Toulousse, vinculadas ao Camiño de Santiago. No eido da escultura cómpre destacar as portadas de Saint-Pierre de Moisac, Saint-Trophime de Arles, Sainte-Madeleine de Vézelay e Saint-Lazare de Autun. O paso á arte gótica, aínda que as primeiras experiencias de arcos apuntados apareceron no S, foi un fenómeno sobre todo francés no sentido estricto do termo posto que se iniciou na Île de France, coa construción, entre outras, da abadía de Saint-Denis, as catedrais de Laon e Notre-Dame de París e o inicio da catedral de Chartres que deu paso ao gótico clásico. No s XIII construíronse as catedrais de Reims e Amiens. Como mostras da arte gótica flamíxera destacan Saint-Séverin de París, Notre-Dame-de-l’Épine e a fachada da catedral de Tours. A substitución do muro polas vidreiras preséntase na Sainte-Chapelle de París. No eido da escultura os inicios do gótico manifestáronse no pórtico real de Chartres e resolvéronse plenamente nas portadas de Reims, Amiens e París; a pintura desenvolveuse sobre todo no campo da miniatura coa obra de Jean Pucelle, entre outros. A arte renacentista non foi de orixe francesa. Naceu do encontro dun poder real moderno que aniquilaba a potencia feudal, e dos exemplos italianos. As guerras contra Italia dirixidas por Luís XII e por Francisco I introduciron imitacións do gran modelo do templo, a cartuxa de Pavia, que se acoplaron a unha supervivencia da arte gótica no val do Loira; entre os varios exemplos encóntranse os castelos de Amboise, Blois e Chambord. A partir de 1580 esta situación pasou a ser máis complexa, os usos medievais xa morreran e os artistas franceses recorrían cada vez máis á Antigüidade grecolatina pero sen pasar por Italia; a regularidade entrou na ornamentación esculpida dos edificios e volveron aparecer novas influencias italianas. Os arquitectos P. Lescot (1515?-1578) e Ph. Delorme (1510?-1570) desenvolveron unha arte renacentista plenamente francesa. Cómpre observar que as obras importantes se concentraban ao redor do poder, o único que tiña as posibilidades financeiras suficientes. A obra máis relevante foi a transformación do château medieval do Louvre por unha construción moderna. No eido da escultura, a influencia das formas medievais mantívose ao longo do s XVI. Cómpre destacar a creación de monumentos funerarios, como os de Carlos VIII e Luís XII en Saint-Denis. Entre os que adoptaron formas clásicas pódense destacar J. Goujon (1510?-1565?), P. Bontemps (1506?-1570?) e G. Pilon (1528-1590). No eido da pintura, a decoración do palacio de Fontainebleau levou a Francia os italianos Rosso Fiorentino e Nicolò dell’Abate. Na segunda metade do s XVI desenvolveuse unha escola manierista representada, entre outros, por Jean (1475?-1541) e François Clouet (1516?-1572) e Jean Coussin (1490?-1561?). A primeira metade do s XVII forma o marco dun reforzamento da centralización estatal, tanto na administración como nas artes. Os artistas máis coñecidos tiveron encargos precisos da Surintendance des Bâstiments e foron enviados á Académie de France, en Roma. Así, a influencia italiana foi controlada polo poder de París. Tivo lugar unha reacción contra a profusión ornamental nunha vaga de sentimento relixioso católico polo que se desenvolveu un clasicismo. No eido da arquitectura sobresaíron J. Lemercier (1585?-1654), F. Mansart (1598-1666), L. Le Vau (1612-1670) e a finais de século J. H. Mansart (1646-1708); no eido da pintura N. Poussin (1594-1665), G. de La Tour (1593-1652) e os irmáns Le Nain. Todos disolven a énfase das formas e da cor en beneficio da simplicidade e da profundidade; o signo desta opción foi a negativa do proxecto de L. Bernini para a fachada do Louvre en 1665: a columnata chamada de Perrault, de gran rigor e unha maxestosidade capaz de expresar sen desviación a orde real establecida no realismo, acantoou aquel proxecto. O esforzo dos soberanos mecenas permitiu a substitución dos artistas estranxeiros; deste xeito, Rubens, protexido por Maria de Medici, foi substituído por artistas franceses que garantían os canons do clasicismo francés. As grandes obras do reinado de Luís XIV foron creadas en París (o Louvre foi completado co patio cadrado e coa columnata, foron levantados os Invalides e o Observatorio, e foi construída unha nova cidade elegante: o Marais, a praza das Vitoires e a praza Vendôme) e en Versailles (que se converteu nun modelo para todos os soberanos de Europa) o primeiro arquitecto, L. Le Vau, construíu ademais o palacio, Marly e o Grand Trianon. Foi un contemporáneo do pintor C. Le Brun (1619-1690) o que decidiu en Versailles toda a decoración e dirixiu artisticamente a manufactura dos Gobelinios por vontade de J. B. Colbert. O deseño dos xardíns “á francesa”, que inmortalizou A. Le Nôtre (1613-1690), tamén quedou baixo a súa xurisdición. As outras cidades francesas reconstruídas nesta época imitaron os modernos versalleses e parisienses (Bordeos, praza real de Dijon, Montpellier). Unicamente Provenza, próxima a Italia, mantivo a iniciativa artística con P. Puget (1620-1694) que foi un artista poderoso e irregular, inimigo do gusto francés imperante. A morte de Luís XIV marcou unha ruptura con este gusto. A solemnidade regular foi substituída pola fantasía das liñas curvas. Non obstante , o rococó francés estaba moi afastado das audacias da Europa central ou meridional; case nunca foi empregado no exterior dos monumentos. O primeiro período do s XVIII estivo dominado polo pintor J. A. Watteau (1684-1721), artista onírico e sensible das fêtes galantes. O segundo período tivo unha proxección europea do gusto francés, sempre vinculada ao poder real: a arquitectura racionalizouse cos traballos teóricos de J. F. Blondel (1705-1774) e A. J. Gabriel (1698-1782) deseñou a praza de Luís XV e construíu o Petit Trianon. Foi unha grande época para a pintura na que o realismo se impuxo ao academicismo, cos retratos de Quentin de La Tour (1704-1788) e coas escenas populares ou familiares de J. B. S. Chardin (1699-1779). As artes denominadas menores experimentaron un novo florecemento: gravados de C. N. Cochin (1715-1790) e mobles de A. C. Boulle (1642-1732). O clasicismo atopou a súa continuación nas formas neoclásicas que están presentes no eido da arquitectura nas obras de J. G. Soufflot (1713-1780), por exemplo na igrexa de Sainte-Geneviève (o Panteón), e dos arquitectos visionarios L. E. Boullé (1728-1799) e C. N. Ledoux (1736-1806). No eido da pintura sobresaíu J. L. David (1748-1825) que se converteu no propagandista da Revolución dende 1790. Entre os seus discípulos destacaron A. J. Gros (1771-1835) e J. A. D. Ingres (1780-1867). París, capital dun imperio europeo, quería parecerse á antiga Roma imperial e construíuse entón o arco do Carrousel (1806) e o arco de L’Étoile (1806-1885). Esta envoltura da arte oficial non se rompeu ata arredor de 1830, se ben a ruptura tampouco foi completa. A Académie des Beaux-Arts continuou defendendo os canons da arte clásica. Os encargos feitos polo estado e as colectividades mantiveron tamén esta defensa durante o s XIX. O gusto oficial foi académico e burgués, antes de converterse en pompier no Segundo Imperio. O París do barón Haussmann (1853-1870) foi construído á marxe da creación artística auténtica. Non obstante , a reunión de talentos nun mesmo lugar foi unha ocasión única de intercambios e de audacias, polo que se desenvolveu unha arte que contradicía a arte oficial. A pintura foi renovada con innovacións intermitentes que contrastaban cos temas e coas formas da pintura oficial. Contra a obra de A. Ingres e a escola de David erixíronse os pintores románticos T. Géricault (1791-1824) e E. Delacroix (1798-1863); os realistas G. Courbet (1819-1877), H. Daumier (1808-1879) e J. F. Millet (1814-1875); os paisaxistas C. Corot (1796-1875) e os membros da escola de Barbizon; e o naturalista H.T. Fantin-Latour (1836-1904). A finais do s XIX o rexeitamento da tradición académica deu lugar á aparición do impresionismo da man de E. Manet (1832-1883), C. Monet (1840-1926), C. Pissarro (1830-1902), A. Renoir (1841-1919) e A. Sisley (1839-1902), que inventaron un novo sensualismo. A investigación chegou ata o divisionismo ou puntillismo de P. Signac (1863-1935) e G. Seurat (1859-1891). P. Cézanne (1839-1906) restaurou o rigor das formas; a súa obra, que volveu formular todos os problemas anteriores, foi considerada como fonte da pintura ulterior. A vida moderna inspirou a E. Degas (1834-1917) e a H. Toulouse-Lautrec (1864-1901), e foi un tema constante nas procuras de colorismo de P. Bonnard (1867-1947) e E. Vuillard (1868-1940). A mística, polo contrario, penetrou na obra de P. Sérusier (1863-1927) e de O. Redon (1840-1916). M. Denis (1870-1943) conseguiu renovar unha arte católica que estaba recluída nunha de costumes. Aínda que París era o laboratorio da pintura moderna non a puido reter; os artistas buscaban a inspiración fóra de París. Provenza estivo a punto de converterse, despois de Cézanne e de V. van Gogh, no lugar de aprendizaxe da luz. O bretón P. Gaugin (1848-1903), caracterizado por unha mística fame de primitivismo, foi en busca de máis luz a Tahití, onde se estableceu. Os fauvistas H. Matisse (1869-1954), M. Vlaminck (1876-1958) e A. Derain (1880-1954) fixeron da cor unha mística e expresaron no seu brillo o seu drama interior. Matisse, tras un proceso moi longo, por último encarnou a alegría dunha mirada como a alegría de vivir. No s XX, mentres estas formas continuaban, inauguráronse novas maneiras de pintar. Os expresionistas G. Rouault (1871-1958), M. Gromaire (1892-1971) e E. Goerg (1893-1969) deformaron a realidade para chegar á fantasía e interesáronse polas formas artísticas anteriores ao renacemento. Os naifs M. Utrillo (1883-1955) e A. Bauchant (1873-1958) expresáronse contra toda a tradición da forma xusta e achegaron un aire puro de inspiración popular. Os cubistas G. Braque (1882-1963), R. Delaunay (1885-1941) e A. Gleizes (1881-1953) desmontaron sistematicamente o obxecto representado. Esta vitalidade extraordinaria, tan contraditoria, fixo de París, cada vez máis, o polo da creación artística. Deste xeito constituíuse a escola de París con artistas procedentes de todas partes, como os rusos C. Soutine e M. Chagall, o italiano A. Modigliani, e P. Picasso. Entre os anos 1930 e 1940 parecía que nesta etapa do surrealismo París tivese o monopolio da pintura a escala mundial. Non obstante , despois da Segunda Guerra Mundial o foco artístico mudou a Nova York e os pintores franceses adoptaron definitivamente a Francia non parisina, sobre todo Occitania, onde recibiron influencias forasteiras ou liberaron as súas leccións de audacia. A partir dos anos sesenta houbo unha forte multiplicación de experiencias pitóricas no S de Francia, entre elas cómpre mencionar a acción do grupo vangardista Supports/Surfaces, establecido primeiramente en Nice. Á marxe da pintura, a arte modificouse profundamente en Francia coa evolución das técnicas. As exposicións do s XIX aseguraron a promoción do metal en detrimento da pedra: a obra máis característica e máis monumental foi a torre Eiffel (1889). Cos irmáns Auguste (1874-1954), Gustave (1876-1952) e Claude (1880-1960) Perret, pasouse a partir de 1900 á era do cemento armado. O arquitecto Le Corbusier (1887-1965) inventou en París (cidade universitaria) e en Marsella uns modelos que se difundiron polo mundo e que seguiron os franceses J. Renaudier, G. Thurnauer, J. T. Veret e R. Piano (1937) e o británico R. Rogers (1933), autores do Centre National d´Art et de Culture Georges Pompidou. Neste momento, o barrio da Défense de París era un laboratorio xigantesco, pero por outra banda moi discutido. Ao redor do ano 1890, e principalmente en arquitectura, rompéronse os lazos coa tradición artística oficial que tanto pesaran no s XIX. As artes decorativas contribuíron a esta mutación. A exposición de 1900 serviu para conseguir unha verdadeira revolución. Os mobles cambiaron de formas e pasaron a ser funcionais. O ferro forxado volveu aparecer despois dunha eclipse de séculos. Os anuncios publicitarios convertéronse en eco de todas as procuras: os máis grandes pintores dende Toulouse-Lautrec non deixaron de interesarse por eles. Finalmente, tamén a estrutura oficial foi arrastrada polo movemento innovador. Se os escultores F. Rude (1784-1855) e J. B. Carpeaux (1827-1875), favorecidos con encargos do Estado, animaron a pedra e a creación impúxose. O occitano E. A. Bourdelle (1861-1929) disciplinouse cunha maxestosidade terrestre e volveu ás formas admirables pero rudas. A escultura contemporánea tivo entre os seus representantes a Rivière, H. G. Adam (1904-1967), Volti, César (1921-1998) e Arman (1928).
-
literatura francesa
[LIT]
Arte cinematográfica desenvolvida en Francia. Coas primeiras proxeccións dos irmáns Lumière no Salon Indien do Grand Café (1895) naceu o cine en Francia. Á cámara documentalista dos Lumière e dos seus imitadores seguiulle a fantasía de Georges Méliès. Se o abandeirado da industria cinematográfica Charles Pathé deu a coñecer a Ferdinad Zecca co seu realismo truculento; o seu competidor, León Gaumont, difundiu a obra de Louis Feuillade, ao tempo que o film d’art, teatralizado e limitado, quedaba marxinado. Paralelamente, xurdiu un cine cómico francés con Max Linder como máxima figura. Despois da Primeira Guerra Mundial, o intelectual Louis Delluc introduciu novos temas e unha linguaxe renovadora no cine francés. Ao seu redor reuníronse Marcel L’Herbier, Abel Gance, Jean Epstein e Ivan Masjoukine, grupo denominado Escola Impresionista. Inmediatamente, tivo lugar a irrupción do vangardismo. Os dadaístas Viking Eggling e Hans Richter, o cubista Fernand Léger e os surrealistas Germaine Dulac, Man Ray, Jean Cocteau e Luis Buñuel realizaron unha serie de películas experimentais e inconformistas, entre as que destaca L’âge d’or (1930), de Buñuel. Os últimos anos da década de 1920, que preceden a aparición do sonoro, foron unha época brillante. O danés Carl Theodor Dreyer realizou en París La passion de Jeanne d’Arc (1927-1928); o brasileiro Alberto Cavalcanti inaugurou en Francia a tendencia documentalista; Jean Renoir realizou Tire au flanc (1928); o belga Jacques Feyder fixo Thérèse Raquin (1927) e Les nouveaux messieurs (1928); e René Clair abandonou o vangardismo e realizou Un chapeau de paille d’Italie (1927). En 1935 xurdiron novos nomes: Julien Duvivier, Marcel Carné, Marc Allégret, Marcel Pagnol e Jean Grémillon que, xunto co xa veterano Renoir e o recuperado Feyder, configuraron o denominado “naturalismo poético francés” ou “realismo negro francés”. Na época da ocupación nazi, Carné, Cocteau, Prévert e algúns outros nomes novos como Jean Delannoy, Robert Bresson, Henri-Georges Clouzot, Jacques Becker ou René Clement mantiveron unha produción escasa pero dun nivel de calidade alto. Ao final da guerra fixéronse películas como Jeux interdits (1952), de René Clement ou La carrosse d’or (1952), de Renoir. É tamén a época do retorno á actividade de Jean Cocteau, da confirmación de H.G. Clouzot, de Jacques Becker, de André Cayatte e do cómico Jacques Tati, e da incorporación á produción francesa do australiano Max Ophüls. Paralelamente, a curtametraxe deu nomes como Alain Resnais, Georges Franju, Agnés Varda e Chris Marker, cos que se chegou á explosión revolucionaria da nouvelle vague, intuída por Jean Pierre Melville, teorizada por André Bazin e levada á práctica por Jean-Luc Godard, François Truffaut, Claude Chabrol, Marcel Camus, Alain Resnais, Louis Malle, Alexandre Astruc, Georges Franju, Jacques Démy, Agnés Varda, Jacques Rivette e outros. A partir da crise da industria cinematográfica, que en 1962 acabou coa nouvelle negre e limitou a produción a oitenta longametraxes, o cine francés iniciou unha progresiva recuperación ata alcanzar, en 1974, a cifra de 182 películas nacionais, ademais das coproducións. Aínda así, este progreso industrial non estivo acompañado por un paralelo rexurdimento artístico. A finais do s XX, realizadores como Jean-Luc Godard, Enric Rohmer, Alain Resnais ou Jacques Rivette mantiveron con rigor os seus principios de investigación lingüística da imaxe, outros como François Truffaut e Claude Chabrol compaxinaron a comercialidade coa dignidade dos seus produtos, e Louis Malle continuou traballando nos EE UU. Unicamente un pequeno grupo, afastado normalmente dos grandes circuítos de exhibición comercial, desenvolveu unha obra coherente. Foi o caso de realizadores como René Allio, Jean-Louis Comolli, Maurice Pialat ou Bertrand Tavernier; ademais da tendencia militante ou experimental xurdida a partir de maio de 1968 e defendida en ámbitos moi minoritarios por Adolfo Arrieta, Yanick Bellon, Jean Eustache, Philippe Garrel, Diane Kuris, René Gilson, Marcel Hanoun, Coline Serrau, Marin Karmitz e o documentalista Jean Rouch.
-
música francesa
[MÚS]
Dereito vixente en Francia. Derivado do dereito romano, que estivo vixente dunha maneira xeral dende Caracalla en todas as Galias, recibiu a influencia do dereito dos pobos xermánicos, sobre todo dos francos. Antes da recepción do dereito romanista no s XIII, xa se producira a división entre a zona norte, de dereito consuetudinario máis xermánico e feudal, onde o dereito romano só era utilizado como supletorio, e a zona sur (Occitania), cun dereito escrito e moi romanizado coa influencia das universidades de Montpellier e de Toulouse (Languedoc). A Revolución de 1789 puxo fin aos dereitos das diferentes nacionalidades e das rexións e codificou un dereito único feito a base de transaccións do dereito escrito e dos costumes. O resultado foi un dereito individualista, liberal, racionalista, lóxico e harmónico. O pensamento xurídico e político do s XVIII quedou plasmado no dereito público francés (Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán, 1789) e Napoleón promulgou a partir de 1804 os diferentes códigos e creou o Coseil d’État, orixe do dereito administrativo. Aínda que a lei é a fonte principal do dereito, non son neglixentes a xurisprudencia, sobre todo en materia de responsabilidade civil e de contencioso administrativo, nin tampouco o costume e a doutrina, especialmente a que se elabora nas universidades. Ademais de ser moi formalista, o dereito francés tamén é un dereito procesualista. En casos de infracción da regra do dereito, os litixios resólvense, segundo a índole de cada caso, por xurisdicións de dereito común (tribunais civís ou penais) ou por xurisdicións especializadas (mercantís, maxistraturas do traballo ou xuíz administrativo). Para cada instancia sempre hai unha posibilidade de apelación e de casación. Alsacia e Lorena constitúen a única excepción que rompe o monolitismo presente, xa que cando volveron á soberanía francesa en 1918 conservaron o dereito local, dunha grande influencia xermánica. Están sometidos ao dereito local o réxime de asociacións, o de cultos relixiosos, o de ensino confesional, a lei municipal de 1895, as asociacións sindicais rurais, a caza e as caixas de aforros, así como algunhas profesións. Hai unha constante limitación e unha constante modificación deste dereito propio.
-
Doutrinas filosóficas que se desenvolveron dentro do ámbito cultural francés a partir do s XVII. Iniciouse con R. Descartes (1596-1650), quen elaborou, tomando por base a razón, unha metafísica que proporcionou a base para as posteriores metafísicas da filosofía moderna. En xeral, a filosofía francesa foi un movemento oscilatorio entre o optimismo e o pesimismo sobre os poderes da razón. Os racionalistas, entre os que hai que destacar a N. de Malebranche (1638-1715) e B. Pascal (1623-1662), intentaron harmonizar o racionalismo cartesiano coa fe. No s XVIII, co movemento ilustrado, a filosofía francesa representada por D. Diderot (1713-1784) e J. Le Rond d’Alembert (1717-1783), F. M. A. Voltaire (1694-1778), J. J. Rousseau (1712-1778), o barón Holbach (1723-1789), F. Quesnay (1694-1774) e A. R. J. Turgot (1727-1781), caracterizouse pola desconfianza sobre os grandes sistemas precedentes e por un optimismo no poder da razón e na posibilidade de crear unha sociedade nova máis racional e xusta. A Revolución Industrial e o desenvolvemento da clase obreira deron lugar a unha corrente propia de pensamento dirixida a superar as desigualdades sociais. Foi o pensamento do socialismo utópico representado, entre outros, polo conde de Saint-Simon (1760-1825), F. N. Babeuf (1760-1797), L. A. Blanqui (1805-1881), F. M. C. Fourier (1772-1837) e V. P. Considérant (1808-1893), feito que serviu de ponte entre a filosofía progresista da burguesía e o socialismo científico de K. Marx e F. Engels. No s XIX desenvolvéronse varias liñas de pensamento entre as que hai que destacar o tradicionalismo, representado por L. G. A. Bonald (1754-1840); o materialismo, continuador das ideas da Enciclopedia, de J. O. de La Mettrie (1709-1751) e do barón de Holbach (1723-1789), que aplicou as ideas da organización física do home á política e ao dereito coa pretensión de deducir o conxunto das leis e das relacións sociais e no que destacaron, entre outros, M. J. A. de la C. Condorcet (1743-1794) e P. J. G. Cabanis (1757-1808); o eclecticismo, representado por V. Cousin (1792-1867), que aspiraba tanto a oporse ao sensualismo e ao materialismo como a moderar o idealismo; e o positivismo, iniciado por A. Comte (1798-1857) e continuado por M.P.E Litté (1801-1881) e H. Taine (1828-1893), que supuxo nalgúns dos seus aspectos a morte da filosofía ao tempo que lle daba á socioloxía o estatuto de ciencia. O positivismo influíu sobre o pensamento científico e a literatura do seu tempo e nel fundamentouse a concepción do mundo da burguesía capitalista antes das futuras crises. A finais do s XIX e principios do XX, produciuse unha reacción de carácter espiritualista fronte ao positivismo, representada por H. Bergson (1859-1941) e M. Blondel (1861-1949). Trala Segunda Guerra Mundial o existencialismo pasou a dominar a escena filosófica francesa. Tratouse, tanto na súa liña atea, representada por J. P. Sartre e A. Camus (1913-1960), como na cristiá, representada por G. Marcel, dunha doutrina progresista como consecuencia do alto grao de cohesión e madurez da burguesía francesa e da toma de conciencia de loita para a liberación que provocou a invasión nazi. Desde a década dos sesenta a filosofía francesa estivo dominada por dúas tendencias, a renovación do pensamento marxista por parte de filósofos como L. Althusser (1918-1990) e L. Goldmann (1913-1970), e o estruturalismo dunha serie de filósofos que, fóra do seu interese polas ciencias humanas e a súa metodoloxía, tiñan poucos puntos en común. Os representantes destas tendencias, entre os que cómpre mencionar a M. Foucault (1926-1984), J. Derrida (1930) e J. Lacan (1901-1981), inspirábanse nunha medida variable, na antropoloxía estrutural de C. Lévi-Strauss, na lingüística de F. de Saussure, en K. Marx e na psicanálise freudiana. Herdeiros do estruturalismo dos sesenta foron, entre outros, J. M. Benoist, A. Glusksmann e B. Henri-Lévy, que centraron os seus intereses na política e na reflexión sobre o poder desde un punto de vista pesimista e caracterizáronse polo seu antimarxismo e a adopción de posicións conservadoras.
-
Literatura en lingua francesa.
Das orixes ata finais da Guerra dos Cen Anos
O interese das obras máis antigas en lingua d’oïl, que os clérigos compuñan para a edificación dos fieis, é máis filolóxico ca literario, con exemplos como Cantilène de Sainte-Eulalie (IX), Vie de Saint-Léger (s X) e Vie de Saint-Aléxis (s XI). A poesía épica primitiva coñeceuse grazas á Chanson de Roland, á Chanson de Guillem e, máis tarde, a Li coronemenz Loois. Durante o período clásico da literatura francesa medieval (1120-1270) a epopea tiña un carácter de simplicidade e de enerxía ligado ás estruturas feudais; pero a partir de 1165, aproximadamente, perdeu importancia sobre a literatura novelesca e de marabillas (a materia da Bretaña, que ten como representante principal a Chrétien des Troyes). Cómpre facer referencia ás novelas chamadas antigas: Énéas, Roman de Thèbes, ambas anónimas, e Roman de Troie, de Benoît de Sainte-More. Ademais desta literatura aristocrática, cómpre sinalar a vea satírica e popular das fabliaux e, sobre todo, as diferentes ramas do Roman de Renart (ss XII-XIV), onde os animais humanizados son o pretexto dunha violenta sátira social. A poesía lírica, moi abundante nos ss XII e XIII, era autóctona e popular (rondets, virelais, rotrouenges, chansons de malmariée, etc) ou aristocrática, obra dos trouvères, moi elaborada no fondo e na forma e en boa parte imitada dos trobadores provenzais; destaca Rutebeuf pola poderosa subxectividade da súa mensaxe. No que se refire á literatura relixiosa e didáctica, poden citarse as tradución da Biblia e dos Evanxeos, as lendas piadosas e os tratados ascéticos. Na literatura historiográfica destacan as Chroniques de Villerhardouin e de Robert de Clari. Entre 1270 e 1453, época de transición literaria e lingüística, marcada esencialmente pola recuada dos xéneros de imaxinación ante os didácticos e os dramáticos, produciuse unha poesía narrativa pouco interesante. No dominio historiográfico destacou Jean de Froissart coas Chroniques. A poesía lírica evolucionou e tivo lugar un divorcio, cada vez máis claro, entre música e poesía. Destacaron Guillaume de Machault, músico e poeta, Froissart e Charles d’Orléans. Non obstante , a figura dominante do s XV foi François Villon. Tamén evolucionaron as grandes compilacións científicas e didácticas, como se pode ver en Trésor, de Brunetto Latini, e sobre todo na segunda parte do Roman de la Rose, de Jean de Meung. Este período foi sobre todo a época do teatro. Dende o drama litúrxico, pasando polo amplo libro de Miracles de Notre-Dame (s XIV), chégase no s XV a unha plena expansión teatral cos ‘misterios’, dramas sobre temas relixiosos. A vea satírica popular das confrarías dramáticas maniféstase sobre todo en incontables soties (dramas satíricos), farces e moralités.
De finais da Guerra dos Cen Anos á morte de Enrique IV
A fin da guerra dos Cen Anos deulle ao país unha era de tranquilidade. A poesía aristocrática ou novelesca xa non estaba de moda, malia algúns exemplos, como o poema de Martin de França Le Champion des dames. En cambio, floreceu a novela curta, a miúdo imitación do Decameron (Cent Nouvelles nouvelles, de Antoine de la Sale). Dominaron Villon, gran poeta xa moderno pero de temática aínda medieval, e o cronista Philippe de Commines. Na corte de Borgoña os grandes retoricistas -Georges Chastellain, Jean Molinet e Jean Lemarie de Belges- produciron unha poesía moi elaborada. A subida ao trono de Francisco I significou a ruptura coa Idade Media. As guerras de Italia implicaron a descuberta dun país impregnado de cultura antiga e dun humanismo moderno prestixioso. O Renacemento, ao condenar a tradición medieval, enlazaba coa Reforma, no sentido en que os dous, sobre todo nos comezos, favoreceron o nacemento do libre exame da consciencia individual. Destacaron o poeta Clément Marot, aínda con forza medieval, François Rabelais, cunha desenvoltura e unha vea popular de aspecto medieval, pero cun optimismo e un gusto pola ciencia do seu século, e Xoán Calvino, portavoz das ideas da Reforma. O período 1550-1610 estivo dominado esencialmente pola Pléiade, cunha obra lingüística e poética que fixo época. Non se trataba soamente de imitar os antigos, senón de igualalos. Os iniciadores do movemento, Joachim du Bellay e Ronsard foron tamén poetas destacados. Continuadores da escola lionesa italianizante de Maurice Scève e de Louise Labbé, crearon unha nova forma de lirismo e cultivaron diversos xéneros. Ao seu redor apareceu unha escola de discípulos: Rémy Belleau, Jean-Antoine de Baïf, Jodelle e Pontus de Thyard. Cómpre poñer á parte o lirismo violento e elocuente de Mathurin Régnier e sobre todo o de Agrippa d’Aubigné. No teatro, baixo o impulso de Garnier e de Montchrestien e a imitación da antigüidade, usouse unha forma de grande éxito: a traxedia. Montaigne dominou a súa época cun escepticismo tolerante moi avanzado.
O s XVII
A época anterior aínda non acabara, e se o s XVII comezou no 1600 con Malherbe, o s XVI, con Montchrestien e D’Aubigné, prolongouse ata 1630. Non obstante , xa se debuxaba unha evolución. As paixóns políticas e relixiosas apagábanse e xurdía unha corrente de incredulidade filosófica, ao tempo que se desenvolvía un renacemento católico, cos xansenistas de Port-Royal. No Hôtel de Rambouillet constituíuse un espírito mundano e brillante que, combinado coa influencia castelá e italiana, produciu unha corrente preciosista importante en literatura. A arte clásica instalouse pouco a pouco, baseándose, no seu comezo, na filosofía cartesiana. A lingua ía fixándose e racionalizándose. En poesía, Malherbe fixo autoridade e estableceu unhas regras fixas. Voiture, en cambio, diluíu o sentimento poético no preciosismo. A orixinalidade apareceu en Saint-Amant (1594-1661) e no burlesco Virgile travesti, de Scarron. A novela, máis ben pastoral, emprendeu o camiño da análise psicolóxica: Honoré d’Urfé (L’Astrée, 1610-1619), Gomberville, La Calprenède e Mlle Scudéry (Clélie, 1656). En contrapartida, estaba a novela realista, con Charles Sorel (Francion, 1622) e Scarron (Le Roman comique, 1651-1657). A epopea virxiliana ou italianizada, segundo o modelo da Gerusalemme liberata, presentou pouco interese. O teatro tomou pulo ao redor de 1630, con Mairet, Rotrou, du Ryer, Scudéry, Tristan e, sobre todo, Corneille, quen co Le Cid (1636) creou o verdadeiro teatro clásico. A comedia aínda non acababa de distinguirse claramente da traxicomedia ou da farsa e Corneille, con Le Menteur (1643), erixiuna en xénero autónomo. A prosa comezaba a desenvolverse con Guez de Balzac e con Voiture. R. Descartes, grazas a un estilo claro, adaptado a un pensamento rigoroso, creou a linguaxe filosófica; Pascal, con Provinciales (1656-1657) e Pensées (1670), puxo ao servizo dunha apoloxía apaixonada da relixión cristiá un modelo de prosa lírica, elocuente e discursiva. A partir de 1660, a inspiración cristiá impúxose á incredulidade que non volveu aparecer ata finais do reinado de Luís XIV. A arte clásica baseábase na razón, verdade, natureza e na antigüidade, codificados por Boileau na súa Art poétique (1674). Xurdiu a obra de Racine, La Fontaine, Molière e Bossuet, La Bruyère e Fénelon. La Fontaine reavivou o conto e a fábula, e Boileau deixou Satires e Epîtres. O xénero máis importante daquel século foi o teatro; en primeiro lugar coa comedia costumista e de caracteres, creada e representada por Molière; máis tarde coa traxedia, onde o amor se converteu nunha materia tráxica. A elocuencia corneliana deixou lugar ao lirismo de Racine que pintou as desgracias e os crimes de amor. O principal representante da prosa novelesca foi Mme de la Fayette, coa La Princesse de Clèves (1678). Creáronse xéneros novos que reflectiron o gusto daquel século pola análise psicolóxica e polas preocupacións morais: as Maximes (1665) de La Rochefoucauld e os Caractères (1668) de La Bruyère. A elocuencia relixiosa chegou a un punto máximo con Bourdaloue, Fénelon e sobre todo con Bossuet que a impregnou dunha paixón ideolóxica que o levou á polémica con Fénelon a propósito do quietismo. Cómpre sinalar as memorias de La Rochefoucauld, de Mlle Montpensier, de Mme de La Fayette e sobre todo do cardeal de Retz. Houbo un gran desenvolvemento epistolar, e destaca a correspondencia de Mme de Sévigné. A arte clásica, polo seu rigorismo interno e o seu escaso impacto sociolóxico tivo unha breve existencia. A Querelle des anciens et des modernes, desencadeada en 1687 por Charles Perrault e mantida por Lamotte marcou practicamente a súa fin. Instaurouse un novo espírito que contestaba á relixión e ao principio de autoridade. Coa obra de Saint-Évremond (1610-1703) volveu a incredulidade, co Ditionnaire historique et critique (1697) de Bayle instalouse a dúbida metódica e, grazas a Fontenelle, a ciencia fixo a súa entrada dentro da literatura.
O século XVIII
O século XVIII foi unha época de transición que, por unha banda, preparou a revolución de 1789 por medio dunha fermentación intelectual e social e, por outra banda, liquidou progresivamente o ideal clásico do século de Luís XIV en beneficio do prerromanticismo. A decadencia da monarquía absoluta favoreceu a aparición de salóns e de clubs á inglesa, onde, nun ambiente frívolo de epicureísmo fácil, os homes da Ilustración desenvolveron as súas ideas a comezos de século. Apaixonados polas ideas e pola dialéctica, rexeitaban a teoloxía e a metafísica tradicionais, con todos os prexuízos e o escurantismo que supoñían, e crearon un humanismo novo baseado nunha confianza total na razón humana e unha fe total no progreso; a obra que mellor representa esta busca é a Encyclopédie e L’espirit des Lois (1748), de Montesquieu, de grande influencia sobre a Ilustración, é unha síntese dos coñecementos xurídicos daquela época e unha análise aguda dos malos políticos de Francia con propostas de solucións. Voltaire é quizais o autor máis representativo do espírito francés do s XVIII; as súas obras históricas renovaron os estudios históricos orientándoos cara á civilización e expuñan as súas ideas: repulsión do fanatismo e da metafísica e exposición do seu deísmo, da súa moral e da súa filosofía. No Ditionnaire philosophique defendía a liberdade xeral e en Contes expresou con máis forza as preocupacións e as aspiracións do seu século. Ao lado da axitación filosófica estaba a desenvolverse unha corrente, primeiro subxacente, que rehabilitaba as paixóns e a sensibilidade, como por exemplo na obra de Vauvenargues. Diderot encarnou perfectamente esta tendencia que tiña en conta a dimensión humana e conciliaba as esixencias de espírito e corpo, que se negaba a distinguir, e así xustificaba o seu materialismo e o papel predominante da sensibilidade na moral humana. A partir da metade do século a sensibilidade triunfou cada vez máis. Rousseau é o expoñente máis claro: se a Du contrat social (1762) lle seguiu o pensamento filosófico da Ilustración e en Émile expuxo o seu ideal pedagóxico, en La nouvelle Héloïse mostrou os gustos polos sentimentos e a natureza do prerromanticismo. A melancolía e a fusión coa natureza, ata o exotismo, maniféstanse en Paul et Virginie, de Bernardin de Saint Pierre. No que respecta ao teatro, cómpre mencionar a Marivaux, creador da comedia psicolóxica, e Beaumarchais, da comedia social. O primeiro destaca pola finura e polo pesimismo da súa observación, e o segundo, polo valioso testemuño sobre a sociedade de finais de século; pola mesma razón cómpre citar a Choderlos de Laclos con Liaisons dangereuses, que dan unha idea da corrupción moral dunha sociedade destinada a unha revolución radical. Ata finais do Primeiro Imperio a actitude dos gobernantes non puido favorecer máis que obras académicas ou neoclásicas.
O século XIX
Chateaubriand, na época de xestación do romanticismo, foi un precursor xunto con Mme de Staël. A nova xeración de poetas achegou unha renovación profunda. Inspirada nas outras manifestacións europeas do romanticismo, foi o expoñente da inadaptación dos mozos que, con Vic22tor Hugo, tiñan vinte anos cando Lamartine publicou as Méditations poétiques; as súas aspiracións a un liberalismo, tanto en arte como en política, expresáronse na Revolución de 1830. Fóra do tema persoal, tratado por Vigny, Hugo, Musset, Nerval e outros, os poetas románticos expuxeron os problemas da creación poética, a condición do poeta e cantaron temas diversos. O teatro tamén foi terreo de manifestacións liberais, e ao lado de obras teóricas como Racine et Shakespeare, de Stendhal, ou o prólogo de Cromwell, de V. Hugo, onde se demandaba a abolición das regras clásicas de composición e de métrica, había unha produción teatral desigual en calidade e en cantidade, pero onde todos os autores da xeración romántica estaban representados. A novela, con Adolphe de Benjamin Constant, alcanzou unha calidade e un interese notables. Non obstante, foron Stendhal e sobre todo Balzac os que lle deron ao xénero novelístico a categoría que o fixo o representante por excelencia da sociedade burguesa do s XIX. As paixóns e os sentimentos tiñan unha particular importancia, pero a preocupación polo realismo e pola actualidade dos temas escollidos déronlle un relevo e unha presenza ata o momento non igualados. Cómpre citar a Mérimée e George Sand. Coa obra de Michelet a ciencia histórica recolleu os froitos das ideas volterianas e do romanticismo. Ao lado dunha historia narrativa naceu unha filosofía da historia que destacaba os feitos importantes que tiñan determinado a historia xeral. A mediados do s XIX o romanticismo entrou en decadencia, sobre todo porque a maioría dos autores da primeira xeración xa morreran. Mentres Vic22tor Hugo seguía na vía do lirismo (Les contemplations) e da epopea (La légende des siècles), a escola de Parnaso ou da arte pola arte, buscaba a perfección técnica baixo a influencia ilustrada de Leconte de Lisle. Neste momento apareceu unha poesía nova, máis persoal e máis musical que a romántica, a de Baudelaire que con Les flors du mal sinalaba a fin do romanticismo e preparaba o simbolismo de Verlaine e a revolución poética de Rimbaud. En novela, a obra de Balzac e de Stendhal levou ao perfeccionamento do realismo que triunfou en Madame Bovary, de Flaubert. Máis tarde a escola naturista e particularmente E. Zola, con Les Rougon-Macquart, levou a un punto extremo a busca do realismo ao tempo que pretendía introducir o método científico no mundo da creación novelesca. O resultado foi un determinismo obtuso, froito dun entusiasmo sincero polo enfoque apriorístico da ficción que se afasta da realidade que pretende describir. Maupassant dedicouse á descrición da realidade cotiá e A. Daudet coleccionou pequenos detalles da experiencia vital nunhas obras ben construídas e sensibles. En poesía, Mallarmé cerrou o ciclo que ía do romanticismo ao simbolismo cunhas obras de lectura difícil que o levaron ao hermetismo e ao illamento. Pero a súa influencia, sobre todo sobre algúns poetas do s XX foi notable. Así mesmo, destacou Jules Laforgue. O conde de Lautréamont (Isidore Ducasse) clamou en Chants de Maldoror as desgracias, as guerras, as crueldades e o egoísmo dos homes. Esta desesperación desencantada e esta rebelión deron o ton da poesía do s XX e influíron sobre as novas escolas e sobre certos grupos, como o dadaísta e o surrealista.
O século XX
A comezos de século, a herdanza do simbolismo e do romanticismo, profundamente corrupto, deu paso a unha poesía como a de Verhaeren ou a de Francis Jammes, mentres que a condesa de Noailles marcaba unha regresión cara ás formas e cara aos sentimentos xa pasados. Os feitos históricos e o progreso científico e técnico tiñan o seu eco nas obras de Blaise Cendrars, exóticas e formalmente libres. Tres nomes dominaron a poesía de comezos de século: Charles Péguy, Paul Valéry e Paul Claudel. Non obstante, a renovación poética foi obra de Apollinaire. O movemento surrealista, fillo do dadaísta, con André Breton como representante, definiuse como unha rebelión, unha ruptura drástica co pasado e unha forma de sociedade condenada. O balance do movemento foi notablemente positivo, xa que liquidou os conformismos e as limitacións literarias do pasado e fixo posible a poesía humanista de P. Éluard, Supervielle, Joë Bousquet ou Pierre-Jean Jouve. As posteriores liñas de busca pasaron por Isidore Isou, polo virtuosismo de Raymond Queneau, polo intelectualismo de Saint-John Perse ou polo misterio de René Char. Entre outros, destacaron Patrice de La Tour du Pin, Pierre Emmanuel, Jean-Claude Renard, André Frénaud, René Guy Cadou, Eugène Guillevic, Henri Michaux, Francis Ponge, Yves Bonnefoy, André du Bouchet, Michel Deguy, Henri Meschonnic, Alain Bosquet e Robert Sabatier. En teatro as obras pertencían ao xénero do bulevar e do vaudeville, ao neorromanticismo de Rostand. O cambio veu do impulso surrealista e manifestouse como unha vontade de aproveitar mellor o espacio teatral e a calidade dos actores. Os textos, de fantasía, como os de Sacha Guitry e de Jacques Deval, ou intimistas, non destacaron ata a revelación das obras de Giraudoux ou de Salacrou. A posguerra enriqueceuse coas obras de Jean Anouilh e sobre todo co teatro filosófico de Sartre e de Camus. O vigor da técnica e o gusto polas situacións absurdas ou pola disgregación da acción fixeron que o teatro francés, a excepción de nomes consagrados como Beckett, Adamov, Ionesco e Genêt, tivese un período de alimentación e que se nutrise esencialmente de traducións. A novela tivo o mesmo proceso de disgregación interna. O primeiro en comprender a necesidade de renovar este xénero foi Proust; a súa obra achega á técnica novelística a dimensión cronolóxica humana da memoria. Trala súa morte, a novela fracciónase en tendencias diversas. A novela-río de Martin du Gard, de Duhamel e de Jules Romains, as introspeccións psicolóxicas de Radiguet e de Giraudoux e a angustiosa expresión de malestar espiritual das obras de Mauriac, Bernanos e Jouhandeau. Montherlant cantou a dignidade e grandeza do home, como Malraux e Saint-Exupéry. Sartre e Camus, máis filósofos que artistas, encontraron eco entre unha xuventude que lía nas obras destes autores o absurdo e o baleiro da súa propia vida. Esta inadecuación entre a realidade e o individuo foi o gran descubrimento moderno e a toma de conciencia desta situación reflectiuse na obra de Roger Vailland, Simone de Beauvoir, Julian Gracq, Hervé Bazin ou Marguerite Duras. A finais do período 1950-1960 xurdiu un movemento de busca denominado nouveau roman que revolucionou o marco do xénero. Os autores pasaron a ser os seus propios críticos e tiñan en común o rexeitamento da novela tradicional: Alain Robbe-Grillet, Claude Simon, Nathalie Saurraute, Michel Butor, etc. Paralelamente transcorreu a obra de Jean-Marie Le Clézio, Jean Ricardou, Robert Pinget, Maurice Roche, Georges Pérec, Jean Cayrol ou Marguerite Yourcenar. Xurdiu, tamén, unha nova novela social con Hélène Cixous, Geneviève Serreau, Lucette Finas e Michel Tournier. A crítica estrutúrase ao redor da revista Tel Quel, dirixida por Philippe Sollers, do colectivo Change e, sobre todo, de Roland Barthes e Michel Butor.
Literatura de expresión francesa noutros países
Pódese agrupar a produción francofalante fóra de Francia en dous grupos. O primeiro grupo comprende Bélxica, Suíza e Québec e case non presenta trazos diferentes aos franceses. En Bélxica, durante o renacemento houbo admiradores de Rabelais, como Philippe de Marnix, e petrarquistas, como Alexandre van den Bussche. Seguiulle un período de estancamento que se prolongou ata finais do s XVIII, ilustrado polo príncipe Charles-Joseph de Ligne. O acceso á independencia política e a influencia do romanticismo suscitaron o desexo de crear unha literatura realmente nacional que, polo feito de afastarse da influencia francesa, caeu facilmente na xermánica. Nesta época comezou, en literatura, a oscilación entre cultura valona e flamenga. Destacaron André van Hasselt, Théodore Wenstenraad e Charles de Coster. A primeira gran xeración de escritores xurdiu no período 1875-1880 e manifestouse con revistas como La Jeune Belgique e La Wallonie. Ao lado das novelas poéticas de Georges Rodenbach apareceu o novecentismo nos poemas de Émile Verhaeren. O teatro e a novela foron cultivados por Maurice Maeterlinck. Pasada a crise do simbolismo, a literatura belga viviu dunha maneira atenuada as aventuras literarias francesas, mentres mantiña viva a corrente rexionalista e naturista con testemuños dun carácter social, como en Kees Koorik, de Georges Eekhoud. Ao redor de 1930, o teatro de Fernand Crommelynck e de Michel de Ghelderode importou o expresionismo alemán. Posteriormente destacaron Henri Michaux e Georges Simenon, creador da personaxe de Maigret. En Suíza, a Reforma protestante foi o catalizador que deu vida a unha literatura en francés de inspiración relixiosa (Pierre Viret) e máis tarde humanista (François Bonnivard). A partir de 1830, destacaron o crítico Alexandre Vinet, o humorista Rodolphe Töpffer e o poeta Juste Olivier. Verlaine influíu discretamente sobre Louis Duchosal e o progreso da vida moderna manifestouse nas obras de Blaise Cendrars. Posteriormente, sobresaíron os críticos Marcel Raymond e Albert Béguin, e os narradores Georges Borgeaud, Maurice Chappaz e Jacques Chessex. Os países do segundo grupo -en xeral antigas colonias- ademais do fenómeno anterior, manifestaron o trazo acultural dunha literatura de carácter nacional escrita nunha lingua diferente á nacional. Os autóctonos asimilaron, pouco ou moito, a cultura francesa e usaron o francés como vehículo de expresión. En Louisiana, no marco dunha literatura crioula de expresión francesa, Charles Gayarré narrou o pasado do seu país e os irmáns Rouquette manifestaron un ultrarromanticismo que tamén se atopa no teatro de Placide Canonge. Despois da Guerra de Secesión a literatura francesa de Louisiana decaeu. Haití emancipouse en 1804 e a continuación apareceron revistas e grupos literarios. Dominaba o tema da natureza e a inspiración patriótica. A ocupación norteamericana decantou os intelectuais cara á cultura francesa. Jean Price-Mars foi o primeiro en facer de Haití o país de vangarda dentro da literatura indíxena comprometida politicamente. Nas Antillas e na Guaiana francesa o nacemento dunha literatura francesa estivo acompañada coa toma de conciencia dos indíxenas sobre a súa condición. Mentres Saint-John Perse fixo carreira fóra do país, apareceron diversos grupos. Destacaron León-Jean Damas e Aimé Césaire, poeta da Martinica e un dos abandeirados da literatura negra francesa que seica foi o inventor da palabra negritude (aínda que foi L. Sédar Senghor quen lle deu o contido ideolóxico). En África os movementos independentistas favoreceron a literatura indíxena en francés. Destacou Léopold Sédar Senghor, presidente do Senegal (1960-1980) e membro da Académie Française dende 1983. Teórico en Étiopiques (1956) da cultura híbrida da África negra, aceptou a dobre herdanza cultural africana e francesa. En 1947 Alioune Diop fundou a revista Présence Africaine. No campo da narrativa, cómpre destacar o ivoriano Bernard Dadié, os senegaleses Sembene Ousmane e Cheik Hamidou Kane, os cameruneses Ferdinand Oyono e Alexandre Biyidi, o guineano Camara Laye e o beninés Olympe Bhêly Kane. En poesía cómpre citar o senegalés Lamine Diakhaté, o haitiano René Depestre, o mauriciano Édouard Maunick, o congolés Tchicaya U’Tam’Si e o grupo de Madagascar con Joseph Rabearivelo, Jacques Ramemananjara e Flavien Ranairo. Coa independencia das colonias moitos escritores accederon a funcións gobernamentais e diplomáticas, ao tempo que a literatura se convertía en militante e reivindicativa; neste período destacaron o malinés Yambo Ouologuem así como o ivoriano Ahmadou Kourouma. Outros escritores reclamaron a volta ás orixes, á literatura oral, como o maliano Amadou Hampâté Ba, o guineano Djibul Tamsir Niane e o senegalés Birago Diop. En Alxeria destacan as figuras de Mouloud Feraoun, Mohammed Dib, Malek Ouary, Kateb Yacine e Rachid Boudjedra; en Marrocos Driss Chraïbi, Edmond El Maleh e Tahar ben Jelloun; e en Tunisia Albert Memmi e Nine Moati. -
Música desenvolvida dentro do ámbito da cultura francesa. A orixe medieval da música, en Francia, vai ligada á cultura clerical. É nos mosteiros onde se elaboraron os tipos musicais descoñecidos anteriormente que foron, no principio, xéneros cantados. Dous destes tipos, o versus e a sequentia, serviron de base, nas abadías lemosinas, para a canción dos trobadores occitanos, imitados en Francia no decurso do s XII coa escola dos trouvéres. No s XIV, grazas a Guillaume de Machault, a canción profana francesa pasou a ser polifónica, xénero que non parou de desenvolverse no norte de Francia e en Flandres ata o s XVI co apoxeo do renacemento. Contra o ornamentismo barroco dos flamengos, os franceses reaccionaron favorecendo a claridade e a submisión da melodía ao texto. Os poetas da Pléiade colaboraron con músicos na Académie de Poésie et de Musique, fundada por Antoine de Baïf (1570). Simultaneamente a Reforma, co canto dos salmos, e a Contrarreforma influíron sobre os músicos. Triunfou a “canción espiritual” e a música instrumental diversificouse: composicións para laúde, órgano e guitarra. Toda esta produción caracterizouse pola súa concentración ao redor da autoridade real. Tanto nas artes plásticas como na literatura e en música os Valois eran os mecenas principais. En música, obtíñase a fama na corte ou ben na capela do rei. Deste xeito xurdiu o clasicismo musical francés, arte subvencionada polo poder, que con Luís XIV se desprazou en gran parte de París cara a Versailles, ao tempo que se convertía nun poderoso centro de atracción de compositores non franceses entre os que destacou Giovanni Battista Lulli (coñecido en Francia como Jean-Baptiste Lully), transformou o air de cour e o ballet de cour, xurdidos no s XVI, na comédie-ballet, coa colaboración de Molière, e na òpera-ballet, síntese artística propiamente francesa á que máis tarde quedou vinculado Rameau. Contemporaneamente con este inscribíronse na música francesa o provenzal A. Campra e o lenguedociano Cassanéa de Mondonville. A música relixiosa enriqueceuse coa obra de Marc-Antoine Charpentier e de M-R. Delalande, e a de órgano e de clavecín con N. de Grigny e cos Couperin. Jean-Marie Leclair cultivou especialmente a música para violín. A orquestra desenvolveuse coa incorporación de novos instrumentos (máis violíns, clarinetes, contrabaixos). Pero a rivalidade coa música italiana, que xa tivera lugar a finais do s XVII e a comezos do XVIII, reapareceu coa célebre Querelle des Bouffons que opuxo aos partidarios da ópera francesa tradicional, clasicista e non renovada dende o século anterior, cos da opera bufa italiana, defendida polos enciclopedistas. A pesar da cooperación de Gluck á causa da ópera francesa, a influencia italiana aumentou e, a pesar dalgúns movementos defensores do nacionalismo musical francés (Méhul, Pleyel, Gaveau e o italiano Spontini), o italianismo musical, especialmente en ópera, converteuse en omnipresente, sobre todo dende a aparición de Rossini e dende os triunfos en París de Bellini e de Donizetti. A pesar da tenaz oposición de Berlioz, este predominio italiano non foi roto polo romanticismo musical francés, diluído no cultivo de exotismos musicais, como a orientalización de F. David e o hispánico ou o provenzal de G. Bizet, mentres que Gounod non conseguiu tampouco afastarse de todo do italianismo. A finais de século, os estudios sobre o folclore e a influencia wagneriana -iniciada en Saint-Saëns- provocaron a adopción dun acento persoal na produción de César Franck e dos seus discípulos Vincent d’Indy e Chausson, mentres que Massenet e E. Chabrier permaneceron un pouco máis á marxe. Gustave Charpentier renovou a ópera con Louise (1900) e Gabriel Fauré, xunto con P. Dukas, creou o impresionismo musical, mentres que C. Debussy respondía á poesía simbolista cunha música nova nutrida de modas exóticas e de atrevementos tonais. A figura de Ravel destacou paralelamente. Despois da primeira Guerra Mundial, o Groupe des Six (G. Auric, F. Poulenc, D. Milhaud, L. Durey, A. Honogger e G. Tailleferre) e Erik Satie, que lles deu o seu apoio, loitaron por modernizar a música francesa. Posteriormente, a influencia das procuras na música folclórica (Bartók) e a nova música experimental (Schönberg) promoveron un movemento de renovación na música francesa. Os seus abandeirados foron Y. Baudrier, D. Lesur, A. Jolivet e O. Messiaen, un dos principais representantes da técnica serial no ámbito internacional que vai ter os seus continuadores máis destacados en P. Schaefferi e P. Boulez, fundador e director do IRCAM. Na mesma liña, pero no campo do ensino, cómpre destacar a N. Boulanger. Como cultivadores dunha linguaxe independente destacan H. Dutilleux e M. Ohana e, xa cun espírito neoclásico ou neorromántico, M. Duruflé e J. Martinon. Finalmente, cómpre facer referencia aos organistas e compositores C. M. Widor e M. Dupré.
Frases feitas
-
Despedirse/Marchar á francesa. Irse sen dicir nada, sen se despedir.